Represión penal, expansión punitiva e políticas antisociais

Represión penal, expansión punitiva e políticas antisociais

No ano 1764 foi publicado o opúsculo “Dos delitos e das penas”, da autoría do pensador ilustrado Cesare Bonesana Beccaria. As reflexións contidas nese ensaio encetaron un camiño no eido do tratamento da criminalidade e da aplicación proporcional e non directamente retributiva do castigo público polos delitos, e a súa influenza posterior foi notábel, pois moitos dos seus principios serviron de inspiración para a reforma das leis penais acometidas desde finais do século da súa publicación.

Sendo consciente da fonda mudanza que supuña o seu pensamento ao emendar os sistemas penais vixentes, baseados nunha dureza inusitada dos castigos e as penas co obxectivo de dar respaldo á fasquía autoritaria das monarquías absolutistas imperantes, e aos que se propuña mudar en aspectos fulcrais (abolición da tortura, rexeitamento da pena de morte, proporcionalidade das penas, humanización das prisións, erradicación de castigos inhumanos), o autor remata cun corolario onde avoga pola aplicación gradual do seu sistema, en función do avance do “estado de sociedade”, sendo as penas máis “fortes e sensíbeis sobre os ánimos enfurecidos dun pobo apenas saído dun estado salvaxe” e diminuíndo a “forza da pena” a medida que a humanidade se adecúa a dito “estado de sociedade”.

Hoxe en día, o filósofo humanista estaría fondamente contrariado ao comprobar como, se ben a súa teoría foi penetrando e asentándose en moitos modelos penais, non ten o mesmo éxito a súa reflexión final á vista do regreso con forza, en sociedades que desenvolveron unha protección ampla dos dereitos humanos, da idea básica que esconde a lei do talión, na expresión más coñecida enunciada como “ollo por ollo, dente por dente”.

Por unha banda, no vodevil mediático alentado con forza desde a dereita política, con ocasión do remate da “doutrina Parot”. Alén do obxecto concreto da sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, o que xace nese debate é a desaparición de calquera limitación aos poderes públicos á hora de aplicar as penas por delitos cometidos, pois con iso tamén desaparece a necesidade de que se ofrezan, dese o ámbito público, oportunidades e alternativas á reinserción das persoas que nalgún momento da súa vida cometeron delitos. No fondo está levantar calquera freo ético na imposición dos castigos, tamén para reforzar a idea de que a “maldade” vai relacionada á natureza de determinadas persoas, que non inflúen as circunstancias sociais á hora de que algunhas persoas se vexan involucradas en actos criminais. En termos indagativos, que razóns hai para non aplicarmos castigos inhumanos se van dirixidos a persoas irracionais e compulsivas por natureza? Tamén ten a ver co traslado dunha idea de eficacia á hora de proporcionar seguridade e tranquilidade á sociedade, enfocada exclusivamente ante agresións violentas que teñen unha orixe individual ou grupal minoritaria. Isto é, un estado liberal é capaz de ofrecer seguridade absoluta ante a criminalidade se é quen aplicar man dura, de dotarse dunha extrema severidade con penas que mesmo aniquilen fisicamente ao infractor. Porén, sempre fica nun segundo plano a inseguridade e inestabilidade, e mesmo a exclusión e violencia que iso xera, dos programas económicos e antisociais que o neoliberalismo impón á inmensa maioría social e popular. E así, nestes momentos, a crónica mediática que retumba nunha parte relevante da poboación, pola súa intensidade e consenso editorial, difunde excarceracións en vivo e en directo (que aínda así con ailladas), no canto de relatar moitas historias reais (que non son tan singulares ou episódicas senón comúns no entorno das clases populares) onde se apreciaría que a seguridade das maiorías sociais está máis ameazada pola política económica que pola inacción en política criminal.

Por outra banda, anticipándose á situación xerada pola anulación da doutrina Parot, o Goberno do PP avanzou unha ampla reforma do Código Penal, que se debaterá nos vindeiros días no Congreso, e cuxa entrada en vigor se producirá no segundo semestre do 2014. Un programa da dereita de libro: medidas antieconómicas que privilexian minoritarias clases sociais e endurecemento da represión ante o eventual incremento da protesta social; porque, como veremos, a reforma penal non implica só unha maior severidade no conxunto das penas, senón dun xeito singular nalgunhas vinculadas á orde pública, co obxectivo de condicionar a resposta social á política gobernamental.
Desde a perspectiva do endurecemento da resposta penal, estamos ante unha reforma agresiva, na liña das aplicadas en 2003 e 2010. Por certo, sen que a diarrea lexislativa en materia penal (nada menos que 25 reformas do Código Penal desde 1995) demostre que ten relación coa evolución da criminalidade, moito menos que exista unha relación entre regulación de penas severas co descenso dos índices da actividade delituosa. Nos últimos anos (desde 2008, segundo o último anuario de Seguranza Cidadá correspondente a 2012 que elabora o Ministerio de Interior) descendeu con carácter xeral o número de delitos e faltas cometidos; por outra banda, desde 2003, data na que se aprobou unha reforma que ampliou as reclusións en prisión, a evolución da poboación nas cadeas aumentou en máis dun 22 por 100, co que, face ao impacto manipulado que é percibio pola maior parte da sociedade debido á masiva presenza de novas sobre sucesos na maior parte dos medios de comunicación, os datos empíricos non xustifican un novo Código Penal máis severo.

