Renace a Europa fascista
No prefacio que Gino Germani fai a unha das edicións da obra "O medo a liberdade" de Erich Fromm, tira a seguinte conclusión, aplicable ao día de hoxe e aclarando que seguen a ser unha severa advertencia para os tempos actuais estas reflexións feitas antes de rematar a chamada segunda guerra mundial.
"A análise de Fromm confirma -sobre todo no plano psicolóxico- o que outros estudosos teñen confirmado unha e outra vez: o fascismo, esa expresión política do medo a liberdade, non é un fenómeno accidental dun momento dun país determinado, senón que é a manifestación dunha crise profunda que abarca os cimentos mesmos da nosa civilización. É o resultado das contradicións que ameazan destruír non soamente a cultura occidental, senón ao home mesmo. Eliminar o perigo do fascismo significa suprimir fundamentalmente aquelas contradicións no seu dobre aspecto: estrutural e psicolóxico. O fin da guerra non rematou con este perigo: tan so abriu un paréntese que pode ser aproveitado para levar a cabo esta obra, pero hasta tanto a estrutura social e os aspectos psicolóxicos correlativos permanezan invariables, a ameaza de novas servidumes non terá desaparecido."
Seguindo o guión do que remata de escribir nas páxinas deste xornal dixital un bo coñecedor da historia dos totalitarismos e ditaduras, compre insistir en que estes aparecen perfectamente xustificados e amparados polas masas como formas de goberno necesarias e democráticas.
O deus Mercado Capitalista está descaradamente impoñendo ditadores en nacións soberanas como Grecia ou Italia burlándose amplamente das fórmulas ao uso de representación democrática, e suprimindo calquera consulta popular. O mesmiño que na idade media o poder ven directamente de "Deus" e o príncipe terreal (neste caso o capital financeiro) recólleo e impárteo no nome do supremo deus.
Pode calquera persoa con dous dedos de fronte pensar que a cidadanía ten capacidade de incidir nas decisións dun país por medio dos representantes que elixe?: Podemos chegar a conclusión de que si pode influír; pero tristemente podemos estar percibindo que si deus entende que non lle convén consultar a xente, prescinde das consultas. Temos que dicir con Franco que en Europa existe a democracia "dentro dunha orde" e tamén existe a paz ou os dereitos fundamentais "dentro dunha orde".
Sen ningún tipo de reparo se escoita nos supremos e todopoderosos MEDIOS: "Tal e como acordou a parella que dirixe o destino de Europa, Merkel e Sarcosí...." Ou: "Agardando a única decisión válida, a do FMI...". Ou outras moitas aseveracións que reflicten sen rubor un perfecto estado dictatorial que dan en chamar "GOBERNOS DE TECNOCRATAS".
Chegado o momento do enterro da socialdemocracia europea por fusión e confusión coa ultradereita; pode ser posible, non o pensamento de esquerdas, senón simplemente O PENSAMENTO?
Co que está acontecendo en Grecia e Italia, e que seguirá acontecendo en toda Europa, queda patente que non estamos a debater entre a esquerda e a dereita, senón que en realidade estamos diante da pregunta do vello pensador: " Ser ou non ser". Ser persoas con dignidade e dereitos ou ser servos ou escravos dun Ser Supremo, do Mercado.
Non so se di que sobran as eleccións. Suprímense e xa está. Xa non se declaran as guerras nin se xustifican. Fanse e repártese o botín. Preguémoslle a outros deuses distintos dos do mercado que non apareza gas ou petróleo nas costas galegas....
As xustificacións para ir sometendo as vontades colectivas de nazón ou de clase son as mesmas que utilizaban os dirixentes do III Reich. " Un valor supremo" esixe todo tipo de sacrificios; temos que renunciar a moitos dos dereitos adquiridos por salvar ese ben supremo. Nos, como persoas ou como pobo non temos valor, so o teñen os mercados. Tódalas medidas que se toman para salvalos serven para afundirnos a nos. Agora non se di ¡Vaia por Deus!. Agora dirase: ¡Vaia polo Mercado!....
Sería absurdo ademais preguntarse porqué temos que facer eso. A crise prodúcese por causas estrañas e descoñecidas, e por eso mesmo non podemos saber si existen responsábeis desta desgraza. O que si sabemos -ou nos queren facer saber- e que uns terribles deuses (os mercados) fillos lexítimos ou bastardos do "Gran Deus" desataron a súa ira e probe daquel ou aquela que non obedeza as súas ordes que transmiten a tódolos consumidores da feira europea, en forma de parella ou triunvirato.
As características da ideoloxía fascista que Erich Fromm analizaba no nacemento da Alemaña Nazi percorren de novo Europa.
