Sacáteme de diante!
En semántica, rama da lingüística que estuda os significados das palabras, existe a figura do campo semántico ou conxunto de palabras con significados relacionados. Fagamos un pequeno exercicio de transvasar esta técnica á política, tentando elaborar algo parecido aos campos semánticos de "progre" e "nacionalista":
tema: "progre": nacionalista:
clases sociais superadas interclasismo
clase obreira distanciado imprescindíbel
clases populares anticuadas piares
patria o mundo (español, claro) Galiza
acción social individualismo colectivas
globalización acérrimo partidario contrario
dereitos individuais centrais, únicos importantes
relacións sociais elitista popular
U.E. actual partidario oposto
orixe internacional socialista movementos liberación
esquerda/dereita terceira vía esquerda (por nacionalista)
economía neoliberalismo alternativa
forza política PSOE BNG
Como se ve, "progre" e "nacionalista", se non son antónimos, moi pouco lle falta. Os "progres" andan arredor do PSOE; non só andan, senón que mandan moito nese partido. Desde a "nueva vía", coa que Zapatero, xunto a Trinidad Jiménez, Pepe Blanco e outros, gañou o congreso do PSOE, o "guai" e o "moderno" primaron sobre a seriedade, o rigor e as políticas claras; centraron todo nas liberdades individuais, desviando as políticas económicas de fondo, as que dan de comer a xente, cara as receitas máis duras do neoliberalismo.
Agora vai resultar que as primarias de Madrid, a negación da crise, as medidas retrógradas do Goberno do Estado, as características de certos/as ministros/as, a composición e acción de goberno do PSOE no bipartito galego, non son consecuencia da "nueva vía" do PSOE? A culpa vai ser dos que non somos suficientemente comprensivos cos "progres"!!.
O BNG ten un filón, un verdadeiro punto forte nesta deriva do PSOE e as consecuencias que está traendo, cada día mais evidentes. Estamos en condicións de aproveitalo?
Podemos, e está á orde do día, opornos ao PSOE por algunha medida concreta, pola reforma laboral, polas medidas antipopulares que adoptaron ultimamente. O problema xorde cando entramos en críticas de fondo, non de conxuntura, á liña política do PSOE actual. Hai indicios de que a "nueva vía" de Zapatero, na mesma onda da terceira vía de Tony Blair, Gerhard Schöder e Ségolène Royal, en síntese, o socioliberalismo substitutivo da socialdemocracia clásica, non pode ser criticada coa contundencia que merece sen levantar suspicacias dentro do propio BNG.
Estamos todos de acordo en que, tacticamente e con moitos problemas, pode ser conveniente ter pactos co PSOE; estamos todos de acordo en que no BNG collen todas as ideoloxías, mentres o nacionalismo sexa factor predominante, pero disto a agarrarse ao socioliberalismo, ao PSOE na súa versión máis descafeinada, media un abismo.
E non só por razóns ideolóxicas de fondo, que as hai, moi marcadas e profundas; inclusive por meras razóns tácticas: o PSOE dos "progres", do "talante", da "pose", da "terceira vía" sen substancia, estase vindo abaixo estrepitosamente. Cando hai "baróns" do PSOE que tratan de desmarcarse da liña zapateril, poden existir sectores do BNG que prefiren afundirse con el?. Non mo pode crer!. Seguro que é un malentendido!
Aproveitemos, fagamos política propia sen ataduras nin condicionantes, esquezámonos dos inventos de "oposición a dous", "alternativa a dous" e outras subordinacións mentais e políticas. Que cada forza política percorra o seu camiño propio e xa teremos tempo de abondo para atoparnos, se é o caso; o que teña que ser, será.
Empecemos xa!, e nada máis tonificador e liberador de enerxías que exclamar, con convencemento e contundencia:
"sácateme de diante!, "progre", sácateme de diante!!
Prospecto.- Segundo os últimos estudos científicos, a exclamación final ten unha eficacia elevadísima para liberar o espírito nacionalista xenuíno. Unha soa aplicación non adoita ter efectos; fan falla varias diarias, durante un período de tempo variábel, que non adoita superar as dúas semanas. Recoméndase misturar aplicación individual con colectiva para resultados óptimos.