Revivindo Castelao


A Xosé Lois, O Carrabouxo, con agradecemento


La Esfera (5-10-1918), revista gráfica de información xeral, unha das mellores do seu tempo no Estado español, publicaba un extenso artigo, con ilustracións, de José Francés, o máis autorizado crítico de arte da Corte madrileña, co título "Un gran dibujante gallego, Alfonso R. Castelao". Léndoo, e observando o comportamento da prensa escrita de entón, somos conscientes de canto mudou o coñecemento e valoración sobre Castelao, simplemente como artista e como persoa. Pasouse dun recoñecemento elevado do seu valor e calidade, xa na década dos anos dez do século XX, a unha progresiva desvalorización, cando non esquecemento, conforme nos achegamos aos nosos días. Esta mutación non é allea a unha tendencia, a cada paso máis acusada, da cultura española oficial a prescindir da constatación e valoración de calquera fenómeno artístico, cultural ou literario que non se xere desde unha perspectiva centralista, na excluínte lingua española, e facendo, explícita ou implicitamente, fe de españolidade. Isto é, para os medios de difusión españois simplemente non existe nin a lingua nin a literatura nin a cultura nacional galega, en concreto.

Non era así no primeiro terzo do século XX, malia a constatación e valoración de outros fenómenos culturais, galegos, cataláns ou vascos, facérense naturalmente con obxectivos de integración asimilista. Mais, en todo caso, facíase porque non se desbotaba, no terreo ideal ou compensatorio, a súa ineludíbel existencia e mesmo se aspiraba a integralas cun recoñecemento, a ser posíbel, secundarizado, pero non desconsiderado. Hoxe o máis grave está, cinguíndonos ao noso caso, en que é tamén desde as institucións oficiais galegas, culturais, educativas, gobernativas, ou desde os medios de comunicación públicos, e a inmensa maioría dos privados, que se contribúe ao silencio, esquecemento e desvalorización da tradición cultural galega e dos seus fitos máis representativos. Por exemplo, esquécese que Castelao foi recoñecido pola crítica de arte española no seu tempo, como un dos mellores artistas plásticos, fundador da pintura galega moderna, en moitos aspectos un vangardista. Tampouco se coñece o feito da súa obra- caricaturas, sobre todo- estar presente na prensa española, madrileña (El Sol, en especial) , mesmo con lendas en galego, cunha aceptación e valoración sociais, só superadas polas que acadaron as súas Cousas da Vida no xornal Galicia de Vigo. Ningún dos dous fenómenos merece hoxe a mínima reflexión ou revalorización. Curioso proceder nun país que sempre necesita que lexitimen os seus valores desde fóra para recoñecelos dentro. Ou onde o bo parece que debe vir de fóra. A qué se debe esta pertinaz ocultación e esquecemento que sufre non só o Castelao político, sen dúbida polo seu nidio nacionalismo, senón tamén o Castelao artista entre nós, non xa fóra nos círculos da variada españolidade que, un día, o recoñeceu e valorou, en certo maneira, de forma elevada?

O devandito crítico, José Francés, describe Castelao como "demasiado desgarbadamente flaco y alto". Mesmo engade: "Tal y como aparece, áspero y huesudo, causa en el primer momento una extraña inquietud". Por iso ten moita credibilidade a súa posterior observación: "Pero habla este hombre y todo en él se transforma (...) Y sobre todo su mirada -una mirada bondadosa y triste, un a mirada que parece despedirse de las cosas con un amor incurable y fatal, una mirada que atraviesa los cristales tan gruesos, y, sin embargo, llega a nuestro corazón sin perder su calidez- borra la impresión descomuinal de la catadura". O crítico confesa que Castelao lle dixera en certa ocasión que era moi galego, primeiro galego que artista porque xurdira primeiro nel o amor á terra que o desexo de expresalo. Francés detecta que este amor está sempre latente na súa palabra e na súa obra.

