Rosana
Estes días temos a bisbarra do Barbanza cruñada de esperanza, xa que o Nacionalismo Galego volve a ter representación no Congreso. Tivemos que agardar setenta e seis anos, o tempo que vai dende que Castelao foi expulsado pola forza das armas ata a chegada de Rosana.
Un home de Rianxo e unha muller da Pobra.
Non vou dicir nada do irmán Daniel, xa que a súa figura conta cunha dimensión importantísima tanto no eido político coma tamén no cultural. Unha figura sobranceira.
Agora ben, quero expresarlle a Rosana o que sinto, xa que ó longo de vintecinco anos sempre foi unha honesta compañeira de loita pola mesma patria e unha boa amiga. Sempre leal á amizade.
O seu traballo anunciase coma unha primavera sempre a prol das labregas, mariscadoras e traballadoras da conserva, que forman parte dese tecido que tanto leva defendido. Ela veu moi de contado que chegara o intre de loitar pola igualdade cos homes.
O seu feminismo medra cun forte discurso nacionalista defensor da Terra da cultura e da lingua, argallando o movemento de liberación da muller. Pechas un ciclo e abres outro que de seguro será moi importante para o nacionalismo da Barbanza e, para ti, xa que contas co talento preciso, a estratexia necesaria, a forza e a madurez política.