Repensémonos. “Biosbardos, vinde ao saco”

A existencia do nacionalismo nada ten a ver con postulados deterministas, e moito menos mecanicistas. Sempre procurou apartarse do pensamento metafísico ou do cancro da inibizón social. Sustentou e aínda sustenta a súa existencia na lectura correcta que historicamente veñen facendo as organización galegas, sobre o que é esta nación, nomeada Galiza. Sobre as traxedias e glorias dos galegos e galegas. Sobre os nosos problemas colectivos. Entendaseme, refírome a esas organizacións que teñen o seu campo de actuación no territorio galego, que se organizan a nivel galego e que toman as súa decisións na Galiza. Organización e pensamento por e para Galiza. Organizacións tremendamente respectuosas coas organizacións das nacións que compoñen este chamado reino español, respecto baseado no principio supremo de non intervención nos asuntos internos dos demais povos. Desgraciadamente, os partidos da España esquecen este principio dunha maneira imperial e cínica. Algúns fano claramente por defender as teses imperialistas de dominio duns povos sobre outros, craso exemplo témolo no comportamento intervencionista dos partidos europeos imperiais sobre o referendo celebrado na Grecia. Outros, que critican ese intervencionismo sobre Grecia, resulta que o practican eles mesmos sobre a nación Galega, por exemplo, ao presentar listas españolas no nosos país. Como lle chamamos a isto, cinismo ou imperialismo. Claro que o fan camufladas dentro das tupidas corozas feitas con palla galega, para así intensificar a camuflaxe coa paisaxe, a semellanza de cando os lagartos enverdecen coma as herbas. Raposos rapinando en galiñeiros alleos, coa finalidade de anular os sentimentos e pensamentos patrios; matadores da conciencia nacional. Practica habitual dos que negan ou ocultan as súas verdadeiras intencións, deses que buscan manipular as emocións dos povos. Practicas deses que ocultan o seu oportunismo en fórmulas válidas para o sistema. Prácticas que non fan máis que narcotizar e crear falsas esperanzas aos galegos e galegas. Pronto veremos onde queda a reforma estrutural do estado, que dea paso ao recoñecemento das nacións que formamos parte do mesmo. Non é isto o que quere o sistema no fondo; alienados, submisos? Non é esta unha actitude irrespetuosa? Sería moi bo, que os galegos e galegas tivésemos sempre unha actitude preguntantiva sobre nós. Preguntémonos, preguntemos, é posíbel con esta política contribuír a un cambio político na estrutura do estado, onde Galiza exista como nación? Axudan en algo esas “políticas novas” a que as galegas e galegos apreciemos máis o noso pais? É posíbel, con estas formas de proceder, axudar a crear unha sociedade informada e consciente para que poida ser libre e tomar as súas decisións dunha maneira consciente. Consistirá ese eufemismo da chamada “nova política” en apagar, desideoloxizar e desorganizar as sociedades, en especial as nacións proletarias (como lles chamaría Castelao), que son todas as que loitan pola súa soberanía, xa que rompen con designios ideolóxicos e estruturais dos imperios, rompen cos métodos centralistas e intervencionistas tan necesarios ao imperialismo, para a súa subsistencia? Preguntémonos, quen saíra beneficiario? En fin, ou acreditamos que Galiza é unha nación e que polo tanto debe ter o seu dereito a decidir o seu futuro, ou acreditamos que somos unha rexión máis sen categoría de nación. Este é o dilema, é que a escolla dunha ou outra opción dirá o que pensamos de Galiza e o que queremos que sexa Galiza no presente e no futuro, ser libre ou escrava. Todo o demais son sofismas.
