Regreso á inhumanidade
En 1985 o xurista alemán Günter Jakobs, no contexto dunha reflexión sobre a criminalización do estado previo a que se producise unha lesión, manifestou a necesidade de separar en caso excepcional o dereito penal do inimigo do dereito penal dos cidadáns. Porén, nese intre as súas teses non tiveron maior transcendencia. É ao remate da última década do século pasado, ao evoluír a súa teoría cara unha diferenciación radical entre o dereito penal aplicado a persoas e un Dereito penal do inimigo dirixido a non persoas, cando comeza a ter adhesións, ao indicar que se trata dunha nova focaxe necesaria para combater o fenómeno do terrorismo.
Fronte á punibilidade aplicada logo da constatación dunha conduta lesiva a través dun procedemento garantista, no dereito penal do inimigo, a imposición dun castigo atopa o seu fundamento simplemente na perigosidade da persoa manifestada cara a realización dun feito futuro. Aínda que este aspecto non é novidoso, xa Carl Schmitt - o afamado xurista alemán de cabeceira do réxime nazi, que tivo acollida nos Estados Unidos logo da derrota alemá na Segunda Guerra Mundial, e que tamén fora recibido como una eminencia nas súas visitas ao Estado español durante o franquismo- aseverara "inimigo é só un conxunto de homes que sequera eventualmente, isto é, conforme a unha posibilidade real, se opón combativamente a un conxunto análogo". En nome da seguridade declárase a guerra a quen potencialmente represente perigosidade social. Non se require a demostración de ter provocado o dano, simplemente abonda coa sospeita de querer causalo. Non se trata de castigar ao responsábel de ter causado un dano social, senón da eliminación preventiva da fonte de perigo que constitúen as persoas etiquetadas como inimigos.
Como colofón, a construción do dereito penal do inimigo incorpora a distinción entre persoas e non persoas. Así a existencia dunha normativa especial xustifícase na medida en que inimigo son "non persoas", lexitimando a súa exclusión, eliminación ou neutralización por perigosos, non porque o sexan de feito, senón polos potenciais riscos que entrañan a unha sociedade determinada.
Ao longo da última década, Estados Unidos emprendeu invasións e guerras coloniais, co fin de asegurar a súa hexemonía mundial e o control de recursos naturais esenciais no actual estadio de evolución do capitalismo. Obviamente, dita estratexia nunca foi caracterizada como agresións militares, a cruzada emprendida foi disfrazada baixo a abstracta "loita contra o terrorismo", creando un inimigo con capacidade de sementar temor nas acomodadas sociedades occidentais, con trazos que xustificaban o emprego de métodos e normas excepcionais, distintas ás aplicadas incluso a organizacións criminais ou cidadáns convictos que cometen graves delitos que tamén alteran a orde e causan danos reais á sociedade.
O episodio acontecido hai apenas unha semana coa captura e execución sumaria de Osama Bin Laden, é a constatación da asunción por parte da maioría das sociedades occidentais da validez e vixencia de normas especiais exentas de todo tipo de garantías para atallar os eventuais, non os reais, males que puidera causar un inimigo difuso. É, ademais, a demostración da deriva na que foron instalando á maioría de mulleres e homes dos países do "mundo occidental", capaces de admitir a consolidación dun paradigma de actuación por parte de poderes democráticos alicerzado en métodos criminais, tolerantes coa empuñadura de calquera arma por parte dos gobernantes para espantar os medos creados, conformes en lexitimar a aplicación de normas de excepción desprovistas de calquera dos postulados e garantías das que os seus Estados se teñen dotado e que poñen de exemplo para os demais.
O máis grave é que nin sequera foi un acto de hipocrisía. Nesta ocasión, xa non se fixo preciso botar man de expresións ou argumentacións cínicas, amosouse sen vendaxes a satisfacción que supuña a eliminación física de xeito violento dun inimigo, informouse con total naturalidade do seguimento en directo da persecución atroz por parte do Presidente e o equipo gobernamental dun Estado sustentado nun sistema de liberdades e dereitos.
A resolución deste lance tamén pon de manifesto canto nos fomos achegando nestes últimos anos á lexitimación do estado de excepción permanente, e canto nos alonxamos, por moito que se reitere a expresión, dun estado fundado en normas democráticas que respectan os dereitos e liberdades fundamentais, en definitiva, da perda de calidade democrática.
Esta evolución non constitúe unha aparición recente, que fora orixinada desde o atentado ao World Trade Center, supón, en realidade regresar ao pasado, onde en base a moldear inimigos, fomentar o seu apartheid, tomar a xustiza pola man, se atinxiu a eclosión da inhumanidade.