Saír do vestiario
O día 13 de xullo de 2014 saltou ás noticias o facto de o nadador australiano Ian Thorpe, cinco veces campión olímpico e 11 veces campión mundial, ‘confesar’ ser homosexual, como se dunha tara ou dun pecado se tratase. No entanto, a pesar de aparecer como un dos titulares do portal Yahoo, a nova pasou desapercibida para a maioría da xente, probabelmente porque non versa sobre futebol. En honor aos seus e ás súas numeros@s fans tamén falarei sobre o ‘desporto rei’ nun bocadiño, mais de momento centrareime no mundo dos desportos acuáticos. Para quen estea interesado no tema, non podo deixar de recomendar o filme biográfico sobre a vida de Greg Louganis, probabelmente o mellor atleta de salto ornamental da historia, que gañou medallas de ouro en dous xogos olímpicos consecutivos.
Cantos xa van nos últimos anos, e dos bos! Citemos: o nadador Johan Kenkhuis saíu do armario en 2004; Matthew Mitcham (salto coa maior puntuación da historia da competición olímpica), en 2008; Daniel Kowalski (o primeiro home en case 100 anos en levar medallas olímpicas en 200, 400 e 1500 m estilo libre), en 2010; Amini Fonua, en 2013; Ari-Pekka Liukkonen (récord nacional finlandés en 50 m estilo libre), en 2014; e, o meu favorito persoal, Tom Daley (a persoa máis nova en conseguir un ouro nun campionato de natación oficial), que deu o paso en decembro de 2013. Diana Nyad (récord mundial en campionatos de resistencia) xa hai tempo que o fixo.
E, por moitos que xa saíron, a bo seguro o ‘armario’ segue a estar medio cheo, pois non hai ningunha razón para supor que a sexualidade humana funcione de xeito diferente dentro do desporto de elite que no resto da sociedade.
Podo entender que caisquer das fazañas desportivas antes mencionadas se consideren de grande valor xornalístico. Ora ben, alén do espírito noxento do telelixo e da imprensa cor-de-rosa con que pretenden intoxicarnos e anestesiar as nosas mentes, o que non consigo entender é a quen lle pode importar con quen se deita ou de quen se namora outra persoa, pois a min paréceme tan interesante como saber se alguén é louro ou moreno. É verdade que, como moit@s na súa situación, o proprio Thorpe negara publicamente ser gay. Mais hai que preguntarse, por un lado, por que diabos debería ‘recoñecer’ nada? É que non hai nada que recoñecer: cada un pode facer do seu cu un pandeiro... E, polo outro, e moito máis preocupante: Cais son os motivos que o levaron a ter que esconder a súa sexualidade? Seguramente, polo menos, agora poderá treinar máis tranquilamente e aperfeizoar a súa brazada sen ter que preocuparse por se as voitres da imprensa marrón (cor de quen xa se sabe que...) lle fan un outing calquer día destes. Viver na sombra do medo nunca é bo.
Mais non vaiamos crer que é cousa da agua. Tamén pasa nos máis ‘varonís’ dos desportos como o rugby, o boxe, o futebol americano, a loita profisional ou o hóquei no xelo: aí están, por exemplo, Gareth Thomas, Orlando Cruz, Michael Sam, Chris Kanyon (morto por suicidio) ou Peter Karlsson (vítima de asasinato homófobo). A homosexualidade non é cousas de ‘maricas’...
E tamén acontece –como non!– no ‘desporto rei’, esa miraxe que se manexa para facer que a xente olle para o outro lado encanto se está a cometer un xenocidio na Palestina, ese grande negocio que fai que o Brasil desvíe fundos da educación e da sanidade, ese xogo rexido internacionalmente por unha organización acusada de corrupción e subornos, en que os demenciais salarios multimillonarios dos xogadores de elite reciben os aplausos dos mileuristas encanto o fútbol base non cobra. Talvez é por isto que se coñece como o ‘desporto rei’: por lembrar algúns dos escándalos da casa real española...
Sexa como for, todo indica que resulta máis fácil saír do vestiario da piscina que saír da portaría do futebol, pois non me cabe a máis mínima dúbida de que o futebol, feudo do ‘hetero macho’ (non digo que tod@s o sexan), constitúa o principal bastión da homofobia no mundo do desporto. Hai futebolistas abertamente lesbianas, mais, como recoñecen Diane Nyad e Mariah Nelson, xogadora de basquetebol, “no desporto, as lesbianas reciben moito máis apoio por parte das súas compañeiras do que os homes gays.”
Aí están os casos do primeiro futebolista británico que declarou publicamente a súa homosexualidade, Justin Fashanu, que terminou traxicamente en suicidio aos 37 anos, ou as continuadas burlas homófobas que case acabaron coa carreira de Graeme Le Saux simplesmente por o xogador non axustarse ao estereótipo do machote malote, pois nen sequer é gay...
Non é de estrañar, pois, que o publicista Max Clifford se dedicase a asesorar futebolistas para manteren unha imaxe heterosexual, recomendándolles que ocultasen a súa sexualidade porque “o futebol británico segue metido na idade das tebras, imbuído de homofobia [...]. Se un futebolista de elite saíse do armario acabaría coa súa carreira [...], non porque os proprios xogadores sexan homófobos, mais porque os seareiros poden ser moi brutos”. Obviamente, isto non se restrinxe unicamente ao futebol inglés, o que explica por que Thomas Hitzlsperger esperou á súa retirada antes de tornar pública a súa sexualidade co fin de “impulsar o debate sobre a homosexualidade no desporto profisional”.
Non debería ser necesario que estas persoas e moitas máis teñan que desvelar a súa vida persoal máis íntima e denudarse ante dos focos da opinión pública, mais, infelizmente, hoxe por hoxe é preciso visibilizar a homosexualidade como algo normal para despois poder superar este tipo de etiquetas. Entretanto, por teren que esconder quen son e viviren unha mentira por medo ao rexeitamento e á violencia, hai moitas raparigas e moitos rapaces que o están a pasar verdadeiramente mal: de facto, a taxa de suicidio é até 4 veces máis elevada entre os homes gays en comparación co resto da poboación.
Queiramos ou non, hai quen precisa de ídolos e figuras en quen verse reflectid@, e merecen os nosos aplausos as heroínas e os herois que desafían o medo e non esconden a súa sexualidade para poderen viver libremente e ser simplesmente o que son e queren ser: desportistas, estudantes, artistas... En definitiva, persoas.