Retira o cable

Representaban un vodevil no teatro La Latina de Madrid. Unha desas comedias lixeiras, fácil de dixerir por un público pouco esixente. Un dos personaxes -interpretado por Zori- botoulle un cable a outro que se encontraba nunha situación apurada. "Auxilio, retira o cable", berrou entre saloucos Codeso, que era quen se atopaba en dificultades, en canto sentiu premer na gorxa a corda metálica. Supoño que da mesma maneira reaccionaría o PSOE cando notou no pescozo o cable que lle botou o presidente Feixóo. Sabíase con certeza entre os sectores políticos que ambos partidos eran o mesmo can con distintos colares. Falando en linguaxe culta, que PSOE e PP a mesma merda son. Pero, que transcendese á opinión pública unha mancebía que se procuraba manter oculta, pode inclinar ao elector a quedarse co orixinal e non coa fotocopia. Ou tamén conseguir que o voto propio escorregue cara alternativas que están á esquerda. O modelo funciona se ambas pernas se moven acompasadamente. Esa é a gran virtude ou trampa do bipartidismo. Evitar que a nave escore cara babor. En Galiza e nas outras nacións dependentes, impedir que o Estado naufrague nas augas procelosas do nacionalismo. Esa era a intención que encerraban as palabras de Feixóo. O poder da metrópole, ademais do amparo que lle aporta o sabre do artigo oitavo da Constitución, conta coa lealdade de dous cans que se turnan na vixilancia dela. Os fox-terrier polo día e os podengos pola noite. Neles radica o valor xurídico da chamada patria española. No aceiro da espada e na fidelidade dos cans. ¿Cal deles saltará primeiro cando Cataluña se declare independente? De momento os dous ladran conxuntamente.
Ningún principio científico pode rebatirse con argumentos ideoloxistas. A superestrutura é un reflexo invertido da infraestrutura. Por tanto, resulta ilusorio pretender transformacións sociais que non vaian precedidas ou acompañadas de modificacións do sistema económico, en contra do que a teoría pequenoburguesa opina. Non foi a reforma protestante a que enterrou o feudalismo. A revolución industrial conseguirá xa converter os vasalos en proletarios. Recuaba o mando dos señores ante o avance do imperio dos patróns. Os dogmas medievais quedaban obsoletos nunha sociedade que asistía ao nacemento dunha recomposición de clases. Fronte á ortodoxia de Roma, xurdíu a heterodoxia dos países nos que estaba agromando o capitalismo. A vella doutrina relixiosa permaneceu naqueles que ofrecían maior resistencia ao proceso de modernización. Por exemplo España, na que latifundio, prolongación do feudo, mantívose até ven entrado o século vinte. Para non perder os privilexios declarouse en rebeldía e iniciou unha guerra que custou un millón de mortos.
Convén destruír o tópico que interesadas interpretacións políticas lograron introducir na mentalidade popular. Que a esquerda empeza no PSOE. Mentira. A realidade é outra. En todo caso, ímoslle conceder que viaxe no vagón de cola da dereita. A proba, o cable que lle botou Feixóo. Non é preciso apoiarse en autores actuais para demostrar algo que desde os clásicos estaba patente. A liña divisoria entre esquerda e dereita, desde que está vixente o actual sistema de produción, márcana as distintas posicións a repecto do modelo económico. A estribor, os que o defenden tal e como está (conservadores), ou introducindo pequenos reaxustes (socialdemócratas). A babor, os que pretenden substituír a propiedade privada pola pública. Ben a través de procesos revolucionarios, coma o que en Cuba baixou da Sierra Maestra, ou o que en Chile pensaba iniciar Allende utilizando o mandato que lle deran as urnas. Na esquerda tamén están os que pretenden os mesmos obxectivos a través da acumulación de reformas nun período, quizais máis longo, que permita unha transición económica sen sobresaltos. Alternativa contraria á defendida polos socialistas que se desprenderon de Marx.
