Rexeitamento unánime do municipalismo galego á Reforma Local

Rexeitamento unánime do municipalismo galego á Reforma Local

Cando se afronta unha Reforma como esta, unicamente baixo un único criterio, estabilidade orzamentaria, que ademais resulta ser falso, o fracaso será o único resultado. Claro que en realidade este criterio é a desculpa buscada para agochar a aplicación dunhas ideas políticas reaccionarias e claramente recentralizadoras. Búscase cercear toda capacidade de facer políticas alternativas desde un concello que palien os devastadores efectos que este austericidio da troika está a provocar.

En primeiro lugar é falso culpar e consecuentemente aplicar unha estabilidade orzamentaria a unha administración local para nada responsábel do déficit do Estado. E é que os números cantan, en cifras redondas (12/2012) o Estado aporta ao déficit 800.000 millóns de euros, 200.000 corresponden ás comunidades autónomas e 35.000 á administración local, cifra ridícula comparativamente e máis tendo en conta a cantidade de servizos que prestan os concellos. E aínda máis, deses 35.000 millóns nada menos que 7.429 corresponden á cidade de Madrid, a quinta parte de todo o déficit, relaxing débeda que nun discurso de austeridade non impediu a dilapidación, con ridículo incluído, dos cartos de todos e todas nunha delirante candidatura olímpica. Na Galiza isto aínda é máis sangrante xa que entre todos os concellos do país teñen unha débeda de 773 millóns, menos que Málaga, Zaragoza, Valencia, Barcelona e o propio Madrid individualmente. Até o propio concello de Xerez (215.180 habitantes e 526,5 millóns) case iguala en débeda a todos os concellos galegos xuntos.

,En segundo lugar as medidas propostas en absoluto traerán como resultado unha rebaixa da débeda, máis ben un recorte en cantidade e calidade de servizos imprescindibles para a cidadanía. E para mostra un botón, na memoria que acompaña ao Proxecto de Lei defínense como impropios servizos que por proximidade solo os concellos poden prestar, e por ser impropios quítanselle aos concellos, traendo como consecuencia a súa supresión porque ningunha outra administración os asume senón, solo nos rendibles economicamente, o sector privado. Nun delirante pinchacarneiro contable a súa supresión sumase como eficacia e eficiencia, pasando a formar parte importante do aforro declarado polo Proxecto de Lei.

Galiza o que precisa é un mapa local propio definido por ela mesma e adaptado as súas características sociais, económicas e territoriais, no que desaparezan as deputacións, organismos decimonónicos, ineficientes e de escasa lexitimidade democrática, que para colmo son potenciados polo Proxecto de Lei e que na actualidade levan tantos cartos como todos os concellos xuntos, gastando na súa propia existencia porcentaxes vergoñentas que as veces superan o 90% do recibido. Galiza tamén precisa dunha nova Lei de Facendas Locais, xa que o actual modelo de financiamento local solo outorga unha pequena parte de recadación tributaria aos concellos, impedíndolles ou dificultándolles a súa autonomía en impostos propios e mesmo obrigándolles a levar a cabo exencións fiscais, de marcado cariz confesional, a organizacións relixiosas como a Igrexa Católica ou a darlles enormes bonificacións tributarias a grandes empresas.

No marco da Federación municipalista galega aprobouse por unanimidade de todos os partidos representados na súa Executiva un moi duro documento que rexeita contundentemente o Proxecto de Lei e propón aos partidos representados no Congreso dos Deputados unha serie de emendas para que sexan tidas en conta para a súa presentación no trámite parlamentar do Proxecto. Esta mesma semana (11 de outubro) a Fegamp celebra unha Asemblea Xeral Extraordinaria na que someterá á consideración de alcaldesas e alcaldes o texto acordado unanimemente pola Executiva. Nesta Asemblea e con apartacións de todas e todos o documento poderá ser enriquecido e por riba de calquera outra consideración política expresará o rexeitamento total e absoluto de todo o municipalismo galego ao Proxecto de Lei, ao que se lle augura, caso de ser aprobado pola maioría absoluta do PP no Congreso, un camiño cheo de atrancos pola súa inconstitucionalidade evidente ao invadir competencias autonómicas e atentar contra a autonomía local defendida pola propia Constitución (sacrosanta para algúns) e pola Carta Local Europea. Camiño que rematará nas vindeiras eleccións cando partido popular perda a súa situación actual e un goberno de distinto signo acabe con ela definitivamente.

Vai sendo hora de que remate a democracia (?) representativa que supón catro anos de cheque en branco facendo e desfacendo ao propio antollo e sen nada a ver có programa electoral sometido a consideración, e que veña dunha vez a democracia participativa, na que todas e todos teñamos capacidade de control sobre o goberno e mesmo participemos do seu desenvolvemento, e non soamente en decidir si en determinado sitio facemos unha rotonda ou un parque senón tamén no reparto das partidas orzamentarias en atención ás necesidades da propia poboación e non dunha nefasta troika.