Rumbo á soberanía fiscal

A derradeira sesión celebrada do Consello de Política Fiscal e Financeira foi precedida e sucedida dun balbordo mediático argallado polo Partido Popular cunha clara intencionalidade electoral, que con todo amosa con nitidez as secuelas do errático modelo institucional vixente no Estado español, do punto vista distribución de competencias entre os entes territoriais e do necesario financiamento que ha de levar aparellada para poder atendelas axeitadamente.
O ton crítico que esgrimiron os dirixentes en representación das Comunidades Autónomas agora gobernadas pola forza política que se erixe como alternativa deixou a salvo, non obstante, os trazos básicos do vixente modelo de financiamento territorial, baseado na corresponsabilidade fiscal limitada. Non podía ser doutro xeito, dado que, tanto PP como PSOE botaron man, nos seus elementos esenciais, do mesmo sistema de financiamento territorial cando ostentaron responsabilidades de goberno, e partillan unha férrea defensa da asignación á Facenda Estatal do papel de recadadora dunha inmensa maioría dos ingresos tributarios, isto é, coinciden en que sexa o Goberno central quen mantén no seu poder a chave da caixa que contén a maior parte dos recursos económicos públicos e que as Comunidades Autónomas unicamente sexan receptoras de entregas a conta en función dos servizos e das competencias que lles foron atribuídas.
A permanencia dese esquema de absoluta centralización dos ingresos públicos ao tempo que se consolida a xestión descentralizada dos servizos públicos que máis gasto consumen non foi discutida, senón que precisamente en base a dita contradición o Partido Popular, e con máis recorrido Feijoo en Galiza, veñen articulando un discurso que perpetúa o modelo ao cinguirse a reclamar maiores recursos públicos ao Estado, lexitimando así ese rol de recadador e xerador de ingresos.
As dificultades de financiamento que padece a facenda galega, sobre todo no que atinxe a asegurar a viabilidade de servizos públicos esenciais como os sanitarios ou educativos, mal arranxo acadarán se o que se pretende é persistir en asistilos en base á extensión das transferencias económicas estatais. Esa estratexia, que o Goberno do PP en Galiza se afana en espremer, non só consolida unha imaxe de subordinación e dependencia, pois temos que seguir pendentes de Madrid para que funcionen servizos que desde Galiza temos competencia e responsabilidade plena para xestionarmos, senón que ademais nos sigue a homologar a outros territorios cuxas necesidades e aspiracións son ben diferentes.
Nas cábalas electorais do PP encaixa á perfección ese posicionamento de curto alcance, empregando munición de fogueo, tanto para escudarse en pretextos cos que xustificar a nefasta xestión no exercicio de Goberno en Galiza como tamén para reafirmar que nos asuntos que máis afectan a todos os galegos e galegas aínda temos que seguir agardando ao ditame de Madrid.
Cómpre altura de miras e avanzar un chanzo máis, botar man de armamento dialéctico capaz de afundir as bases do actual sistema de financiamento do entramado institucional no Estado español que aboca a que as institucións que maior gasto soportan por teren a competencia, e por tanto, por estaren obrigadas a xestionar servizos básicos á cidadanía, teñan limitada a capacidade de obter unha grande parte dos seus ingresos ás transferencias enviadas desde a administración central.
O novo enfoque das necesidades de financiamento de Galiza ha de partir dunha orde inversa a que até o de agora veu sustentando o PP na Xunta de Galiza, en apartarse da asunción dun sistema fiscal no Estado español único que nos fornece de recursos en base a regras de reparto comúns para todas as institucións territoriais, para pasar a deseñar un modelo de facenda pública, con bases fiscais propias en función da nosa realidade, que nos permita xerar e recadar ingresos públicos desde Galiza, superador do atraso económico ao que nos ten levado a lóxica do modelo económico e fiscal vixente.
As dificultades económicas actuais retratan a inconsistencia do vixente modelo institucional que alberga o marco constitucional vixente, que é inherente a un deseño estrutural onde ao mesmo tempo se pretende ceder autonomía política conservando un ríxido control unitario dos recursos económicos públicos, onde se inviabiliza un grao mínimo de autonomía financeira coa que aspirar a satisfacer o gasto público considerado socialmente desexábel para o país.
Non abonda, xa que logo, con achegar solucións conxunturais que respectan as bases económicas sobre as que está construído ese modelo institucional en vigor. Non é tempo de revisar os materiais empregados na súa construción e acaso reparar ou reforzar aqueles danados. É preciso edificar sobre novos planos, inspirados na soberanía fiscal de Galiza abeirada nunha autonomía tributaria plena, e non en perpetuar a unha pseudo-autonomía financeira sempre subordinada aos designios da política económica e fiscal ditada polo Goberno central de turno.