Renovar, Renovarei,... loguiño hei renovar,... Anovar, anovarei,... loguiño hei anovar
Os termos aparentemente modernos, técnicos, ambiguos, que o sistema introduce na linguaxe pública e política, son como cabalos de Troia, armas que tratan de destruír o discurso e a práctica política daqueles que o Poder considera os seus inimigos ou as súas ameazas.
Ultimamente abondan estes ideoloxemas perniciosos que rematan entrando de xeito acrítico no noso discurso político: sociedade civil, clase política, globalización, gobernanza, pensar globalmente, actuar localmente, sustentabilidade/sostibilidade parcial,... Hoxe voume referir a un deles, a "renovación".
Se un mira nun dicionario o sentido deste termo queda bastante tranquilo, pois renovar é cambiar os elementos que están gastados para volver as cousas ao seu estado orixinario, ás súas raíces. Ou sexa, renovar a esquerda consistiría en substituír os seus elementos ideolóxicos e persoais disfuncionais ou esgotados para volver ás súas raíces, á defensa das clases populares e traballadoras. Volver á oposición frontal e á busca de alternativas ao sistema que oprime á inmensa maioría da humanidade. Ao que se comproba, nada que ver co socioliberalismo de Tony Blair e Segolene Royal, que hai que catalogar con precisión, como deserción pura e dura da esquerda; ou sexa, o contrario da renovación.
Anovar un prado é quitarlle os terróns que xa non dan boa herba para que volva a producila en condicións óptimas; anovar nada ten que ver con abandonar o seu coidado nin con transformalo nun eucaliptal. Será menos gravoso ou máis produtivo para o seu dono, pero non para a paisaxe nin para os intereses colectivos. E aquí lle doe a moitos dos pregoeiros do abandono e transformación dos principios do nacionalismo e da esquerda, disfrazados de "anovación" cando o que pretenden é ter menos custes ou máis beneficios persoais.
Renovar un colectivo consiste en substituír as persoas que por diversos motivos xa non cumpren correctamente as súas funcións, por outras que si o poidan facer, para conseguir que o colectivo volva a funcionar igual ou mellor que antes. Nada que ver coa substitución das persoas que si cumpren por outras que, no mellor dos casos, teñen que demostrar esa valía e, no peor, teñen ben demostrada a súa incapacidade política. Saneadas empresas e dinámicos colectivos de todo tipo remataron no desastre pola substitución de persoas solventes por outras incapaces, co único mérito demostrado de ser familiares ou amigos de alguén. "Renovar" unha organización política por criterios de modernidade, de capacidade profesional ou do "guai", é un disparate do mesmo calibre que "renovar" unha equipa de fútbol con modelos de pasarela.
Tamén existe a renovación por motivos de idade, inevitábel, inexorábel, lei de vida. Por outro lado, en todo colectivo é boa unha ampla mestura de idades. Certo, pero o problema, a perversión, xorde cando non se ten en conta nin a valía nin o funcionalidade real das persoas e se usa con outros fins. Hai anos, tiven que vivir un curioso episodio: unha proposta alternativa á lista municipal de Pontevedra presentada en nome da "renovación" que consistía, basicamente, en aumentarlle a idade media dos concelleiros en case que 20 anos. Viva a renovación por idade!!!
Renovarse ou morrer. Profundísimo pensamento popular. No nivel psicolóxico, ou un renova diariamente as súas ilusións, as súas arelas, os seus motivos para vivir ou será un morto anticipado, agardando coa mortalla na súa cama. Bioloxicamente, as nosas células renóvanse continuamente, acotío; a carencia total ou parcial de substitución das células disfuncionais por outras novas que cumpran axeitadamente as mesmas funcións, é o envellecemento. A "renovación" sen ton nin son, a "renovación" acelerada como fin en si mesmo, en medicina resulta ser un cancro mortal. Non será algo así a suposta "renovación" que se propón desde certos sectores? Por se acaso, na sabedoría popular non se contemplaba como renovación esta última acepción patolóxica.
Nos anos 90 presentábase no curriculum dun militante nacionalista o de "vello loitador", aínda que non chegase aos corenta anos, como un elemento positivo digno de resaltar. Hoxe, os que loitaron un día ou unha temporada xa entran na categoría de sospeitosos, só reciclábeis para a "renovación" se renuncian e desertan destas loitas; os que loitaron de verdade toda a vida, sexa longa ou curta, pasan a ser estorbos a substituír canto antes. Os imprescindíbeis de verdade para a "renovación" parecen ser os que nunca loitaron, os que nunca tomaron partido até mancharse. Os que nunca loitaron, aliados cos que renunciaron á loita, para "renovar" aos que loitan toda a vida. Ai, se Bertolt Brecht ou Gabriel Celaya levantasen a cabeza!!
Renovemos pois, pero no sentido correcto do termo: volver ás raíces, a que as cousas funcionen como se estivesen novas, coa máxima eficacia para o seu fin natural. No caso do BNG, a liberación nacional e social de Galiza. Para iso o único camiño é ampliar o grupo de persoas de todas as idades que loiten diariamente, toda a súa vida, con cargo ou sen el, de soldado ou de xeneral. Anovemos pois, pero para que o prado siga a producir boa herba, non para que deixe de producila.