Reinventará o BNG o éxito político?
Os inimigos do nacionalismo aprenderon da experiencia tres cousas moi importantes que as veces da a sensación de que as descoñecen os nosos amigos:
1ª- Non é equivalente éxito electoral a éxito político. Aquel "grande éxito" de Noia...
2ª- A prestancia física do candidato ou candidata non é o que logra os votos.
3ª- As mensaxes e accións que prexudican á UPG. Tamén prexudican, polo xeral, ao nacionalismo.
Fai exactamente trinta anos (o demo tamén sabe algo por vello) no fondo da Praza Maior de Lugo un compañeiro do BN-PG amosábame un libriño cun programa nacionalista que viña sendo un nacionalismo rebaixado, non molesto, ben visto e con futuro electoral. Comparado coas BASES CONSTITUCIONAIS e en metáfora moderna e urbana, sería un nacionalismo descafeinado con auga. Pero a contradición meirande do compañeiro M. foi que entendía que aquel era o programa ideal e a práctica política ideal era a do BN-PG, e mais en concreto a da UPG. O único que se me ocorreu foi dicirlle que para un programa precisábase unha práctica e para o outro programa outra. Non é o mesmo facer viño da Ribeira Sacra na Ribeira de Vilachá que purrela das parras híbridas que tiña meu avó na "hortariza" que levaban, a cocer, un 50% de auga. Como todos/as sabemos, o programa descafeinado, despois de moitos éxitos políticos, e de pasar incluso pola cociña española, regresou a vella lareira. O meu ex compañeiro M. foi unha tempada adicto ao descafeinado e logo deixouno.
Mudar de mensaxe, de imaxe, de persoas, de programa, e dicirlle a xente o que quere escoitar (ou sexa, as mensaxes da ideoloxía dominante) é a cousa máis doada do mundo. Iso xa nolo dan feito tódolos días, a tódalas horas e en tódolos medios; e por si alguén anda desorientado, existe un medio escrito concreto, con titulares e columnistas apropiados que xa leva anos explicando a toda voz como se fai para dividir e desfacer o nacionalismo, ou como "renovalo e corrixilo".
Nos tempos aqueles da "España Cañí e das touradas" ou sexa, coma hoxe mais ou menos, en que o servizo militar era obrigatorio, contaba un veciño meu a aventura educativa dun aprendiz de mestre de escola nado en Valladolid. No primeiro día de teórica no cuartel de Campamento en Madrid un soldado de Ribeira un pouco tatexo era incapaz de pronunciar o substantivo mais elemental do guerreiro. Dicía unha e outra vez "carchuto, carchuto e carchuto". O soldadiño vallisoletano solicitou que lle permitisen estar a solas co de Ribeira para corrixir o defecto de pronunciación, xa que era a súa especialidade. Ao día seguinte, e despois de moito ensaiar, o noso aprendiz de mestre presentouse todo orgulloso diante do sarxento acompañado do mozo ribeirán e díxolle: " A la orden mi sargento! Tengo el honor de comunicarle que el soldado Pérez ya dice correctamente carchuto"...
Se non lle foi difícil ao PSOE adaptarse a ser o gran defensor do capital financeiro, ou a CC.OO. representar os intereses da patronal; porqué nos vai ser difícil no BNG adaptarnos a prescindir dos dogmatismos de impoñer o idioma, de ter unha Banca Pública Galega, de opoñernos en solitario ao Tratado de Maastrich, a Constitución Europea, a OTAN, e agora, a unhas reformas e retallamentos que todo o mundo acepta con resignación porque estabamos vivindo por enriba das nosas posibilidades? Ou, aínda que así non fora, non se pode navegar contracorrente nin manter prexuízos que tivemos no pasado, xa que, os referentes do soberanismo, do comunismo, do socialismo real,( e do outro tamén) xa pasaron a historia? Total: "En terra de lobos hai que oular coma todos", do contrario corremos o perigo de desaparecer eleitoralmente... Non será moito mais pragmático desaparecer politicamente? Ou sexa,precisamos para estar no bo camiño, que a xente nos diga: " Antes os dos do BLOQUE erades moi raros, moi diferentes aos outros, queriades mudar moitas cousas, e estabades dirixidos por uns bichos moi raros e perigosos, eses da UPG, agora xa non hai ningún perigo convosco. Se fai falla podémosvos votar igual que aos outros. Total os políticos sodes todos uns chupóns e uns aproveitados, e mentres non podamos eliminarvos teremos que votar por alguén..." En realidade é un pouco amolado que para achegarnos a xente teñamos que pasar por "políticos chourizos", pero que se lle vai facer, que sexa todo pola causa, que sexa todo polo éxito político; digo mal, que sexa todo polo éxito electoral. E agora que o penso, porque tardaría eu tanto tempo en adaptar o meu discurso ao pensamento moderno actual? Podería ser alcalde de Lugo; xa me presentei de terceiro sendo moi novo...