José Francés recupera, para subliñala, a súa valoración de había varios anos xa, para fixar a significación de Castelao dentro da moderna pintura galega: "Es un humorista el que empezó a crear la verdadera pintura gallega moderna (...) se esfuerza en simplificaciones y estlizaciones lineales que luego habrá de abandonar. Pero mientras tanto se va formando en él un cronista satírico y romántico, picaresco y melancólico de Galicia (...) ha llegado a expresar con tal fidelidad el espíritu y la vida gallega que nos conmueve hasta las más recónditas fibras del sentimiento". Con bo tino indica que as súas acuarelas son dunha "perfección absoluta", lembrándolle a Teniers e a Breughel O Vello. Porén, advírtenos que, loxicamente, o humorismo de Castelao xa non fará sorrir nunca máis, senón "crispar los puños y sentir que nos sube a la boca -como el sabor cálido y sucio de un espíritu sanguinolento - palabras de odio y de rebeldía". A causalidade hai que procurala nas súas experiencias persoais e sociais, a terríbel cegueira e posterior recuperación da vista, a súa identificación total cos humildes contra os poderosos, a súa visión clarividente sobre o pobo galego oprimido. A cada paso foi máis consciente e consecuente coa significación social do caricaturista, a quen chama pintor de almas. Son os tempos de xestación do Álbum Nós, nos que a súa arte se afondaba e exacerbaba nun sentido demoledor como demostran as súas caricaturas no xornal madrileño El Sol. Sendo el mesmo, notábase que era diferente. Membro das irmandades da Fala, partícipe nas Asembleas nacionalistas, anoxado do réxime monárquico, bipartito e españolista e apostando pola súa caída, expectante das consecuencias para as nacionalidades oprimidas da primeira grande guerra, e para as clases traballadoras co triunfo da revolución bolxevique en Rusia, colaborador coa potencialidade de mobilizarse do campesiñado galego na súa loita contra o foro e pola propiedade plena da terra, esperanzado en que sería a grande clase nacional dunha Galiza libre e digna.Este era o perfil do Castelao socia, do que aínda estaba por chegar o mellor da súa arte. Pero era xa entón un artista consagrado dentro e fóra.....

Trece anos máis tarde temos Castelao na primeira liña da actividade política, como deputado após as eleccións para unhas Cortes constituíntes que deberían elaborar a Constitución republicana. Castelao foi considerado inicialmente como unha figura dentro das Cortes constituíntes pola prensa madrileña, precisamente polos seus antecedentes destacados no terreo artístico. Apenas durou un par de meses no Congreso dentro do Grupo da Federación Republicana Gallega no que se presentara, precisamente para poder exercer con total independencia de criterio, como nacionalista, a defensa dos intereses do pobo galego. A colonia galega de Madrid organizou unha homenaxe aos tres deputados que consideraba galeguistas, destacados pola súa actividade literaria, artística e xornalística: Castelao, Otero Pedraio e Antón Vilar Ponte. Consistiu nun banquete ao mediodía no restaurante "La Bombilla" o domingo 2 de agosto de 1931. Segundo a prensa madrileña do día 4, asistiron uns cen comensais, presididos polos homenaxeados en compañía do exfiscal da República, e maxistrado do Supremo, Sr. Javier Elola, o presidente de Lar Gallego, Sr. García Martí, e o representante dos emigrados en Buenos Aires e deputado en Cortes pola Coruña, Sr. Millares. Valentín Paz Andrade (Castelao na luz e na sombra, 1982) insire este homenaxe dentro do que chama "xornadas de clamor popular". Non houbo o menor conflito, segundo el. Porén, podemos ler na prensa madrileña que houbo "incidentes, protestas y disputas" (La Época, 4, agosto, 1931), "incidentes en el banquete galleguista" (Heraldo de Madrid, 4, agosto, 1931) ou extensa información con titulares de frases rechamantes dalgúns oradores (El Sol, 4, agosto, 1931). Sigamos a El Sol por ser o máis detallado . O titular deste xornal recolle "Formaremos parte del conjunto ibérico si vamos a partes iguales; como hermanastros, no", palabras pronunciadas por Millares, con tons "fogosos" e "separatistas" como todo o seu discurso, segundo o informante ( "España ha considerado a los gallegos como pertenecientes a una raza inferior"). Defendeu o que denominaban entón autonomía integral da nosa patria nunha orientación de claro esquerdismo, segundo a súa expresión; nunha palabra, unha estrutura federativa fundamentada na cesión de soberanía política.

,
A seguir falou o Sr. Cortés, secretario da Casa do Pobo, cunha parte do discurso en galego e outra parte en castelán. Defendeu o rexionalismo dentro do Estado español e da "patria universal". Despois o deputado en Cortes pola Coruña, Sr. Paracha, falou en castelán e di que todos os deputados galegos están nas Cortes por e para Galiza, eloxia os homenaxeados e defende un estatuto rexional. Castelao tomou logo a palabra, en galego, para agradecer a homenaxe, e brindou pola lingua galega e pola liberdade da terra galega e pola democracia. Continuou García Martí, en castelán, cunha intervención de trámite protocolario. Após el, interveu Vilar Ponte, en galego, para explicar a unidade da lingua galego-portuguesa e as súas vantaxes, defendendo a capacidade de Galiza para vivir por si mesma. Os "ruidosos incidentes" orixínanse coa intervención do Sr. Otero Díaz, sen dúbida un notorio "socialista" a xulgar polas súas argumentacións. Non se privou de provocar o malestar dalgúns dos asistentes e mesmo de atacar os postulados nacionalistas, sabedor de que sería ben arroupado por boa parte dos comensais. Di que fala castelán porque a maioría o fixera en galego (non era certo, como podemos comprobar), eloxia o bilingüismo, porque os pobos que teñen dúas linguas como o galego están superdotados. Posúen dúas armas para a loita. Afirma que o rango universal de Galiza vai unido a España...Avoga por pedir a lóxica "autonomía administrativa, pero nada más". E a guinda tópica:"Lo que hay que hablar es contra las opresiones sociales, no contra las políticas, que no existen". Non estraña que as protestas e os aplausos se reproducisen neste momento con máis violencia, segundo o xornalista de El Sol: "Hay gritos e insultos, y los separatistas se sitúan en la presidencia detrás del Sr. Otero Pedrayo" (xa se sabe con quen simpatiza o xornalista). O orador vai conscientemente a máis: "Hay que defender un sentido de clase y de sentido españolista". É aplaudido pola maioría dos asistentes mentres "otros gritan".

