Sabemos quen sodes vós


Foi Celestino Fernández (omito o segundo apelido, de la Vega, por resultar un patronímico intruso no idioma no que escribiu o libro) quen teceu un ensaio interpretativo sobre o humor. Dúas ideas prevalecen no seu tratado. Nos extremos atópanse a traxedia e a comedia. O humor está no medio. Voulle dar eu á súa teoría unha expresión metafórica. Mesturando o riso da comedia co pranto da traxedia dá como resultado o sorriso do humor. Outra das conclusións á que chega Celestino é a atribución xeográfica de cada unha das dúas culturas. A traxedia e a comedia son propias da civilización mediterránea. Grecia, Italia, España. A Cervantes, figura senlleira do humor ibérico, salvárono os dous apelidos galegos. O humorismo identifícase coa cultura atlántica. Rezuma na obra de Charles Dickens en Inglaterra, Castelao en Galiza, Castelo Branco en Portugal. Pero teñamos en conta que as expresións humanas nunca se manifestan en estado quimicamente puro. Lembro aínda as gargalladas que provocaban os laios dalgunhas plañideiras que non hai moito acompañaban os defuntos desde o derradeiro suspiro até a entrada na cova. Resulta fácil pasar dun extremo a outro sen que haxa que pasar polo medio.

Ninguén dubida da fecundidade da terra galega para a produción humorística. É a mellor maneira que ten o pobo de enxugar as bágoas. Está presente no pincel de Laxeiro, no lapis de Castelao e na Esmorga de Blanco Amor. Se me apurades, tamén na espátula que modelou as cerámicas de Baltar e no cicel dos canteiros que esculpiron as gárgolas das igrexas medievais. A pena é que a elegancia e finura do humor derive algunhas veces en chocallada. Esta mutación dáse actualmente no eido da política. Cerradas as salas de espectáculos, caído o pano dos escenarios, a farándula trasladouse agora ás rodas de prensa convocadas nos cafés, para que algúns xubilados sen representación política reclamen un papel de extras na comedia. ¡Home, sempre é mellor facelo así e non a puñetazos! Sería preocupante se os protagonistas non tivesen detrás un historial que invalida o que se oferta como promesa. Un historial que deixa ao descuberto o rabo do raposo. Como as mañas destas vulpexas son de sobra coñecidas, vou tomar a broma o que se pretende vender como bandeira. Xa o nome escollido como reclamo se presta a mofa. ¿Quen serán eles? ¿Os que repican ou os que desfilan na procesión? ¿Os que van á feira ou os que volven do mercado? A indefinición non é gratuíta. Canto máis oculta apareza a rede maiores posibilidades teñen de enganar e capturar o peixe uns mariñeiros especialistas na pesca en río revolto. Hai un problema. Ignorando como son non sabemos se dentro da plataforma caberemos nós.

Antes de elaborar o produto -actualmente en probas no laboratorio de Groucho Marx- créase o lema para vender a mercadoría. É un método experimentado con éxito pola moderna mercadotecnia. A idea de "unir os galegos" paréceme acertada. Ten de malo que pode prestarse a varias interpretacións. Era a proposta dalgún compañeiro para que Galiza puider competir con éxito na liga española. Reducir o Celta e o Deportivo a un só equipo, en lugar de xogar por separado e enfrontados entre si. Unha teoría que arrinca dunha nova modalidade filosófica. Cos xenios que nós temos podemos prescindir de Aristóteles. Oscila un pouco entre os Diálogos de Platón e os preceptos bíblicos de Moisés. Non é lícito separar o que Deus uniu. Foron os políticos -os de esquerda, visto é- os que dividiron a sociedade en clases, en ricos e pobres, en culturas diferentes. Hai que devolver o home ao edén do que procede, reunindo outra vez o que orixinariamente non estaba separado. Vaiamos todos os galegos á misa dos domingos e a comungar por pascua florida. Tomemos exemplo das mandas de animais. Fórmanse os grupos por afinidade de especie e non de intereses. Concretemos a fórmula sinxelamente enunciada. Dado que de alternativa política se trata, pois parece ser que así se inscribiu no rexistro, empecemos xuntando os galegos do PP cos do PSOE, os do Bloque cos de Esquerda Unida, os nacionalistas cos españolistas. Deste xeito faremos do noso país unha patria, ou case mellor unha matria, se queremos depurala de connotacións machistas. Unha, grande e libre, como rezaba a lenda do escudo franquista. E, ¿por qué non?, gordos e fracos, altos e baixos, homes e mulleres. Como a fórmula non se entregou co libro de instrucións, son múltiples as interpretacións que dela se poden facer.

