Salvemos as fragas de Catasós!

Salvemos as fragas de Catasós!

A comarca do Deza ten unha enorme riqueza paisaxística e natural. É unha representación auténtica da Galiza do interior, mantendo ademais a súa poboación e actividades nun nivel moi superior á media do rural galego.

Como encrucillada de camiños, ao mesmo tempo de servirlle para ser o centro neural do país, significou nas últimas décadas unha coincidencia de infraestruturas que xunto cun aloucado desenvolvemento urbanístico pon en perigo a súa esencia e a súa verdadeira riqueza: o seu medio natural.

Por unha banda, houbo un crecemento desmesurado da construción na vila e nos núcleos de poboación. Lalín é o terceiro concello do estado español de máis de 20.000 habitantes cun maior número de pisos desocupados: un 28 por cento, 3.300 vivendas baleiras, 430 locais comerciais sen actividade. E un alcalde empeñado en facer da vila unha “cidade”, como se isto supuxera unha mellora na vida dos seus habitantes. E así fican desenvolvementos urbanísticos convertidos en espazos pantasma, grandes centros comerciais desertos e escuros intereses especulativos agochados.

A coincidencia da autoestrada Ourense-Compostela e da vía de alta velocidade na comarca modificou de xeito moi importante camiños, estradas e vivendas, mais tamén agros, carballeiras e chousas. Unha enorme transformación do territorio acompañada agora de xeito permanente da contaminación acústica que provoca a quilómetros de distancia o paso de vehículos e de trens a toda velocidade, como podemos comprobar nas parroquias de Botos, A Xesta ou Moneixas. Tamén os parques eólicos significaron a apertura de pistas polo monte e unha importante transformación da paisaxe nas zonas máis visíbeis, ademáis das molestias permanentes para a veciñanza, como ocurre en Zobra, na aba do Candán.

Parte da poboación ficou engaiolada coa idea de progreso e mellora asociada, e convencida polo alcalde e o Partido Popular de que a destrución da paisaxe e as molestias son consecuencia necesaria da mellora para Lalín e para a súa vida. Tamén os cartos das expropiacións e dos eólicos anubaron o sentidiño de moita xente, pois a cobiza e a visión a curto prazo ten moita influenza. É verdade que logo algúns caíron en que o AVE non paraba en Lalín, que a autoestrada era cara e que o zunido dos muiños de vento era insoportábel.

A contorna da parroquia de Catasós, a escasos quilómetros da vila de Lalín, malia a súa proximidade á autoestrada e ao camiño de ferro do AVE, veu salvando importantes reservas paisaxísticas típicas dos espazos agroforestais galegos, predominadas por unha ampla cobertura de soutos e fragas, xunto cun mosaico agrario en moi bo estado de conservación. Estas eran as características propias da paisaxe dezana até hai ben pouco, mais xa está a ser relictual e cada nova agresión é moito máis grave por isto. Nesta parroquia está precisamente a Fraga de Catasós (máis acaidamente coñecida como carballeira de Quiroga), unha pequena superficie de case 5 hectáreas declarada de especial protección como Monumento Natural no 2.000, atendendo a que este espazo “presenta unhas características botánicas de grande importancia, singularidade e beleza, cuns castiñeiros considerados os mellores de Europa pola súa lanzalía”.

E agora unha vez máis unha infraestrutura, unha Liña de Alta Tensión (LAT), ameaza non directamente o Monumento Natural, pero o seu trazado vai a rentes, e a fraga de Quiroga non é un espazo illado desconexo do resto que o rodea. Todo o seu bosque ten continuidade cara o rego de Quintela e a Fraga de Casas Vellas, e todo conforma un conxunto de alto valor paisaxístico e natural, e unha representación esquisita da paisaxe agraria tradicional do interior de Galiza. Non se pode meter o Monumento Natural nunha furna acristalada.

Xa ano 2008 os veciños presentaron os primeiros recursos contra o proxecto de Liña de Alta Tensión (LAT) de 132 kV O Irixo-Lalín de Unión Fenosa Distribución ao seu paso por Catasós, nomeadamente no que afectaba á Fraga de Casas Vellas e o rego da Quintela. Para defender as 2000 árbores que inicialmente ían desaparecer na sucesión de soutos e fragas de Catasós constituiuse a plataforma veciñal Salvemos as Fragas de Catasós. A repercusión social e política que está a ter a protesta desta activa plataforma conseguiu certa ambigüidade no posicionamento do alcalde Crespo e obrigou a Unión Fenosa a presentar propostas menos agresivas ca inicial. Pero aínda non é suficiente. Os veciños piden que a liña vaia soterrada baixo a estrada N-525, que discurre por Catasós moi próxima ao trazado actual. Tamén se solicita a declaración das Fragas de Casas Vellas e o rego de Quintela como Espazo Natural de Interese Local, o que lle daría unha protección que impidiría a súa destrución. Gas Natural Fenosa non contemplou en ningún momento o soterramento das liñas, intentando confundir á opinión pública argumentando que non é legal, cando en realidade o Real Decreto 1048/2013 ao que aluden só se refire a como se vai compensar economicamente á empresa pola construción do tendido. Ou sexa, que só é unha cuestión de cartos.

Fenosa contraataca con todo o seu poder mediático. O número de árbores afectadas -segundo as súas contas- vai baixando a medida que aumenta a presión social. Co proxecto xa aprobado anda polas 463 “árbores autóctonas” e coa proposta de sobreelevar a LAT di que só se cortarían seis carballos. O que non aclara é que isto non minimiza de ningunha maneira o risco para a fraga das Casas Vellas, pois en canto se faga a lei de prevención de lumes forestais vaille obrigar ás espolas e cortas de rigor polo paso da LAT, cun raio de afección de seguridade de mínimo 30 metros desde o cableado. Antes ou despois acabarán con eles.

Agora Fenosa ameaza con paralizar un proxecto “vital” para o Deza para “mellorar a calidade do servizo e contribuíndo ao desenvolvemento económico de estes territorios” e culpando delo aos veciños por non deixar cortar seis carballos dunha “zona de arboreda non catalogada”.

Só a presión social e a mobilización pode conseguir preservar a nosa Terra da súa destrución. Igual que se paralizaron outros proxectos como o da minaría a ceo aberto de Corcoesto, pódese conseguir salvar as Fragas de Catasós.