Tocoulle pechar o acto a Otero Pedraio. Fíxoo en galego. Non se acovardou. Debeu ser longo. Fai un aceso eloxio das capacidades de Galiza, entre vivas a Galiza libre e Terra a Nosa, e afirma que "si se nos concede la libertad, seremos hermanos; pero si la Federación no prospera, seremos enemigos de todos los pueblos hispánicos". Foi moi aplaudido. Era un dos homenaxeados, home tamén de prestixio. El mesmo encargouse de entoar, "en unión de cinco o seis comensales (entre eles, claro, Castelao e Vilar Ponte, engadimos nós), el himno regional".

Aquí temos un retrato ideolóxico da colonia galega de Madrid, das amarguras, e firmeza, con autocontrol perante elas, polas que tiñan que pasar os "galeguistas", isto é, os nacionalistas (así denomina o xornalista os que, segundo el, alborotan perante as provocacións de Otero Díaz), aínda sendo figuras de prestixio recoñecido na arte, na literatura e no xornalismo, como para seren homenaxeadas. Porque non dixen que o Sr. Otero Díaz chegou mesmo a apoiar a súa argumentación en Castelao, a quen eloxiou polo que consideraba o seu labor universal e fortemente social. Castelao confirma , para el, que continúa "el rango universal de nuestra región, pero ello sería imposible sin sentir la unidad española". Non se podía chegar a máis descaro nunha homenaxe. É curioso como, co paso do tempo, os cronistas que van de galeguistas, non de nacionalistas, claro está, obvian todos os conflitos pasados, para situaren nun nirvana idílico e sen arestas os nosos admirábeis antergos. Sorprendeume que unha iniciativa lexislativa popular a prol do ensino do portugués na Galiza levase o nome de Valentín Paz Andrade, habendo tan esforzados e coherentes defensores da unidade lingüística galego-portuguesa como Castelao ou o propio Anton Vilar Ponte. Unha acomodación ideolóxica aos tempos que corren e aos poderes gobernativos? Creo que de pouco vai valer para os meritorios fins que se perseguen.

Por certo, sete días antes do banquete de La Bombilla houbo en Vigo, o Día de Galicia, 25 de xullo, outro mitin e banquete con discursos sobre as finalidades e a necesidade dun Estatuto para Galiza. O banquete estivo presidido por Otero Pedraio, Castelao, Suárez Picallo e as autoridades locais. O contraste entre o que dixo Suárez Picallo e o que dixo Paz Andrade , que interveu para resumir os discursos, foi abismal. Segundo Heraldo de Madrid (27-7-1931), afirmou que "los gallegos son españoles; pero él no sabe si primero deben ser gallegos o españoles, aunque se inclina a ser españoles siempre". E transcribe literalmente unhas súas palabras que delatan a súa submisión: "Nosotros no necesitamos insinuar el separatismo, como Cataluña, ni producir una tremenda convulsión en España, como los andaluces. Lo que queremos es recuperar nuestra primitiva forma política". Coido que nunca debemos de confundir o respecto que nos deben merecer figuras da nosa historia política e cultural, alén de que non compartamos os seus criterios e posicións prácticas, coa contribución ao confusionismo. Cada vez resulta máis urxente esclarecer que a palabra galeguismo non era máis que un eufemismo de nacionalismo, termo real e definitorio. De estender o eufemismo a quen nunca foi nacionalista, e mesmo foi antinacionalista, crearemos un caos conceptual e tenderemos a ver a realidade pasada non como foi e por suposto a non comprender por que pasan as cousas que pasan no presente. É posíbel que agora entendamos mellor por que está tan esquecido e agochado Castelao, malia ter sido unha figura de prestixio en Galiza e en España. Era nacionalista galego, inconfundíbel e non aliñado con moitos que figuran como galeguistas, algo hoxe tan vaporoso como irrelevante social, política e artisticamente.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.