Se con carácter xeral non existe esa xustificación, menos aínda se a medida más destacada é o retorno á aplicación de penas inhumanas, como a introdución da cadea perpetua, coa eufemística denominación de “prisión permanente revisábel”. Estamos ante unha proposta ideolóxica e coa que se pretende asentar ideoloxía reaccionaria, unha volta a sistemas punitivos propios de réximes despóticos que sirvan, non só para esa finalidade de aparentar fornecer máis seguridade e tranquilidade á maioría social, senón tamén para lexitimar un mando con puño de ferro, que serve ao tempo para amparar un xeito de gobernar tamén autoritario noutros eidos, como o económico e o social. Como se avanzou, non existen datos que avalen que os incrementos nas penas (que xa son moi elevadas malia o que se afirme, até 40 anos de prisión en cumprimento íntegro –unha cadea perpetua encuberta- para determinados delitos contra as persoas) teñan resultados na contención dos delitos: ao incremento imparábel das persoas en reclusión desde 2003 remitímonos. Alén diso, aínda desbotando a realidade que ilustran os datos da criminalidade e, polo tanto, admitindo que a contundencia punitiva fose unha resposta na boa dirección para reducir os actos delitivos, abordaríamos o cuestionamento de situar a eficacia por riba de calquera outra consideración humanitaria. Voltamos ao freo ético no castigo, xa que por moi útiles que foran á hora de reprimir condutas máis agresivas e antisociais, poderíamos aceptar –ademais da cadea perpetua-, entre outras, tallar a man aos ladróns reincidentes, esterilizar a agresores sexuais, azoutar publicamente a persoas estafadoras? Agás xa despoxados de toda humanidade se podería contestar afirmativamente a esta cuestión, e a reforma penal do PP, sen ousar volver a ese modelo punitivo con todos os seus perfís, si semella disposto a asumir, cando menos, os seus principios.

Mais o Goberno tamén enfía nesta reforma outros ámbitos relacionados coa súa protección, cun interese directo á hora de propor medidas punitivas ante a crecente resposta social ao seu programa antisocial. Aínda que na motivación non se aluda, sería recibida con agrado máis franqueza á hora de revelar que a necesidade de endurecer o castigo ante os desordes públicos ten a ver coa situación social conflitiva que se está a vivir. Neste novo Código Penal, de non torcerse a maioría parlamentar actual e o dominio electoral da dereita, veremos alumear novas medidas punitivas relativas a actos cometidos en situacións de folga, manifestacións ou reunións públicas, en liña coa tamén anunciada nova regulación sobre seguridade cidadá, que entraña un maior control e represión gobernativa das protestas sociais. No que atinxe ás desordes públicas, agrávanse as penas incluso ligándoas a que os delitos a castigar se cometan “dentro ou con ocasión de manifestación ou reunión”, engadindo tamén como delitos supostos de “incitación” ás desordes no que pode até caber a inculpación de quen faga a convocatoria de manifestacións que no seu desenvolvemento haxa escarceos máis que disturbios, hai unha clara criminalización dos piquetes informativos nas folgas (artigo 557), ademais dunha reformulación de tipos penais relativos á interrupción do funcionamento de servizos públicos, sexa con ocasión dunha folga ou dunha manifestación ou reunión en lugares de tránsito (artigo 561), e finalmente, tamén é ilustrativo que, ante esa liña de rigorosidade punitiva, se elimine o vixente castigo penal (artigo 559) que protexe o exercicio de dereitos cívicos face a perturbacións ilexítimas e violentas encamiñadas a impedir dito exercicio.

Unha reforma para que se expanda o dereito punitivo como instrumento de xestión dos crecentes problemas sociais, abandonando o seu rol preventivo para enfrontar os riscos individuais. Unha reforma penal que, de seguro, non vai no camiño de podermos ser máis libres nin de acomodármonos nunha sociedade máis segura, ben ao contrario, dá pasos na liña de afortalar unha sociedade máis sometida á inestabilidade económica que o neoliberalismo propugna, desprovista de calquera rede de seguridade de benestar pero ben armada con munición represiva coa que forxar unha coroza colectiva de inhumanidade e insolidariedade.