,Vou depurar o meu discurso de radicalismos dogmáticos. Supoñamos que a socialdemocracia pon a énfase exclusivamente nos retoques, e lle opona ao modelo conservador un maior peso da economía pública. Nalgún punto teremos que marcar a diferenza. Quizais puidese valer para Suecia ou Holanda, pero non para España. Preguntémonos entón, ¿quen iniciou a liquidación da economía pública e lla entregou ao sector privado? ¿O INI, Campsa, a Telefónica? ¿A que o franquismo construíra para impulsar o desenrolo económico, e que logrou os maiores índices de crecemento na década dos sesenta? O partido que entrou na Moncloa en 1984. O que retirou do seu emblema a zafra e no seu lugar puxo unha flor. O cambio de símbolo fala de por si. Deixou de ser obreiro para converterse en galán. Bo, concretouse aquí o papel que Patrás lle asignou á socialdemocracia do sur de Europa. Lavar os pratos para despois iniciar un novo modelo de acumulación capitalista. Sería difícil de levar a cabo sen contar coa sumisión da clase proletaria, que os chamados socialistas conduciron enganada ao matadoiro. Dirase, ademais, que era a condición imposta por Europa, na que só se pode entrar pola porta do mercado libre. Orientada a Unión en función do capital, nela non cabe outro sistema que non sexa capitalista. Non existe máis Europa ca esta. Hai que falar claro. Naceu como mercado, e polo marcado morrerá se algún día desaparece. Cando se fala doutra, por exemplo a dos pobos, haberá que atopar os puntos de converxencia que fundamentan a alianza. ¿O idioma? ¡O que lle faltaba ao galego! Colonizado antes pola jota española, terá que habituar a lingua a pronunciar os erres arrastrados dos xermánicos. Se nos queren meter no tanatorio, entremos nel berrando e cos ollos abertos e non con anestésicos. Para escarmento abóndannos as tres décadas de pertenza ao edén comunitario, que se nos vendeu como verxel para gozo dos nosos produtores. Non escarmentamos.
Non son propenso a entrar en casa allea e fisgar nas intimidades dos veciños. Moito menos a meterme na alcoba para ver con quen se deitan. O que si me importa é coñecer os antecedentes das organizacións coas que o nacionalismo estabelece alianzas conxunturais. Os pactos, ben é sabido, non se realizan entre alternativas ideoloxicamente próximas, senón para chegar a acordos de actuacións comúns entre as discrepantes. Nas democracias o pacto é o que substitúe o cetro das aristocracias. Sempre os houbo ao longo da historia. Mesmo, fai uns días, os que iniciou Obama con Raúl Castro. Antigamente o seu cumprimento garantíase coa palabra dada, cando esta non se atopaba tan devaluada como agora. Ou rubricábase cun apretón de mans, como era costume rematar os tratos que se facían nas feiras. A frase "choca eses cinco" aínda segue a utilizarse como fórmula habitual que avala un compromiso.
Pero xa os clásicos latinos atoparon fallos nos métodos tradicionais de concluír acordos. Contra o perigo do seu incumprimento vacináronse cun adaxio que legaron á posteridade: Verba votan, scripta manen. Vemos que os romanos acreditaban máis nos papiros ca nas palabras. Na época actual, negociar sen papeis, cando os diarios de sesións recollen incluso un esbirro do orador parlamentario, significa retornar aos tempos prehistóricos. Poida que o menosprezo polas actas se deba a malicia trapaceira dunha das partes e non a impericia. Preténdese quizais ocultar á pluma aquilo que non se quere que transcenda ao público. Ben sei que moitas das miñas opinións son xulgadas como hipercríticas. Tal vez. Tal vez pretenda suplir coas miñas as que faltan nos órganos que debían facelas. A crítica é considerada polo razoamento lóxico coma o carburante que o motor do progreso, da transformación, precisa para avanzar. Cando se prescinde dela retrocédese, e cando se retrocede desaparécese. Temo que por falta de análises se tropece de novo en experiencias vividas e que resultaron negativas. Despois de dez anos descoñecemos as cláusulas que rubricaron o acordo da Xunta bipartita. ¿De verdade existen? Se é así que se poñan a disposición da militancia, para que entre todos poidamos emendar os fallos.
