Sanidade Pública, intervencións urxentes
No sistema capitalista, se poñemos nunha pesa as persoas e o diñeiro, a balanza inclínase claramente cara aos cartos, porque o capital non entende de humanidade, só entende de mercados, de xuros e de gaños.
Os estados tiñan nas súas mans, cando menos ata hai pouco tempo, unha mínima posibilidade de redistribución da riqueza, de xeito que tamén a humanidade, as persoas, tiveran a oportunidade de vivir cun mínimo de recursos e dignidade. Era o que se deu en chamar o "Estado do Benestar": a Administración Pública controlaba e xestionaba os servizos básicos, véxase educación, sanidade, servizos sociais...
Pouco a pouco imos vendo como estes servizos van escapando ao control e xestión públicos do mesmo xeito que a area fuxe entre os dedos de quen pretende agarrala. Mais isto non sucede por casualidade, claro. As grandes fortunas, a banca, o capital transnacional estaban a perder campo de actuación, xa non tiñan leira na que arar que lles dera boas ganancias, e puxeron as súas miradas nos servizos públicos, onde se moven inxentes cantidades de diñeiro, pero que non estaban achegando beneficios. Mellor dito, beneficios si que achegaban, mais non para o capital, senón para a humanidade, para as persoas, que gozaban dunha boa asistencia sanitaria, duns servizos sociais dignos, dun ensino de calidade, que atendían a todo o mundo por igual, con equidade e sen diferenzas entre quen tén máis ou quen tén menos. O neoliberalismo non podía permitir que uns sectores tan importantes, onde se investían grandes cantidades de diñeiro, non reportaran rendibilidade ningunha ás grandes empresas, ás aseguradoras ou á banca. Así que desde hai tempo, e paseniñamente, foron introducíndose nestes ámbitos grazas á inestimable colaboración dos partidos políticos que sustentan o neoliberalismo: PP e PSOE como cabezas de cartel dun espectáculo de privatizacións, descapitalizacións, deslocalizacións, entrega do sector público ao gran capital, que nos ten levado ata onde agora estamos.
E estamos a metade de camiño, mais o carro colle velocidade. Desde a chegada do PP ao goberno da Xunta, calquera galego ou galega pode comprobar a pouco que se pase por algún centro de saúde ou por algún hospital, a grande perda de calidade que está a padecer a Sanidade Pública deste país. A Consellaría de Sanidade, con Pilar Farjas á cabeza, tén moi claro cal é o obxectivo: reducir á mínima expresión a xestión pública da sanidade e facer o máximo posible por ampliar a marxe de beneficios do gran capital.
Enormes listas de espera, agora tamén en Atención Primaria; peche de camas e servizos enteiros nos centros hospitalarios; escaseza de material; precariedade na contratación de persoal e amortización de prazas; diminución dos orzamentos dedicados a prevención e tratamento de adiccións; retirada de prestacións sanitarias para persoas en desemprego ou sen recursos; construción de novas infraestruturas financiadas co modelo PFI (Iniciativa de Financiamento Privado)... todos son síntomas, graves síntomas, da fraqueza que hoxe padece a Sanidade Pública, e da tendencia cara á privatización dos/as actuais xestores/as dos fondos públicos. Porque as persoas impórtanlles pouco; se hai unha mala calidade na Sanidade Pública, a persoa que poida irá engrosar os beneficios da sanidade privada -coa saúde non se xoga e o primeiro é buscar a solución aos nosos males, inda que sexa pagando-; a persoa que non poida... tanto lles tén, aquí só importan os gaños, non a humanidade.
Ás persoas, á humanidade só nos queda loitar. E no tempo próximo hai dous xeitos de loita. Un, mobilizándonos todas e todos este xoves, 27 de outubro, na convocatoria conxunta que todas as Plataformas en Defensa da Sanidade Pública, reunidas baixo a Plataforma SOS-Sanidade Pública, teñen feito para as 20 hs en todas as comarcas e baixo diversos formatos. Outro, castigando ao neoliberalismo nas vindeiras eleccións xerais o 20 de Novembro, onde só hai unha alternativa: o nacionalismo galego.
Porque á Sanidade Pública cómprenlle intervencións urxentes que alivien a súa agonía.