Santa corrupción


Se me obrigan a escoller unha palabra para definir o ano que vén de rematar penso que a máis pronunciada e escrita foi “corrupción”, non houbo día no que esa palabra non estivera presente entre as primeiras noticias dos informativos e nas páxinas impares dos xornais, sendo tamén ese un dos temas máis recorrentes nas conversas de café, na cola do paro ou nos paseos polo parque.

Inundouno todo e pasou a ser o tema principal incluso nas axendas políticas, de xeito que cuestións como o desemprego, os desafiuzamentos, a emigración, a explotación laboral, a violencia contra as mulleres, os recortes sanitarios...,perderon a presenza que lles correspondería tendo en conta á súa importancia e gravidade.

Non quero dicir con isto que a corrupción non sexa unha cuestión a ter en conta ou que a corrupt@s e a corruptor@s non haxa que perseguil@s, pero hai xa moito tempo que aprendín a desconfiar cando os medios de comunicación do sistema poñen como principal e as veces como case único un determinado tema.

Esa corrupción da que se fala non é algo novo pero hai interese en poñela de moda agora, a corrupción é só un síntoma ou unha máscara se se prefire, e se non temos iso claro trabucarémonos ao decidir como encarala. A corrupción é igual que a febre ou o pus e calquera persoa cuns mínimos coñecementos de medicina sabe que rematar coa febre ou limpar o pus non significa rematar co problema, ao contrario a corrupción, a febre e o pus permítennos facer unha lectura correcta da situación se somos quen de comprender que son sinais de alarma que agachan un problema moito máis grave, sendo ese problema que agachan a verdadeira causa do noso malestar. Quen centre toda a súa atención en rematar exclusivamente con eses sinais externos estará fortalecendo a verdadeira enfermidade, de xeito que cando busque poñerlle remedio non será posíbel ao estar xa demasiado estendida e o corpo sobre o que actúa moi debilitado.

O capitalismo como sistema precisa as veces liberar presión para manterse e poder seguir adiante, por iso como calquera outro motor o sistema capitalista cando o considera preciso abre as válvulas e solta aquilo que lle permita evitar que gripe o motor.

Falar disto na actualidade cando asistimos ao descubrimento de múltiples casos de corrupción pode semellar de mal gusto e incluso haberá quen considere que estou quitándolle importancia e por tanto indirectamente sendo cómplice. Nada máis lonxe da miña intención, condeno a corrupción, condeno a corruptos e corruptas pero sobre todo considero que debemos condenar a corruptores e corruptoras pois hai niveis de responsabilidade e alguén non se corrompe de non haber quen corrompa.

Vivimos tempos complexos e os niveis de miseria, de preocupación e de medo fan que determinadas mensaxes sexan moi eficaces para desviar a atención das masas nun momento histórico no que o obxectivo de quen dirixen a política e a economía das chamadas democracias occidentais é arrebatar a esas masas, a esas clases traballadoras, o máximo de dereitos salariais, laborais e sociais para encher as contas de beneficios dunha minoría; e para que lles sexa máis doado facelo precisan buscar un chibo expiatorio co que distraer aatención do verdadeiramente importante.

En 2008 cando decidiron intensificar a súa agresión inventaron unha crise que nos obrigaba a tod@s a perder dereitos e botáronlle a culpa dela a uns cantos especuladores bancarios e a millóns de persoas que segundo nos dicían adicáranse durante anos a vivir por riba das súas posibilidades. Ese discurso foi moi efectivo e moita xente interiorizouno asumindo que tod@s debíamos arrimar o ombreiro pois tod@s nos pasáramos levando unha vida de novos ricos en base ao crédito.

Pasado un tempo, ou empezaban a meter na cadea a algúns dos responsábeis desa crise ou podía ser que a xente se mobilizara en esixencia de responsabilidades ao ver que o estado seguía enchendo de cartos públicos aos banqueiros. Entón houbo que construír outro discurso cun novo protagonista, un novo obxecto ao que responsabilizar da situación, e ese novo responsábel foi a corrupción. Non precisaron mudar moito o guión e só fixeron unha pequena actualización de xeito que se daquela a culpa era compartida polos especuladores e pola xente que vivía por riba da súas posibilidades agora os culpábeis son os grandes corruptos tipo Bárcenas e os das tarxetas black que roubaron centos de miles de euros, tratando de convencernos de que son seres malignos e avariciosos que actúan individualmente traizoando a confianza posta neles.

Para nada aparece nese discurso o sistema favorecedor deses casos de corrupción que realmente agachan un problema maior.

Pois a maior corrupción é a que destina millóns de euros dos orzamentos á sanidade privada mentres desmantela a pública, a maior corrupción é a dun sistema fiscal que permite que comparativamente Amancio Ortega pague menos impostos que un traballador do metal, a maior corrupción é a que fai por norma partes policiais falsos co obxectivo de meter na cadea a persoas que se mobilizan polos seus dereitos e polos dereitos colectivos, a maior corrupción é a que di que a máxima autoridade dun estado que se chama a si mesmo democrático é o fillo de quen decidiu un ditador fascista, a peor corrupción é a das leis que permiten a privatización das fontes básicas de enerxía e das empresas estratéxicas e comunicacións...

E fronte a esa corrupción non valen códigos éticos ou acordos de transparencia, é unha corrupción intrínseca ao sistema e para rematar con ela temos que rematar co sistema capitalista.



,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.