O máis chocante da situación non é que teña desaparecido a esquerda en Europa, as identidades nacionais (so cando lle convén ao dogmático mercado), os dereitos e a dignidade dos traballadores, pasando a ser escravos; as mitolóxicas crases medias, e moitas mais cousa que arrasou o tsunami do muro de Berlín; non, o mais chocante é a presa que temos aqueles que inda somos referentes de moitas cousas en deixar de selo.O mais difícil para unha opción "transformadora"- xa non digo "revolucionaria" que é unha opción mitolóxica en Europa, inda que é actual e estase practicando a "reaccionaria"- non é adaptar o seu discurso a xente senón lograr que a xente sexa crítica co discurso imposto polo sistema e capaz de organizarse para liberarse desa imposición, por iso fomos, e creo que seremos no futuro, unha opción de liberación. Podía darse tamén, e as veces así acontece,o caso do que fuxe da realidade pola dereita facendo que escapa pola esquerda. E perfectamente factíbel marcharse como indignado do brazo dos adaptados. Para desfacer un movemento, o mesmo que un edificio, só fai falla facer ben unha cousa: Convencer aos que están nel, ou a parte deles de que está pasado de moda. O resto e consecuencia desto: Péchase o edificio, bótase del a equipa de mantemento, ou viceversa, ráchanse os planos e inaugúrase o plano dun novo "ranchito". O Imperialismo leva mais de vinte anos de destrución masiva en Europa. No vello Imperio Británico non precisaron a Señora Thatcher e cia. ningunha escusa de crise para facer daquela o que hoxe fan afeito en toda Europa; e tan ben o fixo que a podremia da miseria estoupa por tódalas cidades xa dende a infancia, e obrígannos a pensar, por devoción ao mito do santo mercado, que a solución contra estas crianzas e a represión fascista. Eles din con satisfacción, o mesmo que cos indignados, que os rapaces non teñen ideoloxía, pero os que os reprimen si que a teñen.
No nacionalismo galego estamos a queimar as chalanas e as redes cando as sardiñas se achegan a costa, o mesmo que por efectos da colonización fai anos nas nosas aldeas se deixaban para cortellos poderosas e artísticas casas grandes de granito e se construía unha nova vivenda moi moderna con tixolo de pandeireta.
Sexamos algo máis previsores que se aveciñan fortes temporais, teñamos dous dedos de fronte (aínda que o concepto de fronte estea trasnoitado), non pidamos tan rápido cambio de tripulación si nin tan si quer temos con que aboiar nin bote salvavidas, nin nos van acoller os barcos que pasen pola beira. E moi doado ver o mar dende a costa. Ou acaso pretendemos, si a marea vai mal, dicir "sálvese o que poda"? E, ademais, estamos seguros de que os viaxeiros e viaxeiras dise barco pensan todos e todas o mesmo e están dispostos a tirar a historia do nacionalismo pola borda para emprender unha nova aventura cunha nova tripulación? Tan malos son os remeiros que trouxeron o barco ate este porto?
As vacinas foron un gran descubrimento. Vou deixar como vacina e punto final un parágrafo dun xornalista moi actual e realista e nada atado ao nacionalismo ultramontano no "El Progreso, Abel B. Veiga Copo do martes 9 de agosto". Detecta bastante ben algúns dos virus que lle afectan a esta moderna sociedade democrática, e polo visto a todos nos tamén:
"EGOÍSMO EDONÍSTA. Vivimos nunha época onde a sociedade dorme no seu propio colo, aletargado e pasivo, recostada no seu relativismo, e no seu egoísmo hedonista. Unha época de enorme volatilidade e crispación, de mentiras, de banalidades e demasiada follaxe, unha follaxe que non deixa ver nin sentir, nin si quer outear con sosego e sensatez .Unha época de silencio absoluto dentro de berros crispantes,insultos lacerantes e raquitismos intelectuais. Épocas de medo e covardía, onde poucos din en voz alta o que pensan. Onde ser conciencia crítica ten o anatema da mordaza, o desprezo e a defenestración. Censuras e falacias. No medio de tanta orfandade, política e social, no medio de tanto zarandeo, algarabía, teatros, mentira e escarnio, o cidadán non sinte nin padece. Parece non importarlle pensar por si mesmo.Tempos de ira, tempos de incuria e iniquidade varia. Tempos de máscaras, de frivolidades e desmemoria, de razón amnésica e fuxidía. Cara sen cruz, cruz sen rostro, deshumanizado e desfigurado".