Renfe quere deixarnos sen trens
Malia que A Coruña ou Vigo superan en número de habitantes zonas do Estado español onde os usuarios contan con cercanías, Galiza é a única autonomía do litoral do Estado que carece do servizo co que Renfe une as urbes coas súas áreas de influencia. E é que o Ministerio de Fomento segue a privarnos deste tren de proximidade. Tanto o tramo considerado por Renfe de Media Distancia entre A Coruña-Ferrol e o de Pontevedra-Vigo deberían ser servizos de cercanías se os comparamos con autonomías que xa gozan das numerosas frecuencias e das tarifas económicas. Ambos os dous corredores, tanto o de A Coruña-Ferrol como o de Pontevedra-Vigo, suman máis de 600.000 habitantes, cifra que se aproxima á de Guipúzcoa -que conta con 691.000 habitantes- e cifra claramente superior á de Murcia -416.000 habitantes- e á de Santander -300.000 habitantes-, núcleos que si gozan do servizo de cercanías. Que pasa, somos os galegos e galegas cidadáns de segunda?
Foron 25 os anos de atraso cos que comezou a andaina ferroviaria na Galiza. Pasaron dous séculos desde entón, mais eses 25 anos de atraso persisten na actualidade. A orografía galega e a elevada taxa de densidade poboacional complican a situación, mais estas dúas características non xustifican que tanto Renfe como Adif non invistan en melloras na Galiza. Países como Suíza -que contan cunhas características xeográficas semellantes ás nosas- posúen un servizo ferroviario de gran calidade.
Unha maior frecuencia entre os trens e un abaratamento nas tarifas son os principais reclamos dos usuarios, que crecen ano tras ano, e máis en tempos de crise. Porén, aínda que os servizos que Renfe denomina de "media distancia" gañan pasaxeiros e pasaxeiras no noso país, o ente ferroviario aínda non creou a rede de cercanías en Galiza e limitouse a mellorar o servizo que une A Coruña con Vigo. Namentres, Ferrol, Ourense e Lugo seguen a padecer un servizo ferroviario insuficiente. A liña que cobre A Coruña-Lugo-Monforte conta só con dous trens durante os días laborábeis, Vigo-Ourense-Monforte conta con tres, o mesmo número de frecuencias da liña Santiago-Ourense-Pobra de Sanabria.
Resulta paradoxal que só haxa cinco frecuencias nos días laborábeis entre A Coruña e Ferrol -núcleo que soporta un bo número de habitantes-, mentres hai 16 frecuencias que unen A Coruña con Vigo, iso si, a prezos de luxo, con tarifas que oscilan entre os 12,30 euros e os 14,50 euros. Tamén os prezos da liña A Coruña-Ferrol resultan excesivos, 4,90 euros, exactamente o mesmo importe que hai que pagar para viaxarmos da Coruña a Compostela no tren.
Algunhas liñas corren perigo
Alegando que non son rendíbeis, Renfe está a estudar a posibilidade de eliminar unha serie de servizos ferroviarios entre A Coruña-Monforte-Ourense, A Coruña-Ferrol, Ourense-Sanabria e Pontevedra-Vigo. Quizais o Ministerio de Fomento desatende a nosa rede ferroviaria para xustificar a continuación do peche destes servizos. Esta actitude casa coa mantén Renfe no verán, época na que en zonas de praia deixa de cobrar billetes para que as estatísticas non reflictan o incremento real no número de usuarios. Isto é frecuente advertilo ao viaxar desde A Coruña até Ferrol nos meses de xullo ou agosto.
A eliminación dalgunhas liñas é unha posibilidade na que pode influír a decisión da Xunta de non renovar a subvención de 30 millóns de euros para o mantemento destes servizos, unha resolución do Goberno de Feixóo que non axuda ao impulso e promoción das vías de ferro como medio de transporte público e sustentábel. Para evitalo, o BNG vén de presentar no Congreso unha iniciativa parlamentar na que subliña que Renfe non pode eludir as súas responsabilidades.
Por que apostarmos polo tren?
Moitos son os problemas de mobilidade do noso país, problemas que non só poden ser resoltos coa construción de novos viais. A aposta polo transporte público é fundamental se queremos pórlle fin ao problema. Contamos cunha mobilidade excesivamente baseada no automóbil privado que ten consecuencias negativas tanto no funcionamento do sistema de transportes coma no medio natural, mais tamén na economía e na sociedade, en definitiva, na nosa calidade de vida.
A chegada a Alta Velocidade ten que ser unha oportunidade dupla para Galiza. Coa posta en funcionamento da Alta Velocidade ficarán moitos quilómetros de vías en desuso que deben aproveitarse para usos ferroviarios de cercanías. Grazas a unha emenda do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado, lográronse 400.000 euros para o estudo da implantación dun servizo de trens de proximidade na Galiza. Cómpre lograr unha coordinación entre o Estado español, a Xunta de Galiza e os Concellos para conectar os servizos ferroviarios coas liñas de transporte por estrada. Tamén é necesaria a creación dun xestor do servizo de ferrocarrís cuxo obxectivo principal sería a construción, conservación, xestión e administración das infraestruturas ferroviarias. Deste xeito acadaríase un sistema de comunicación moderno, eficaz e sostíbel, un modelo de futuro.
O próximo 27 de novembro teremos a oportunidade de defender o transporte por ferrocarril no acto reivindicativo organizado polo BNG da comarca da Coruña, que levará os e as participantes en tren desde A Coruña (11.00 horas) até Ferrol (12.15 horas), recollendo compañeiros e compañeiras nas distintas paradas, para facer visíbel a reclamación de melloras nesta liña.