Están sen ningún reparo aplicándolle ao pobo pola forza, con anestesia mediática ou simplemente pola forza da violación todo o que disimuladamente ían a impoñer coa aprobación da famosa Constitución Europea ou xa antes co Tratado de Maastricht .
Aos tiranos e ditadores de toda a vida chámaselle agora "Tecnócratas". Liquidados os partidos políticos e toda forma democrática de representación quédanlle ao capital dúas opcións: Gobernos "técnicos" ou gobernos militares. Dado que teñen as forzas da oposición perfectamente sometidas e ideoloxicamente apampadas, e que o mercado das armas xa se satura noutros lares do planeta, poden dar golpes de man ou golpes de estado como os que rematan de acontecer en Italia ou Grecia sen ningún reparo. A mesma máquina mediática que logrou xustificar a queima do pobo Libio ou Iraquiano a bombas ben pode xustificar arruinar a economía familiar e produtiva do Estado Español ou Portugal.
Escoitemos algunhas oración fervorosas asumidas polo común da xente como as "Sagradas Táboas" que amosou Moises ao seu pobo: "Vivimos por riba das nosas posibilidades". "A culpa e toda dos políticos." "Todos son ladróns, os que non roubaron é porque non puideron." "Hai que votar aos que xa están cheos porque si entran outros hai que enchelos." "A xente quere vivir sen traballar." "Da o mesmo que goberne quen Goberne." "Os políticos son todos unha merda." (Claro que algúns son unha merda poderosa, e digo eu que por iso os votarán mais que aos outros. De votar esterco votalo en abundancia, a ver si salta algún para o noso leiro).
Someterse ao poder dos mercados por temor a súa ira non é mais nin menos que someterse a súa tiranía. O mesmo que impoñen un Goberno que representa os intereses da fraude e desorde, da acumulación e depredación capitalista, poden impoñer un militar para controlar a "orde pública" e un tecnócrata para manter a destrución e vicios dos aproveitados do sistema.
Mostras ben claras están dando de que se saltan as normas que eles mesmos adoraban como sagradas, escritas nas constitucións. Seguindo con esa práctica anularán eleccións, suprimirán por decreto ou por linchamento mediático calquera forma de organización política ou sindical, e irán dándolle paso a organizacións sociais mais violentas, fascistas e corruptas. Xa o están facendo.
O bo manexo dos sentimentos mais irracionais e inhumanos do individuo como a envexa, a xenreira, o odio, a ambición, o egoísmo, a avaricia, ... están a ser utilizados con mestría polos que preparan os guións de calquera campaña política que desenrole o chamado "Occidente": As guerras imperiais, as campañas contra gobernos e países que loitan por ser soberanos, as campañas electorais, as campañas estratéxicas para seguir coas grandes acumulacións e arruinar a amplas capas da sociedade.
Despois de século e medio de crises capitalistas tense a triste impresión de que so a ultradereita dominante en Europa ten aprendido como saír das crises.
Na chamada esquerda a cada paso resulta mais difícil distinguir entre a inxenuidade e o estar aloulados: Primeiro mándannos destruír os médicos e os remedios medicinais, nin sequera os caseiros, e logo déixannos morrer como apestados mentres eles se tratan con terapias de luxo. Prescindimos dos partidos, dos sindicatos, das xuntanzas, dos debates, da unidade dos oprimidos e explotados, da información rigorosa, do pensamento crítico, de facer política; e mentres,uns poucos dominan a información, os recursos, os nosos brazos e os dos nosos fillos e fillas, o divertimento, a cultura ou "contracultura" as finanzas, os negocios (lícitos,ilícitos, normais ou criminosos,limpos ou porcos), a política e todo o que se menea. A nos permítennos dúas cousas: Desafogar atacando a outros arredados do mundo ou evadirnos adorando a merda que nos reparten en forma de espectáculos diversos (TV, cinema, algúns negocios deportivos, e algunha que outra masturbación mental, pouco mais...)
Remato con outra cita clarividente de Erich Fromm: "Considérase a verdade como un concepto metafísico, e cando alguén fala do desexo de descubrir a verdade, os pensadores "progresistas" da nosa época táchano de reaccionario. Declárase que a verdade é algo enteiramente subxectivo,case un asunto de gustos. O esforzo científico debe atoparse desvinculado dos factores subxectivos, e o seu fin é mirar o mundo sen paixón nin interese. O sabio debe aproximarse aos feitos coas mans esterilizadas,tal como un cirurxián se achega ao seu paciente. As consecuencias diste relativismo, que con frecuencia se presenta co nome de empirismo ou de positivismo, ou ben que se caracteriza pola súa preocupación para o exacto uso das palabras, son que o pensamento perde un estímulo esencial: os desexos e intereses da persoa que pensa; no seu lugar xurde, polo contrario, unha máquina rexistradora de feitos"