"Romance sonámbulo" da Terra Galega

"Romance sonámbulo" da Terra Galega

Nas resecas terras do centro, sur e leste da Península Ibérica, na zona de influencia do deserto do Sáhara, salvo en inhóspitas montañas e algún enclave privilexiado, a carencia de vexetación, de "verde", de arborado no que protexerse do sol e gozar do contacto coa natureza é un problema de primeira magnitude. Só as zonas verdes artificiais, urbanas, poden mitigar, que non resolver, este grave hándicap.

Na Galiza temos un territorio cunha vexetación, cun "verde", exuberante que se está a converter nun grave problema polo seu descoido, consecuencia do abandono da agricultura e gandaría. Exceso de "verde" espontáneo e descontrolado que nos martiriza con peche de camiños, incendios, e outras consecuencias nocivas e indesexábeis. Uns por tanto e outros por tan pouco!

Compartindo o mesmo obxectivo: "as persoas debemos ter ao noso alcance "verde", vexetación, de uso e desfrute universal", ante situacións tan diversas, os esforzos deberían dirixirse a adoptar medidas adaptadas a cada realidade. Zonas verdes artificiais e forzadas nas áreas de secarral; ordenación e posta en valor do verde natural e espontáneo que existe en Galiza.

Nun debate ao respecto, dous "progres" galegos (aclaro, que os hai moi susceptíbeis: non son nacionalistas e un deles ten sona como urbanista do PSOE) defendían as urbanizacións de "chalets" ou edificios con moita zona verde artificial ao seu arredor. Para sorpresa case xeral, un catalán argumentoulle que en Galiza, con saír ao rural xa se podería ter todo o "verde" que quixeran, e se vivían nunha aldea, pasar a vida termando que o "verde" non lle invadise as fiestras. Vía absurdo destrozar máis territorio con urbanizacións e zonas verdes artificiais.

Nin vendo a argumentación de persoas de fóra; nin así se arredaron os "progres". Que si unha urbanización en Cidade Real tiña moita zona verde con preciosos "arbolitos" (vulgares plátanos, pero claro, os de fóra son preciosos), que si o urbanismo en Galiza era un desastre por falla de "verde". A discusión rematou coa seguinte sentenza do poñente catalán: "A miña sensación é que pensades como se estiverades en Murcia; os que somos de afora, parece que vemos diferente o que pasa en Galiza".

A Sentenza 61/97 do Tribunal Constitucional deixou claro que as competencias en urbanismo son das Comunidades Autónomas. Se a lexislación urbanística e concomitantes están ou non adaptadas á nosa realidade é unha cuestión exclusiva da Xunta de Galiza. Maioritariamente é do Partido Popular, con varias engádegas do bipartito, algunha afortunada, pero de non demasiada relevancia para o fondo que tratamos.

En que dirección das dúas que se describiron na polémica anterior se decantan as normas galegas? Pois, por desgraza, na dos "progres" galegos. Para non facer un catálogo de disposicións, convido a quen queira e teña interese, a ver a Lei urbanística de, p.e.: Murcia. (Valería igual Castela-A Mancha, Andalucía, Valencia,...). A conclusión é evidente: en canto ás zonas verdes, a lexislación galega está perfectamente adaptada á situación de Murcia, incluso podería dicirse que mellor que a propia lei murciana. A adaptación á realidade galega, brilla pola súa ausencia tanto na Lei galega, como, loxicamente, na murciana. E nin tan siquer lle podemos botar a culpa a que a normativa é do Estado; é galega, do Parlamento galego, do PP, sen condicionantes alleos. Terríbel.

Escribía Lorca hai 86 anos aquilo do "verde que te quiero verde" no seu poema "romance sonámbulo"; o título non pode ser máis acaído para a situación descrita. Tanto os progres como o PP andan permanentemente buscando os octosílabos para acadar que Galiza rime, aínda que sexa en asonante, co xenuíno romance español. Sonámbulos en relación ás características propias de Galiza é un adxectivo por demais suave para describir a súa cegueira para o propio e o seu papanatismo co alleo.

E se o noso territorio non hai xeito de facelo rimar co mesetario e levantino español?; pois nesta disxuntiva, en vez de tratar de crear verso propio, tanto o PP como os "progres" optan cegamente polo vulgar e simplón "español!, español!, español!", renunciando de antemán a calquera tipo de rima entre realidade do noso territorio e a norma galega.

P.D. 1.- Que pintan os "progres" cando a lei é do PP? No Pacto de Goberno bipartito asinouse, a instancias do BNG, o compromiso de adaptar a lei á situación galega. O PSOE negouse en redondo; os "progres" inspiraran, participaran e estaban encantados coa lei urbanística "levantina".

P.D. 2.- Receita básica para elaborar unha proposta urbanística axeitada á Galiza: cura de desintoxicación profunda, a fondo, para poder ver a nosa realidade sen prexuízos alleos. Esperta do teu sono!