Rompamos o patrón!


Como todos os anos, o 25 de novembro celebrouse o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller. Unha data para lembrarmos as vítimas do terrorismo machista do noso País e do resto do mundo: as que foron asasinadas, as que son maltratadas, violadas e culpabilizadas e os milleiros de nenas e mulleres vítimas do terrorismo patronal. Tamén as que levan anos padecendo, aterradas, o acoso sexual no traballo, presas da indiferenza e do silencio dos medios de descomunicación até que deron cos escándalos morbosos de Hollywood.

A violencia ten moitas caras. Às veces –poucas, moi poucas– capta a atención fugaz dos medios. Mais a maioría das veces pasa desapercibida e desatendida e, por tanto, calada e consentida. O feminicidio é a ponta do iceberg, o ponto de non retorno tras anos de escala de abusos físicos e psicolóxicos. E o máis habitual é que sexa a muller quen teña que pagar o prezo da violencia machista por duplicado, véndose obrigada a mudar despois de casa, de cidade e de traballo.

As permanentes agresións machistas de todo tipo que rodean as mulleres tamén son violencia.

Tamén é violencia a hipersexualización das nenas cando, por exemplo, se declara unha rapariga de 13 anos unha das actrices máis ‘”sexy”. Logo non é de surpreender cando se ve unha meniña de 8 anos a cantar “me gusta que no me quepa en la boca”, reproducindo así estereótipos de submisión que sustentan a cultura de violación que permea a sociedade patriarcal.

Tamén é violencia cando a maquinaria da “xustiza” machista se burla das mulleres e as insulta, ao declaralas participantes anuentes de violacións, mesmo no caso de menores. Logo non é de estrañar cando se ouve dicer que “Ella disfrutó más que yo”, xa que está lexitimado pola lei.

Tamén é violencia cando se trafica e se mercantiliza o seu corpo (trata, prostitución, barrigas de aluguer, doazón de óvulos...) e cando se nega ás mulleres poderen decidir libremente sobre o seu proprio corpo (aborto libre e gratuíto…).

Tamén é violencia cando a medicina sexista feita por homes e para homes fai que as mulleres corran maior risco de morreren dun infarto ao non receberen un tratamento axeitado por descoñecemento dos sintomas específicos dun ataque cardíaco e cando a psiquiatría ceba as mulleres con psicofármacos, tornándoas dóceis e manexábeis e consumidoras de por vida, para maior lucro da industria farmacéutica, unha situación que se agrava moi notabelmente na Galiza.

Tamén é violencia o foso salarial e o teito de vidro, a dupla xornada e a escravitude doméstica que relega as mulleres à categoría de cidadás de segunda.

Mais non son datas só para lamentar e laiarse antes de pasarmos a outra cousa. Son datas para a raiba, a resistencia e a rebeldía; para seguirmos loitando por todos os medios para que as mulleres deixen de ser vítimas e pasen a ser persoas. Infelizmente, a autodefensa feminina segue a ser necesaria e serve para afianzar autoestima, polo que se deben aplaudir iniciativas como o obradoiro non-mixto de autodefensa feminista dentro das I Xornadas: Destruíndo o cisheteropatriarcado, organizadas por Galiza Nova para empoderar as mozas do País e axudar a acabar co esteoreótipo da muller como vítima pasiva. É, con certeza, unha arma máis poderosa que o insultante e vergoñento cartaz institucional da Xunta que retrata a muller como parte do patrimonio urbanístico; un ben inanimado que debe ser coidado para que non deixe de ser admirado.

Mais aprender a protexerse non abonda para erradicar o problema, acabar co flaxelo estrutural. Quen ten que levar a culpa e mudar son os homes que acosan, violan e matan, educados para o faceren.

Sen acosador, sen maltratador, sen violador, sen asasino, non hai acoso, non hai maltrato, non hai violación e non hai asasinato. Por isto, dentro das mesmas xornadas organizadas conxuntamente pola Asemblea LGTBI e a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, organizouse un obradoiro sobre a desconstrución das masculinidades para contribuír a destruír os privilexios patriarcais dos homes.

Por isto o BNG acertou este ano en pór o dedo na ferida ao lanzar a campaña “Rompe o patrón” que interpela os homes para que se interroguen acerca do seu proprio comportamento. Coloca tres preguntas: “Ameazáchela, dubidas se ela quería sexo ou espiaches o seu móbil” que, apesar de seren prácticas habituais e asumidas como aceptábeis pola sociedade en que vivemos, seguen a constituír situacións de violencia contra as mulleres.

Como si ben dixo o dirixente do Partido dos Panteras Negras, Eldridge Cleaver: «Xa non existe neutralidade no mundo. Ou ben tes que ser parte da solución, ou ben acabas sendo parte do problema.»

Rompamos, pois, os patróns! Deixemos de nos acomodarmos nos nosos privilexios masculinos! Varramos o machismo e loitemos para construírmos un mundo mellor, unha Galiza onde cada persoa poida viver libremente, con dignidade e en igualdade!