Retorno fiscal, ou como espoliar as pensións dos emigrantes

Moitas persoas fican atónitas ao ler ou escoitar o proceso emprendido desde a Axencia Tributaria contra miles de persoas emigrantes retornadas que perciben parte da súa pensión do estranxeiro. En esencia, logo de anos e décadas de vir recibindo pensións desde os países nos que estiveron traballando, sen que esas rendas figurasen como ingresos a tributar, agora Facenda esixe o pagamento atrasado do imposto sobre a renda correspondente, incrementado con xuros de demora e máis sancións.
Esta breve explicación xa abonda para entender que hai unha quebra da confianza lexítima, por canto a maioría destas persoas emigrantes nunca tiveron advertencias desa obriga, e mesmo acudiron a elaborar en moitos casos as declaracións tributarias anuais ás dependencias da Axencia Tributaria, orientadas e asesoradas por persoas ao servizo desa administración tributaria.
Porén, o estupor vai vencendo á mera sorpresa logo dunha aproximación a este novo episodio de abuso desde a dereita económica que goberna, co emprego da forza da intimidación a través do aparello burocrático do Estado sen miramentos.
A Axencia tributaria, a través do Delegado n’A Coruña xa lle transmitira a un grupo de afectados nos momentos iniciais do proceso que nunca reclamara esas pensións, mais agora “a falta de diñeiro obriga a aplicar de forma estrita a letra da lei”. Ninguén lle discutirá a este portavoz cualificado a primeira parte da súa afirmación, o descenso nos ingresos públicos, aínda que na análise das causas haxa diverxencia. En cambio, na segunda parte, o engano é manifesto, sobre todo vindo dunha administración que xa sufriu varios reveses xudiciais contra ese criterio seu, que esgrime dun xeito tan categórico como falaz.
Aínda que a casuística é variada, polo que non abonda cunha única explicación para todo este proceso, existen unha serie de elementos comúns que abranguen á maioría dos afectados. Con carácter xeral existen convenios internacionais no ámbito dos Estados da OCDE que regulan a dobre imposición das persoas físicas, isto é, que tentan evitar que as rendas dunha mesma persoa tributen ao mesmo tempo en distintos Estados. Para iso, o principio xeral é o de tributación no lugar de residencia, con independencia da orixe das rendas. Dese xeito un residente en Galiza, debe tributar aquí, como principio xeral, pola totalidade dos ingresos que obtén, aínda que unha parte sexan xerados ou teñan orixe noutros territorios. Segundo esa regra, a Axencia Tributaria estaría actuando con corrección. Mais, un lugar común usado afirma que sempre hai excepcións que confirman a regra, e neste caso tamén é así. O modelo máis estendido de Convenio Internacional sobre dobre imposición, patrocinado pola OCDE, establece como excepción as pensións ou rendas públicas (“pagadas por ou con cargo a fondos creados por un Estado contratante”), fican exentas de tributar no Estado de residencia da persoa que as percibe. Isto é un acordo convencional entre os Estados que asinaron o Convenio Internacional, e que na súa normativa interna, e na aplicación da mesma, deben respectar como partitura única sen posibilidade de variacións.
A pesar da fama de burocracia de talante gris, de traballo rutineiro pouco dado á imaxinación, neste caso os servizos centrais da administración tributaria botaron man da creatividade para defender a súa tese recadatoria. Así, o criterio sostido pola Dirección Xeral de Tributos foi o de entender que as pensións percibidas desde outros Estados non teñen carácter de públicas, aínda sendo parte de sistemas públicos, de seren xestionadas e pagadas por organismos públicos. Para esa reviravolta, os enxeñeiros da Axencia Tributaria, acoden á orixe dos fondos, remarcando a natureza privada por seren a maior parte dos fondos dos sistemas de pensións inicialmente achegas de traballadores e empresas. É ben notorio que non se trata simplemente da “letra da lei”, senón de engadirlle máis letra da que en realidade contén para retorcer os argumentos e concluír cunha interpretación bastante afastada do que se desprende da redacción orxinal.
Con independencia da opinión de cada quen, o certo é que no caso galego, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa se pronunciou en varias ocasións, dando a razón dun xeito abrumador ás persoas que perciben pensións desde o estranxeiro, considerando que son ingresos públicos exentos de tributación. En concreto, nos repertorios de xurisprudencia hai 5 sentenzas ao seu favor, por 1 en contra, sendo que a máis recente admite a exención.
Se na superficie xa se uliscaba unha abordaxe en toda regra ás rendas dos pensionistas retornados, a medida en que nos mergullamos cara a profundidade do asunto, emerxe o abuso, por ser unha actuación cometida con coñecemento da súa dubidosa legalidade e empregando intimidatoriamente e a un tempo a lei xeral tributaria e as taxas xudiciais, mesmo con arrogancia ao conceder supostas “bonificacións” onde hai en realidade hai penalizacións inxustas, para que o conflito remate en sentenza ditada por quen é xuíz e parte.
Esa combinación de regras procedimentais será fatal para a maior parte dos casos, pois cómpre algo máis que doses de indignación e obstinación para seguir adiante a través dun proceso regrado. Sobre todo diñeiro, do que aínda carecerán en maior medida as persoas atinxidas dada a elevada contribución adicional imposta ao fisco aos emigrantes retornados que sobreviven de exiguas pensións.
Non obstante, se ese camiño é de difícil percorrido para unha ampla maioría dos afectados, por outra banda han de ter presente que en moitos casos triunfaron outras estratexias tendentes a lograr crear na opinión pública a complicidade e simpatía cos seus postulados, para facer ver, non os aspectos xurídico-fiscais que xacen neste asunto, senón a hipocrisía política que impulsa esta persecución fiscal, que coincide no tempo cunha escandalosa amnistía fiscal a defraudadores conscientes, e mesmo co distinto tratamento que reciben persoas xurídicas, grandes empresas financeiras e transnacionais, cuxos convenios de dobre imposición permítenlles declarar os seus beneficios, e pagar parcos impostos, non alí onde os perciben senón no lugar onde teñen o enderezo fiscal, isto é, nos paraísos fiscais. Un ou unha emigrante retornado nin tivo a oportunidade da regularización, nin aínda que cobre unha pensión legal cuxos fondos teñan orixe nun país que sexa considerado paraíso fiscal pode acollerse a tributar alí.
Un afamado avogado francés, tamén escritor e exdiplomático que finou no pasado mes de agosto, Jacques Vergès, en vida presumía de que as decenas de persoas que defendera en Arxelia, na época colonial francesa, malia as sentenzas condenatorias, moitas delas a morte, nunca foran executadas. Tal vez a condena non é tan severa, polo que pode considerarse esaxerada esta comparación, pero coido que interesante por referirse a períodos tremendamente represivos e nos que, cun acabado sistema e proceso de lexitimación legal para aplicar un resultado represivo e inxusto, a sensibilización pública e política foron capaces de revisala a fondo e finalmente impedir a súa aplicación. Aínda coas distancias, tomemos nota e aprendamos desas outras experiencias para animar a que vaia a máis a crecente organización e mobilización dos emigrantes retornados, como garantía de éxito para que culminen vencendo e tamén vendo retornado o diñeiro das súas pensións.