Non é isto, non é isto, contestarán parodiando a Ortega os que se sintan aludidos. A miña versión será caricatura, pero en nada deforma os trazos da que se nos ofreceu a través dos medios de comunicación. Por certo, bastante xenerosos, dándolle á reunión de catro comparsas de entroido titulares máis rechamantes ca os que a prensa galega lle adicou á morte de Castelao. Vou seguir alumando ao lector coa cera que arde no candelabro. A única candea acesa é a da "unidade". Pero pouca credibilidade pode ter unha oferta que leva como avalistas os que se distinguiron por rompela, bolboretas que voan de flor en flor, e que as abandonan cando quedan sen néctar que chuchar. Sexamos precisos, dado que as vaguidades en política derivan en demagoxia. O concepto de "unidade" é dos poucos que non admiten abstraccións, por iso na escrita van case sempre acompañados de adxectivos, a poder ser determinativos, para evitar que os oportunistas os utilizan como bólas para xogo dos rapaces.

,
Non é lícito falar de unidade se non se estabelecen os parámetros nos que debe fundamentarse. Explícao mellor a caricatura que utilicei atrás. A afinidade pode ser máis ou menos estrita pero ten que habela. Abramos o abano nacionalista, desde a escisión ao Estado confederal. Pero se nel se queren introducir alternativas intermedias hai que expresalas, non deixalas a interpretacións ambiguas. Falan entre dentes os que non saben expresarse ou queren ocultar parte do que din. O máis chocante é que poñan a unión como obxectivo os que empezaron por rompela, porque as súas discrepancias non caben dentro dela. O aforismo clásico considera a historia a magister vitae. Non é preciso remontarnos moitos anos atrás para comprobar os bandazos de sectores que propugnaban un nacionalismo máis atractivo e non tardaron en sacrificalo a alternativas que pouco teñen que ver con el. Valoración que vale tanto para os defensores da trincheira como da apertura. Xa os temos xuntos outra vez. ¿Por canto tempo, xa o veremos? Unha advertencia máis para a prevención de incautos. Non hai nacionalismo sen nación, nin esta sen idioma. Polo tanto, non existe máis nacionalismo que o nacionalismo que fala en galego.

Como non conto con testemuñas de primeira man teño que fiarme das subministradas pola prensa. Supoño que tomarían da boca dos promotores que o novo partido non pretende competir electoralmente. ¿A quen se pretende engaiolar? A ausencia reiterada dos procesos electorais conduce á cancelación do rexistro de asociacións políticas no que acaban de inscribirse. Quizais sexa unha torpeza máis das moitas que cometen estes ignorantes. Como o importante non son as formas, entremos no fondo da cuestión. Descartada a utilización das urnas, quédanlles dúas vías de actuación. A do púlpito e a do tiro. A segunda resulta demasiado perigosa, sobre todo para xente que non se distingue pola súa valentía. A primeira esixe formación e adicarlle tempo a un traballo non remunerado, algo que non casa coas apetencias dos que ven na política unha maneira de non volver baixar o lombo para darlle ao mazo. Agardemos que os protagonistas non diriman as diverxencias a trancazos, pois non habendo codelos que disputar tampouco quedan motivos para a liorta.

Hai outro aspecto do que non quero demorar o comentario para mellor ocasión. Cando ferve aínda a auga na que non hai moito nos escaldamos, resulta unha ofensa que se nos ofreza agora para apagar a sede. Que se presente como salvador do nacionalismo quen deixou embarrancada a nave que pilotaba, máis que insinuación intolerábel parece unha provocación delitiva. Ofende que enchese o barco de polisóns. Se por enriba lles entregou o leme e as chaves da bitácora, ademais de insensatez resultou unha labazada para a militancia formada e capacitada para levar a cabo o proxecto político nacionalista. Os arribistas apresuráronse a baixar da embarcación na primeira escala, sen agardar ao remate da travesía. Que unha plataforma se presente co aval dos que colleron o carné a cambio dun salario vai máis ala dun simple rubor. Produce vómitos. A miña opción está suficientemente clara. Se a consecución dos obxectivos políticos que defendín durante unha vida depende destes elementos (da canallada de intrusos oportunistas), prefiro unha derrota honrosa a unha vitoria con vilipendio. Non fai falta que o digades. Sabemos quen sodes e de onde vindes. Sodes os mesmos que vos desmarcastes pola dereita do nacionalismo vasco e catalán chamado moderado, porque antepoñedes o Estado de dereito, o da Constitución, ao dereito das nacións. Se me apurades moito sacarei os recortes que conservo na miña desordenada hemeroteca. Para o voso castigo, é unha pena que aqueles a quen confiastes o trunfo vos devolvan as loanzas de outrora convertidas en lagañas.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.