Repetición da historia


Corre moita tinta, moita imaxe, moita palabra sobre os anos da Reforma Política. Póñense os medios de comunicación a ferver, axudados tamén pola morte de Adolfo Suárez que acaban de canonizar soterrándoo na catedral de Ávila. Regresamos á Idade Media. Panexíricos atroces para abondar no españolismo recentralizado, no que entran todos os partidos estatais que viviron aquela época, sen excepcións. A España una, grande e libre volve unilos. E nós, os nativos, apenas podemos ouvir a historia que daquela construímos. Cantas persoas falan disto? A cantos medios de comunicación lles interesa? Canta xente nova, militante ou non, sabe como se desenvolveu a nosa loita naqueles anos que van desde 1975 a 1982 principalmente?

Quero lembrar algún aspecto que nos pode axudar a comprender o que nos está a ocorrer neste momento e o por que. Sobre todo referíndome á coherencia que puido haber nos partidos ou organizacións nacionalistas máis importantes, e falo da UPG, AN-PG e PSG. Tres forzas que até 1978 traballaron máis ou menos unidas, con momentos, tamén, de desencontros. Loitábase en dúas alternativas a respecto da superación da longa etapa da ditadura de Franco: Ruptura democrática ou Transición pactada. As dúas primeiras forzas mantiveron o tipo coa Ruptura, e mesmo a segunda, aínda que posteriormente comezou cos seus clásicos titubeos. Redactouse un programa para ese momento que se quería de cambio real, baseado no dereito de autodeterminación: as Bases Constitucionais para a participación da nación galega nun Pacto Federal, seguido dun detallado Programa Económico.

Os partidos españois de esquerda (non vou falar xa dos da dereita, franquista) opuxéronse con rotundidade a esa alternativa desde o principio, mesmo o PC español, e así seguiu adiante ese pacto cos franquistas, representado por Adolfo Suárez. Cos maus resultados das primeiras eleccións xerais de 1977, a acción dos partidos nacionalistas comezou a variar. A UPG e a AN-PG seguiron mantendo o Programa das Bases Constitucionais. O PSG sufriu un conflito interno que rematou cunha parte importante do partido alimentando a escasa militancia do PSOE. Este, naqueles anos, non tiña practicamente presenza na Galiza. E a UXT tampouco existía aquí. Así que a integración dos militantes do PSG no partido español, a maioría con g rande experiencia política, acabou axudando ao fortalecemento e consolidación do PSOE.

Sería hoxe igual o PSOE na Galiza se non se dese esa circunstancia? Tería a mesma forza? Estaría o nacionalismo en xeral máis introducido no noso país?

Que presenza tiña Esquerda Unida na Galiza hai dous anos? E agora? A historia repítese, aínda que de distinta forma. A recentemente formada Anova non pasa a formar parte de EU, máis alimentou a súa presenza aquí e axudou a darlle unha boa representación no Parlamento Galego. A nosa batalla no período da Reforma política tivo como resultado todo o contrario, pois acabou sacándoa daquel, debilitando así o propio españolismo. Fraquea ou desaparece a idea nacionalista cando os seus defensores acaban rompendo o principio básico, que é a autoorganización. E rómpese cando se aproba un programa común electoral cunha forza española ou cando se forma parte da mesma candidatura a nível español ou galego. A unión táctica nun momento determinado para un obxectivo concreto nunca pode levar a unha entrega e submisión deste tipo. Xa estamos a ver os resultados no interior de Anova: conflito. Nacen dun conflito e axiña forman outros.

Pero nese pequeno grupo que ficou desde 1978 no PSG, o conflito sempre foi inherente a el, como podemos comprobar tamén no propio BNG cando constituíron o seu grupo propio para ter representación directa nos órgaos de dirección. Ao pouco de formalo xa o esgallaron, expulsando del ao propio Beiras.

Sinto profundamente a situación que actualmente vive o nacionalismo, precisamente no momento en que debería responder con contundencia á agresividade que o capitalismo e o imperialismo están exercendo contra a sociedade galega. As rupturas, desarticulacións e incoherencias desaniman a uns e desesperan a outros, e deixan un selo de desconfianza e desesperanza no noso pobo. Vaidades exacerbadas, intereses de clan, desexo desesperado de protagonismo, caciquismo, debilitamento e confusión na propia ideoloxía, desconfianza na nación... son as eivas que levaron a esta situación. Poderá parecer que o éxito duns votos confirman un futuro de medre e avance, pero témome que a realidade deixará ermo o campo elixido por ese sector do nacionalismo, e ampliado e vizoso o dos seus compañeiros de viaxe. O tempo falará. Mais os demais, coma sempre, seguimos cara adiante.