"Retrato dun colonizado", "Pedagoxía do oprimido" ou "Apertura á sociedade"?

Unha ladaíña repetida de xeito persistente desde sectores alleos e hostís á nosa organización é aquela de que o BNG debe abrirse á sociedade, de que debe ter un proceso de apertura. Case nunca explicitan en que debería consistir o que consideran ineludíbel proceso e, cando o fan, case sempre de xeito escuro e oblicuo, o que se lles entende é que o BNG debe deixar de ser o que é, de ser nacionalista, ou, cando menos, reconducirse a vías políticas fracasadas.
Dentro do BNG, hai unha inmensa maioría, case diría que a totalidade dos seus militantes que ten moi claras as cuestións nodais, os principios básicos que definen e dan coherencia á nosa organización:
-Defender e potenciar os sinais de identidade, a lingua e a cultura, por moito que parte da sociedade teña renunciado a elas.
-Defender a nosa economía e os nosos sectores produtivos aínda que parte da sociedade prefira os grandes centros comerciais transnacionais, ou lle dea igual que as nécoras sexan bretonas, os mexillóns chilenos ou murciano/marroquinos os pementos de Padrón.
-Oporse ao imperialismo e ao colonialismo e solidarizarse cos pobos oprimidos por moito que parte da sociedade crea a versión dos centros de decisión e propaganda do sistema.
-Defender o noso territorio e o noso medioambiente aínda que haxa sectores sociais aos que non lle importe sacrificalos en aras do suposto "progreso".
-Asumir que Galiza é unha nación e traballar para que poida exercer os seus dereitos, por moito que os designios que o grande capital financeiro e o Estado Español teñen para Galiza sexa o contrario.
-Asumir o principio de autoorganización en todos os eidos sociais, aínda que parte da sociedade galega estea en organizacións de obediencia estatal.
-Asumir a unidade do nacionalismo político dentro do BNG, por moito que parte dos nosos compatriotas ignoren a nosa fórmula.
-Defender os dereitos e as condicións de vida das clases populares galegas, aínda que os que mandan e crean opinión mintan dicíndonos que vivimos por enriba das nosas posibilidades.
Convencido como estou, de que estes principios son case que universalmente aceptados e compartidos dentro do BNG, de ser certa esta apreciación, o labor fundamental que nos quedaría por facer sería pedagoxía política, activismo social para achegar cada vez máis pobo aos postulados do nacionalismo, así como á concreción programática en cada caso concreto.
Politicamente, nada relevante como para provocar diferenzas substanciais, nin moito menos interiorizar discursos como o da necesidade dun proceso de apertura á sociedade que, como todos sabemos, é un eufemismo substitutivo de "hai que renunciar aos principios" que soa como algo feo.
Que os inimigos do nacionalismo galego organizado, que os inimigos do BNG ataquen frontalmente, ou insidien, con formato de consellos, para que desaparezamos como nacionalistas, é algo comprensíbel; é o seu labor, e cada un colocase onde quere ou onde cobra. O que non acado a comprender é como se poderían compartir uns principios mínimos claros e sólidos e, á súa vez, propor a "apertura", é dicir, a renuncia a eses principios que se comparten.
Activismo social, pedagoxía política é o noso grande reto. Aparte de varias citas de Castelao, véñenme a cabeza Paulo Freire: "Pedagoxía do oprimido", 1968, e Albert Memmi: "Retrato do colonizado, precedido polo retrato do colonizador", 1957, libros un tanto antigos, pero que seguen a ter unha vixencia extraordinaria, e, adaptados, perfectamente aplicábeis á situación galega e ao noso labor político.
Basicamente, o que defenden estes autores é que hai que partir da situación real das consciencias e, desde aí, facer un proceso, un camiño de liberación. O que baixo ningún concepto propoñen é aceptar a situación, dar por bos os prexuízos existentes e adaptarse a eles. Transformar as conciencias para transformar á sociedade, antítese da renuncia a esta transformación en aras de adaptarse a opinións maioritarias e aos poderes establecidos, que é a mensaxe que nos queren enviar cos lemas "apertura" e "abrirse á sociedade".
Fagamos pedagoxía, son necesarias todas as forzas para acadar este fin, fagamos pedagoxía para transformar a nosa realidade. Non caiamos na tentación de renunciar aos nosos principios e obxectivos, de diluírnos, de desaparecer como instrumento de transformación e liberación. No empeño vaille a Galiza a posibilidade de ser e existir.