Requiem polo Estado de Dereito
Escribo estas reflexións a risco de ser reiterativo xa que a temática coincide en parte co artigo que co título "Estado de Dereito" publicou o compañeiro Eduardo Álvarez o 3 de xaneiro neste mesmo medio. Eduardo que, por certo, sufriu en carne propia a arbitrariedade do poder xudicial polo só feito de defender o cumprimento da legalidade lingüística. Permítaseme, xa que logo, complementar con estas liñas a acertada opinión verquida por Eduardo no seu devandito artigo.
Non é esaxerado pensar en que o Estado de Dereito se atopa en perigo de extinción cando o goberno español decreta un Estado de Alarma nun conflicto que, aínda sen ser formalmente unha folga, sí ten unha orixe laboral ou, cando menos, unha afectación clara no ámbito socio-laboral. A declaración do dito Estado de Alarma senta un grave precedente que eventualmente permitiría ao goberno limitar o Dereito de Folga -constitucionalmente recoñecido no artigo 28.2 e desenvolvido polo RDL 17/1977 así como por Tco 11/1981 - de calquer colectivo dos considerados como estratéxicos ou de interese público. Así, que acontecería se os traballadores do sector da sanidade pública, do transporte público ferroviario ou rodoviario, do sector químico-enerxético ou do das telecomunicacións deciden, ao abeiro do seus dereitos constitucionais, convocar unha folga? Evidentemente unha folga amplamente secundada nestes sectores suporía tamén unha seria afectación e prexuízo para a sociedade e o "interese xeral". Sacaría entón o goberno de novo aos militares á rúa para repoñer a normalidade? Cómpre formulármonos esta pregunta xa que aínda que a lei articule mecanismos para garantir o equilibrio e os dereitos de todas as partes afectadas por unha folga -neste senso, o propio Tribunal Constitucional na sentenza 11/81 xa ven sinalar que o dereito de folga non é ilimitado senón que ven limitado pola súa conexión con outros dereitos constitucionais así como con outros bens constitucionalmente protexidos- a actuación do goberno español ante o conflicto dos controladores aéreos débenos poñer en alerta.
Mais temos que chorar tamén pola saúde do Estado de Dereito cando dúas recentes sentenzas xudiciais -a do caso Egunkaria, que absolve á dirección deste xornal euskaldun dun delicto de pertenza a ETA e a publicada o pasado xoves pola Audiencia Provincial de Gipuzkoa, que condena a catro gardas civís a penas de prisión- recoñecen a existencia de torturas e maltrato por parte das Forzas de Seguridade do Estado e os dirixentes gobernamentais miran para outro lado. No caso do xornal euskaldun Egunkaria arrepía escoitar os relatos de tormento relatados polo xornalista e por aquel entón director Martxelo Otamendi e, así como ler a pasaxe da sentenza absolutoria na que se sinala, na súa páxina 20, que "na valoración das declaracións dos procesados ten especial relevancia que as denuncias destes sobre maos tratos e torturas sufridos durante a detención incomunicada -que foron relatadas con detalle na vista oral e antes ante o instructor e obxecto de denuncia nos tribunais- son compatibles co exposto nos informes médico-forenses emitidos tras ser recoñecidos no centro de detención, se ben o Tribunal non pode chegar a conclusións xurídico penalmente relevantes sobre o particular salvo constatar que non houbo un control xudicial suficiente e eficiente das condiciones da incomunicación.". Arrepía que semellante tormento a un home declarado xudicialmente inocente se despache coa fría expresión de que no período de incomunicación "non houbo un control xudicial suficiente e eficiente" así como tamén arrepía que aínda a día de hoxe non se teñan depurado responsabilidades no seo do Ministerio de Interior e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Sen caer na utopía é asumible pensar e afirmar que ningún modelo xurídico-político é perfecto, porén, a democracia española roza a imperfección máis absoluta, dando a diario mostras dunha inmadurez e unha falla de calidade alarmantes.