Salvamento


Afundiuse nun instante, á tripulación non lle deu tempo a nada, e menos aínda aos que durmían agardando a súa quenda de garda, non tiveron tempo a subir á cuberta; co golpe contra as pedras as portas quedaron atrancadas, e alí estiveron esperando como viña a morte sen posibilidade de loitar por vivir, mentres a auga entraba polos fendas abertas na bodega de proa, asolagando tódolos corredores.

A morte faciana contra faciana, sen tempo para percibila, achegándose, dura, inflexible, co medo metido no cerebro.

Quedaron para sempre pechados entre pranchas de ferro remachadas e mamparos, á miseria dos que van dun lugar a outro con billetes de terceira, morreron como viviron.

A pesares da proximidade da praia, a brétema facía moi dificultoso avistalos náufragos, aínda para a xente cos coñecementos das súas pedras e dos seus mares, actitudes de heroísmo, riscos arrostrados para conquerilo salvamento, salvamento tomado coma un deber e sentimento das persoas de ben.

A loita durou até o abrente, non se sabía canta xente había nin tampouco canta se salvara, homes e mulleres con síntomas de esgotamento pola axitada noite, alí, imaxes proxectadas na escuridade entre a neboeira, entraban e saían na auga sen reparar en nada que non fora traer xente a terra.

A ausencia de son, ou de ruídos, aparecía de súpeto rompido polas falas, os gritos de pánico dos que se pelexaban coa morte, pantasmas e espectros, daló a tempo algunhas noites escoitábanse berros de auxilio que ningunha gorxa emitía.

Homes e mulleres amarrados a cabos cinguidos o peito, o treito dende a praia até onde loitaban e batallaban por salvala vida, tempo eterno, corpos agoniando.

Da mallante ás pedras semellaba que a duración dos acontecementos non transcorría no tempo, e cada anaco da noite facíase interminábel, por instantes sentían frío ao contacto co mar, tiñan que sacar forzas de onde fora, e non deixarse ir nin pola friaxe nin polo medo.

A media mañá permanecían alí atentos sen outra laboura que facer máis que agardalos corpos devoltos polo mar, ía aparecendo, a praia cruñada de cadáveres sen que ninguén puidera contemplala visión, alleo ó acontecido, rostros tensos, vencidos pola morte e amargados tamén pola morte, choraban coma nunca se vira chorar un ser humano. Que estaría pasando alá abaixo, no fondo do mar, un barco durmindo nun leito de laxes, un baleiro cruñado de vida mariña, o mar batendo coas rochas e co ferro.

De contado había que esquecer, ao fin e ao cabo aquela era a súa vida, a única vida que coñecían e dela estaban feitos de sempre dende a lembranza.

Unha ringleira de cadaleitos agardando para darlle terra, xuíces e autoridades de Mariña repartindo consignas, ordes, e botando ameazas sobre das responsabilidades que poderían ser de orde civil e criminal: irían ao cárcere os que colleran calquera obxecto que chegase á mallante, propiedade da compañía de armadores, donos de todo menos das responsabilidades coas familias dos afogados. Incoaríase o correspondente sumario no concernente ao flete, non para esclarecelos feitos que ocasionaran tanta morte en canto ó balizamento e si á aplicación dos sinais, fixos e flotantes de indicación eran correctos no canal nin, nas condicións que quedaran os náufragos.

Todo iso cando homes e mulleres poñendo en risco as súas vidas se botaran ao mar e salvaran máis de dezaoito persoas. Ningunha daquelas monas uniformadas e altivas serían quen de botarse, con aquela espesa néboa, e por enriba viñan a poñelos de ladróns.