Relativismo gnoseolóxico e "Argumentum ad nauseam"
Escribía Marx en 1845 na súa 11 Tese sobre Feuerbach: "Os filósofos, até o momento, non fixeron mais que interpretar de diversos modos o mundo, agora do que se trata é de transformalo" (as negriñas son aclaracións de Engels).
Criticaba Marx o feito de que os filósofos (hoxe diríamos pensadores, ou tamén, en certa medida, científicos) reducisen o seu labor a coñecer e interpretar o mundo, a realidade física e social; pedíalles que desen un paso adiante e que o coñecemento fose criado para e posto ao servizo da transformación social, da superación dunha realidade e dun sistema inxusto. Obviamente, a súa aspiración transformadora era o socialismo.
Máis dun século despois, en 1949, escribía Albert Einstein: "A anarquía capitalista... é, na miña opinión, a verdadeira fonte do mal. Só hai un camiño para eliminar estes graves males, o estabelecemento dunha economía socialista" Why Socialism.
Arredor de século e medio despois do escrito de Marx, encetouse a chamada posmodernidade, que chega até os nosos días. A defensa do sistema capitalista faise desde uns posicionamentos nos que prima o relativismo gnoseolóxico, é dicir, postulados expresos ou implícitos de que non hai xeito de coñecer nin interpretar a realidade, especialmente a social.
Estamos nunha situación moito peor que a que denunciaba Marx; daquela os pensadores trataban de coñecer e interpretar a realidade. Hoxe, simplemente renuncian a ese coñecemento e ao descubrimento das leis e normas obxectivas pola que se comporta. Todo vale, toda opinión ou suposta certeza ten o mesmo valor; en definitiva, todo coñecemento é supostamente relativo, menos a pervivencia do sistema capitalista, claro.
Sen remontarnos ao peor dos sofistas gregos, Nietzche, o existencialismo, o construtivismo (Piaget entre eles), engrosan os antecedentes da corrente que con máis intensidade representa o relativismo: a actual posmodernidade.
O asunto é verdadeiramente tremendo; que na nosa sociedade, presuntamente científica e tecnolóxica, o pensamento dominante sexa aquel que renuncia ao coñecemento da realidade e defenda a subxectividade e o relativismo máis extremos, é un síntoma de decadencia, de falla de ideas, de fuxir do debate sobre os feitos e as teorías, levando á irracionalidade á ciencia e ao coñecemento. Levámonos as mans á cabeza cando prohiben explicar o evolucionismo de Darwin en certos estados USA, pero o caldo de cultivo está presente en todo o mundo. Non é máis que un intento á desesperada de tapar as miserias do sistema que padecemos.
Pero a orixe do propio termo relativismo é un auténtico sarcasmo e unha falla de respecto por Albert Einstein. Xorde de inventar que a teoría da relatividade afirmaba que todo coñecemento é relativo. Groseira manipulación. A teoría da relatividade é unha teoría física que non ten nada que ver coa relatividade do coñecemento nin moito menos coa ausencia de leis físicas universais e obxectivas polas que se rexe a natureza.
A teoría da relatividade, en esencia ven a dicir que a enormes velocidades (centos de miles maiores que as que pode soportar un ser vivo), as medicións do tempo e do espazo dependen da velocidade que leve o teórico observador. Contrastada no mundo subatómico e cósmico, constitúe unha lei física obxectiva. O pensamento de Einstein sobre a sociedade quedou ben claro na cita de inicio deste artigo.
Einstein cría na interpretación e coñecemento da realidade obxectiva, tanto física como social, e trataba de usar este coñecemento para a súa transformación. Unha indecencia intelectual usar o termo relatividade que el acuñou para manipular o seu pensamento até extremos de usalo como símbolo do contrario do que defendía.
Por se alguén pensa que isto son elucubracións teóricas, vaian uns de feitos concretos para ver o alcance da traxedia:
- A unha persoa de brillantísimo expediente pregúntanlle se ao tema "A revolución francesa" que lle caira na oposición lle dera un enfoque marxista. A resposta convencida foi: "Como?. Se daquela Marx aínda non nacera". Só lle faltou extrapolar o razoamento a que os castros galegos non se poden datar con Carbono 14 pois este isótopo non se descubriu até o século XX.
- Nunha conferencia, un recoñecido pensador italiano soltou: "Einstein demostrou coa súa teoría da relatividade que todo coñecemento é relativo, cando non subxectivo", coa aquiescencia de grande parte do público. Cando alguén lle advertiu da enorme gralla, a resposta foi dun cinismo supino: "Xa o sei, pero á maioría sóalle o da relatividade e non é importante o sentido que lle dou Einstein. O que importa é a idea de que todo coñecemento da realidade é relativo, ou sexa ser posmoderno.
- Un profesor universitario, por máis indicios militante do PSOE, faille "tragar" aos seus alumnos/as que a economía existe porque existe o mercado, que a transacción é anterior á produción, violentando a realidade de que grande parte da traxectoria da humanidade foi de autoconsumo ou subsistencia. Todo vale para defender ao Deus mercado.
Por se alguén cre que estes feitos só se dan en campos alleos á esquerda e ao nacionalismo, repase artigos de opinión en xornais e blogues e compróbese até onde está metido este relativismo gnoseolóxico, esta falla de rigor, esta manipulación conceptual. A esquerda xa non trata de transformar e superar o sistema capitalista (inventos como "esquerda cívica" ou "esquerda sensata"), o concepto de clase social dáse por superado (xa non importa a relación cos medios de produción, xa non ten relevancia o ter capital financeiro ou produtivo ou só ter man de obra para "vender" no mercado, xa resulta indiferente ser escravo que escravista, explotador que explotado) reivindícase a Nietzche, xa deixou de existir o colonialismo e a explotación colonial, o importante é ser modernos e "europeos", tronzar a dependencia converteuse en algo rancio e inmobilista,.....
Volvendo ao inicio, rigor intelectual, preparación teórica ao servizo da transformación social. Outro campo no que remamos contracorrente da machacona ideoloxía dominante e no que queda un grande esforzo por facer.
Nota.- "Argumentum ad nauseam": repetir teimudamente unha falsidade, unha manipulación até que se converta nun tópico, nun lugar común, nun razoamento dado por válido sen crítica nin contraste coa realidade nin coas teorías solventes e verificadas.