Rescatemos a nosa dignidade colectiva

Rescatemos a nosa dignidade colectiva

Dixo Feijóo que Galiza non é un problema para España, pero el si é un grave problema para Galiza e o próximo domingo temos que de rescatala das súas mans, das mans dese goberno que durante estes tres anos e medio o único que fixo foi atacar impunemente todo aquilo que conforma a nosa identidade como país diferenciado, porque, a pesar de ter nacido nela, senten un odio infinito por todo o galego. Xa se sabe que o colonialista odia ao colonizado e non hai nada mais rastreiro e falto de personalidade que o colonizado que pretende ser colonialista. Por iso odian tanto a terra que os viu nacer e veneran dun xeito enfermizo e servil o decadente imperio que Rajoy, por mandato da Merkel, leva directo ao furado negro. Andan por aí a vender a “Marca España” pero esa marca nas mans destes políticos cotiza mais baixo que as accións de Bankia, que os seus compañeiros de partido tamén levaron a ruína.

Esta crise non se arrega destruíndo o tecido produtivo nin a solucionan os especuladores que a crearon por moito diñeiro público que lles demos e porque as medidas que toman, a pesar das predicións dos profetas do neoliberalismo, amósannos que non son efectivas e fan o efecto contrario ao que din perseguir pois, segundo o FMI, o estado español xa está a cola do mundo, peor que Greza e Portugal e que a prima de risco vaise agrandar moito mais por moito que Rajoy diga que vai facer todo o posible para que non se dean esas predicións e o ministro do sorriso sinistro, o Sr. De Guindos (que rema na mesma dirección que Rajoy, e a contracorrente dos intereses populares) diga que está traballando para saír deste furado no que, como ben di o compañeiro Jorquera, seguen a cavar mais fondo cos seus recortes económicos e sociais, mentres Feijóo segue privatizando e ofertando servizos a dedo as empresas dos seus amigos e familiares como fixo co Grupo Eulen para favorecer a súa irmán Micaela.

Temos que rescatar a dignidade da política, e defender a das mulleres ante eses retrógrados que pensan como Xosé Manuel C. Bragaña, que as leis son como as mulleres, están para violalas, e que explican claramente o respecto que lle teñen el e a súa camarilla a política, a xustiza e as mulleres. Para eles o grave non é pensalo, para Feijóo solo foi un erro dicilo, polo que xa abonda con pedir perdón e dimitir, pero ante un delito desta categoría cabe preguntarse onde están aquí os fiscais, tan solícitos noutros casos cos sindicalistas cando reclaman os dereitos que lles corresponden aos traballadores?

Cómpre plantarlles cara nas urnas como xa lle la plantamos na rúa respondendo a cada atentado a nosa cultura, aos nosos medios de produción ou aos dereitos sociais, porque sabemos que o noso leite merece ser defendido doutra maneira para darlle o valor que se merece e non ter menos custe que unha auga mineral; non poden facer burla dos nosos traballadores dos estaleiros nin que co seu dereito ao traballo faga propaganda electoral o mentireiro de Feijóo, que os quere volver a enganar até despois das eleccións; os nosos produtos do mar deberan ir etiquetados como tales para que non sexan confundidos con outros de peor calidade e menor custe; despois de asolagar os nosos mellores vales e encher de cruceiros do demo os nosos fermosos montes non deberíamos pagar a electricidade que producimos ao mesmo prezo que outras comunidades as que emigra pola falta de empresas que a consuman aquí e non podemos deixar que pechen Alcoa polo seu prezo excesivo; non queremos que os nosos aforros caian na man de catro mangantes que non queren devolvelos nin permitiremos que emigren para crear riqueza noutras zonas a capricho de Madrid ou de Bruxelas.

Non imos deixar o noso futuro nas gadoupas deses que en todas as eleccións repiten programa e fan as mesmas promesas para volver a incumprilas como fixeron anteriormente. Despois de tanta mentira ninguén pode pensar que algún día se equivoquen e digan unha verdade ou cumpran unha promesa. Penso que no código penal debía estar tipificado como delito e sancionar con cadea o fraude electoral que supón a usurpación da vontade colectiva e desprestixio da democracia aos candidatos que prometen unha cousa en campaña e despois fan a contraria, facendo toco-mocho os seus votantes porque lle lo impón o capital financeiro, pero entón nin Feijóo nin Rajoy se poderían presentar porque xa estarían no trullo fai moito tempo, acompañando a Xosé Manuel Castelao, Aznar, Rodrigo Rato, Esperanza Aguirre, a Carlos Fabra e tantos outros camaradas corruptos que teñen por aí.

,Agora contan ao seu favor coa división do voto nacionalista, por iso andan a facerlles propaganda nos seus medios de comunicación aos antigos compañeiros que non aceptaron a democracia en Amio pero que non tiveron reparo en unirse a forzas españolistas que, por moito que vaian de esquerdas, nin sequera recoñecen a Galiza como nación e dividen o voto nacionalista favorecendo aos que asoballan o noso pobo. Xa é triste que un dirixente nacionalista, ao que sempre tiven por guieiro, se suicide politicamente tirando pola borda toda unha vida de loita por unha Galiza liberada e dona de si, aliándose cos que se aledan de que baixe o BNG aínda que saque maioría o PP e, por si xa houbera pouco españolismo, que entre EU no Parlamento.

Pase o que pase o próximo domingo nosoutros imos seguir na nosa loita polos intereses das clases populares e non nos quedaremos na casa nin nos deixaremos lidar como na praza de touros de Pontevedra lidaron aos seus militantes e simpatizantes, a eses que emulan a fábula do mexicano Guillermo Aguirre na que as galiñas votan o raposo, os ratos o gato e as ovellas o lobo, fábula ben diferente da escrita por Eduardo Galeano na que, se mal non me lembro, lle preguntan a unha galiña como quere que a cociñen e con que quere que adoben a hora de comela e a galiña contesta que ela o que quere é que non a coman. O lector verá con cal das fábulas se identifica mellor e que vote en consecuencia, aos seus verdugos ou ao Bloque.