Lernos, repensarnos e preguntarnos é unha obriga diaria dos nacionalista para non sucumbir aos cantos do –Biosbardos, vinde ao saco- que en determinados momentos históricos adúlannos con rapsodias os nosos ouvidos. Facéndonos estourar a causa do ácido pícrico que colocan como un implante no noso cerebro. Quérennos mudos, apáticos, cegos, submisos, doces e obediente no senso retrógrado das verbas. En fin, sen personalidade propia para que non troncemos as enferruxadas cadeas mentais que non impiden ver esta nación galega en todo o seu esplendor. Superemos esa brutal prohibición que nos impoñen por mediación de multitude de instrumentos, para que non pensemos como galegos. Queren que vexamos unha realidade falsa e irracional en todos o relacionado coas “novas” organización políticas. É curioso ouvir que nacen da nada, certamente como os biosbardos, “miremos sen ver, nin nos decatemos de nada”. Blanco Amor, co libriño, Os Biosbardos, ponos ao día, sobre a nosa tendencia á inxenuidade. É hora de colaborar máis activamente no desenferruxamento colonial dos pensamentos dos galegos e galegas. Para iso teremos que ser máis dialécticos, e percibir a realidade nos seus xustos termos, ao tempo que temos que facer énfases en que as loitas económicas que realicemos deben ser complementadas en todo momento coa nosa historia, cultura e pensamento nacionalista; saber que os galegos e galegas tamén temos comportamentos emocionais, efectivos, simbólicos, que xogan papeis importantes nas nosas conciencias e nas nosas formas de ser e pensar, que moitas veces nada teñen a ver coas loitas económicas. Ollar, eses feitos, que nos indican que as veces o peor ou mellor estado económicos de determinados estamentos sociais, non é correlativo ás posicións nacionalistas e progresistas. Si o é ter asumido un pensamento galego, nacionalista. Non confundamos ideoloxía, pensamento nacionalista, co ideoloxismo. Para non ocultar, ou tratar de domesticar o que nos dá sentido de ser, o pensamento e práctica nacionalista. Impulsarnos desde un pensamento non nacionalista é mergullarnos até afogarnos. Esforcemos por desestranxeirizarnos ao tempo que nos nacionalizamos. Se non atacamos os valores reaccionarios que nos chegan doutras terras e que impregnan parte da nosa sociedade, non seremos capaces de ter unha sociedade digna de ser chamada galega.
O nacionalismo leu e repensou dunha maneira satisfactoria momentos tremendamente delicados para a súa existencia, aqueles con que o sistema nos envestía coa intención de derrotarnos e deixar a Galiza orfa de forzas propias. Sirvan como exemplos; a recuperación, en plena clandestinidade, do Dia da Patria Galega, ou a reconquista da praza da Quintana, logo de ser expulsados da mesma ao prohibirnos celebrar na mesma as Arengas do Dia da Patria Galega. A nosa firme oposición a esa constitución española, que non nos recoñece os nosos dereitos nacionais, ligados á oposición a este estatuto de autonomía de Galiza, que hoxe, en día atrévome a afirmar, en nada ten axudado a afirmar, nos galegos e galegos, o sentimentos de pertenza e aprezo a Galiza. E que dicir dos nosos análises sobre o que suporía a Comunidade Económica Europea para os nosos intereses económicos, políticos e culturais.
Tivo e ten unha virtude o nacionalismo, digna de ter en consideración, que foi a de non ter preconceitos, nin estériles afirmacións, e moitos menos negar a pluralidade dentro do campo nacionalista. Fomos e seremos sempre leais, afectuosos e respectuosos coas organizacións e persoas que amosen algo de aprezo a este país. Virtudes que ten a seu máximo expoñente, en ter proposto con clareza os seus pensamentos, onde a unidade do nacionalismo e ampliación do mesmo sempre estivo e está presente. Estes días, que están na palestras as opinión e propostas do nacionalismo, sobre a celebración do Día da Patria Galega e sobre o vindeiro proceso electoral, é para sentirse satisfeitos de contar con organizacións que si por algo destacan é por aprezar este país e por traballar sen acougo pola súa liberade.
Agora tamén é momento de lernos e repensarnos novamente. De non esquecer que o sistema é astuto e os medios dos que dispón para adormecernos brutais e tremendamente funcionais para os seus intereses. Son estes momento propicios para repensar as nosas tácticas, axustar as nosas ideoloxías, axudar a harmonizar todas as voces que queiran cantar na coral galega, a vibrante canción de Érguete Galiza. Canto xeral que debe ser ouvido en todos os recunchos da nosa Galiza, e facer vibrar de emoción a todos os que queiran a Galiza. É momento de facer aflorar o aprezo entre todos nós, galegas e galegos, para dignificar a nosa nación cunha gloriosa unidade de organizacións galegas, sexa cal sexa a súa actividade, así como o aporte de eses galegos e galegas que a título persoal, vexan a necesidade de participar neste proceso. A firmeza nas nosas ideas nacionais, ten que valernos para facilitar e colaborar no agrandamento do pensamento nacionalista e da súa maior autoorganización, así como no compromiso con todos os que queiran a liberdade desta terra.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.