Réquiem polo castiñeiro


¡Case non hai castiñeiros!
Os que hai son de respeto:
¡velliños, orfos, tristeiros
e con furados do peto...!


Cando Manuel María publicou en 1954 no libro Terra Cha estes versos, xa era consciente do perigo de extinción dos castiñeiros. Desde aquela diversas enfermidades como o mal da tinta e o chancro incrementaron os perigos para esta especie. Mais, nos últimos tempos unha nova praga estendeuse polos catro cabos dos nosos soutos. Trátase da avespa chinesa Dryocosmus kuriphilus Yasumatsu, un insecto himenóptero que provoca nas zonas máis sensíbeis do castiñeiro (gomos, pecíolos e nervios das follas) a formación de bugallas que alteran gravemente a formación e frutificación dunha proporción de cada árbore podendo chegar a producir nun prazo curto de tempo, entre cinco a dez anos, a súa morte completa. Estas bugallas nos meses de primavera serven de cámara pupal até que delas emerxen as femias adultas que depositan ovos, que se manteñen protexidos debaixo da cortiza nacendo deles de novo as larvas que perpetúan o ciclo ano tras ano.

,
Este insecto, coñecido coloquialmente como avespa do castiñeiro, procede da China, desde onde se propagou inicialmente ao Xapón e Corea e logo a Estados Unidos. En Europa detectouse por primeira vez no ano 2002 no Piemonte italiano.


En 2005, Francia puxo en coñecemento dos demais estados da Unión e da propia Comisión europea os graves perigos que supuña para os castiñeiros a presenza deste insecto e notificou que desde o mes de febreiro dese ano xa adoptara medidas oficiais para protexer o seu territorio contra o perigo da introdución deste organismo. En 2006, a Comisión adopta a Decisión 2006/464/CE, na que se recoñece que este p
ode ser un dos insectos máis prexudiciais para a castaña (Castanea Mill.). Podería reducir considerabelmente a produción e a calidade dos froitos e hai indicios de que mesmo é capaz de destruír as árbores... Os danos resultantes da propagación deste insecto poden pór fin á produción de castañas para o consumo humano nestas áreas, causando a súa degradación económica e ambiental. Para evitar a súa propagación, a Comisión, a través desta Decisión, aproba medidas estritas, entre elas o control da importación e do traslado interno de plantas de castiñeiro, a realización de inspeccións anuais oficiais para detectar o organismo, a notificación destas inspeccións á Comisión... E, unha vez comprobada a existencia da avespa, as Administracións responsábeis deberían realizar a delimitación de zonas afectadas estabelecendo arredor delas unha área de observación cunha fronteira situada a un mínimo de 5 km. do límite da zona infestada e unha zona barreira cunha fronteira situada a un mínimo de 10 km. do límite da zona de observación. Como medida final, a Decisión remata dicindo que se se confirmou a presenza do insecto nas plantas dunha parcela de produción, a adopción das medidas apropiadas para erradicar o organismo nocivo consistirá, polo menos, na destrución dos vexetais infestados, de todas as plantas con síntomas de estaren infestadas e, de ser o caso, de todos os vexetais pertencentes ao mesmo lote no momento da súa plantación, así como tamén na vixilancia da presenza do organismo mediante inspeccións adecuadas no período de existencia potencial das bugallas habitadas.

,
Os pasos máis importantes na loita contra este insecto devastador do castiñeiro en Europa foron dados en Italia, onde se realizaron valiosas investigacións, e tamén en Francia.

Posteriormente, a Comisión europea aprobou a Directiva de execución 2014/78/UE, de 17 de xuño, que inclúe esta praga do Dryocosmus kuriphilus no Anexo de organismos nocivos coa finalidade de protexer os castiñeiros do grave risco de afección. Dos Estados da Unión europea, nesta directiva recoñécese que tan só Portugal, Irlanda e o Reino Unido estaban nese momento libres deste insecto polo que se lles recoñece aos tres o Estatuto de zonas protexidas con respecto a este organismo nocivo. Mais, esta consideración durou pouco tempo para Portugal pois nese mesmo ano 2014 a praga foi detectada na rexión de Entre-Douro-e-Minho. Desde este momento, a Administración portuguesa implicouse na loita contra este insecto. Para isto creouse o Plano de Ação Nacional para o Controlo do inseto Dryocosmus kuriphilus Yasumatsu, que, entre outros obxectivos, propúxose desenvolver accións de sensibilización, formación e información sobre a praga, asegurar a monitorización e control do insecto nas áreas infestadas coa finalidade de diminuír a poboación e minimizar a súa dispersión nas áreas exentas da praga. Para isto, creouse unha comisión de seguimento en cada concello integrada por membros da propia cámara municipal, pola xunta de cada freguesía, por organizacións de produtores agrícolas e forestais e mais pola respectiva Dirección Rexional de Agricultura e Pescas e polo Instituto da Conservación da Natureza e das Florestas.

En Francia, unha orde de 2010 prohibe a introdución e difusión desta praga e require que calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada titular de predios controle as plantacións de castiñeiros e que, perante a sospeita ou descubrimento de síntomas de contaminación por Dryocosmus kuriphilus fóra dunha área contaminada, debe declarala inmediatamente ao alcalde do municipio, quen trasladará esta información ao servizo fitosanitario correspondente, ou directamente á autoridade do departamento.

No ano 2014 foi detectada a presenza da avespa do castiñeiro en Galiza. Que medidas preventivas se executaron neste momento para controlar a praga? Exactamente, ningunha. Nin sequera se emprendeu unha campaña de alerta sobre a presenza deste insecto para vixiar a súa expansión. Catro anos despois, con todos os soutos infestados, desde a Consellería de Medio Rural afírmase que se realizan soltas dun parasitoide foráneo, o Torymus sinensis, como único medio eficaz para o control desta praga, sen ter en conta que son moitas as incógnitas que rodean esta especie e que se descoñecen os efectos concretos que podería causar no medio ambiente. Unha vez máis, a Consellería ignorou as medidas preventivas no seu momento e propón agora, cando o dano está tan estendido que ten moi difícil arraxo, unha única actuación.