Polos medios de comunicación teño constancia de que o nacionalismo vai participar nalgúns gobernos das Deputacións provinciais. Dado que as diferenzas co partido asociado son evidentes, tal como tratei de explicar na primeira parte deste artigo, á militancia interésalle coñecer os compromisos adquiridos entrambas partes. Se é que hai algún e o pacto non contempla outro aspecto que non sexa o crematístico e o reparto de parcelas administrativas. Os gobernos bicéfalos, que fragmentan a unidade de actuación, ademais de seren contrarios aos principios da boa xestión pública, son mal recibidos pola opinión popular, que se venga nas urnas culpabilizando ao partido minoritario de chantaxista. Sobran teorías cando existen experiencias frescas que así o testemuñan. Tanto na administración local como autonómica, o papel de acólito nunca foi retribuído polos votos.
A militancia nacionalista quere coñecer con quen se gasta a pesetiña. Aos versados en letras soaralles a parodia a unha frase que Valle Inclán lle espetou a unha artista do Apolo que estaba grávida sen saber de quen. Parece ser que a peseta era o prezo polo que se vendía entón un coito dos baratiños. Tomemos as precaucións debidas antes de cohabitar, palabra que os franceses foron buscar ao tálamo para aplicarlla á política. Gabachos tiñan que ser. A min, como militante, tenme sen coidado a filiación ideolóxica do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, ou do responsábel de finanzas. Interésame máis saber se as suculentas axudas que o organismo provincial adica ás corridas de touros van desviarse cara a promoción da cultura galega. É un tema, entre outros, que podían figurar no papel, se é que o papel non se asinou en branco. Moito me temo que así fose. Son gato escaldado. Dubido da habilidade táctica dunha das partes negociadoras. Non pensemos que se pode redimir Galiza asfaltando corredoiras. Consultémolos, se para algo serven os arquivos.
Xa sei que non é así. Pero, cando o único que se pon enriba da mesa é o reparto do torta, dáse a sensación de que o prato importa máis ca o ideal. Constitúe un erro de novatos pensar que esta é a mellor maneira de apretarlle as porcas ao rival. En todos os países que teñen un modelo político semellante ao noso os partidos que aspiran a formar goberno priman a representación dos minoritarios. Por dúas razóns moi sinxelas. Deixalos fóra do Executivo implicaría pagar os votos a base de permanentes concesións. Por outra banda, non se podería cargar sobre o débil a responsabilidade dunha xestión incorrecta. Botemos unha ollada retrospectiva e comprobaremos que o que acabo de expoñer non é simple teoría. Nunha conversa particular sincerouse Xavier Arzallus. O voto ao Goberno español permitíulle maiores logros ca os que podía acadar cunha carteira ministerial.
Abusando quizais da extensión do artigo non quero rematalo sen dar a voz de alarma sobre a forma estúpida de emendar os erros políticos. As derrotas electorais son consecuencia do desarme ideolóxico. Intentar recuperar o espazo perdido con maiores desarmes, ademais de postura suicida é torpeza de ignorantes. A baixada comezou cando un coñecido fustigador do nacionalismo afirmou publicamente que estaba disposto a corrixir o criterio despois de comprobar que xa baixara do monte. Os cataláns proclaman a vontade independentista incorporando a estrela á súa señera. Nós renunciamos a ela cando a suprimimos da nosa bandeira. Sen a estrela polar os navegantes perderían o rumbo na súa travesía. A renuncia aos principios empeza sempre polo cambio de símbolos. O socialismo deixou de ser obreiro cando renunciou a Marx e se converteu no partido da pequena burguesía. Cando expulsou a zafra proletaria e puxo na man a rosa do galán conquistador.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.