Reforma hipócrita da regulación do aborto

Reforma hipócrita da regulación do aborto

Nada máis acadar a maioría absoluta no Parlamento español, o Partido Popular puxo a funcionar de inmediato toda a súa contundente maquinaria para modificar algunhas leis de corte social progresista. O ministro de Xustiza foi dos primeiros en anunciar que unha das próximas normas afectadas vai ser a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva, de xullo de 2010, na que se lle recoñece á muller o dereito ao aborto libre dentro das primeiras catorce semanas de xestación. Con isto, o Partido Popular pretende regresar aos tres supostos de despenalización do ano 1985 que, como recordamos, deixan de tipificar como delito a interrupción voluntaria do embarazo nos casos de risco para a saúde física e psíquica da nai, de malformacións graves no feto e de violación.

Durante vinte e cinco anos, o número de abortos practicados no Estado español foi incrementándose, baixo a cobertura da súa despenalización, desde os 49.367, que se constatan en 1995, até os 111.031, que se practican oficialmente no ano 2010, en cuxo mes de xullo entra en vigor a nova lexislación que recoñece o aborto libre dentro das primeiras catorce semanas. Pois ben, os datos achegados recentemente polo Ministerio de Sanidade, referentes ao número total de abortos en 2010, reflicten un incremento do 1,3% con respecto ao ano 2009. Esta cifra, en paga de tranquilizar os que auguraban que a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva de 2010 ía multiplicar exponencialmente o número de abortos, o que fixo foi corroborar o contrario: o lixeiro aumento constatado desde a entrada en vigor da nova lei non modificou en absoluto o incremento porcentual con respecto ao decurso de anos anteriores.

Coa antiga regulación legal da despenalización, o 97% das interrupcións practicábase baixo a causa de grave risco psíquico para a embarazada, co agravante de que ese suposto non tiña ningún límite de período xestacional e que podía realizarse, polo tanto, en calquera momento do embarazo. Unha vez que entrou en vigor a lei de prazos, en 2010, o 96% dos abortos practicouse por decisión libre da muller dentro das catorce semanas de xestación. Dedúcese disto que a case totalidade dos abortos que se realizaban anteriormente baixo a escusa de grave perigo psíquico para a nai transformouse, desde a aplicación da nova lei, en libre decisión da muller tomada dentro das primeiras catorce semanas de xestación. Os mesmos feitos que antes recibían unha denominación xurídica, a despenalización, pasaron logo a realizárense baixo o dereito á liberdade procreativa. Para a práctica do aborto terapéutico, o art. 417 bis co Código Penal esixía a concorrencia de dous facultativos: un primeiro, responsábel da expedición dun ditame médico no que se acreditasen os danos psíquicos que para a muller suporía a continuación da xestación, e outro, para a práctica do propio aborto nun centro médico acreditado. Á vista do contraste das cifras entre o número de interrupcións voluntarias do embarazo realizadas antes e despois da entrada en vigor da nova norma de 2010, tiramos a conclusión de que a xustificación debida a causas psíquicas constituíu unha auténtica fraude de lei durante todos os anos en que se mantivo a despenalización do aborto alén de supor para os facultativos implicados unha grave inseguridade xurídica.

Á altura dos tempos actuais, a sociedade ten suficientemente asumido que non pode obrigarse a muller xestante a continuar co embarazo, polo menos, durante os primeiros meses do seu embarazo. ¿Por que o Partido Popular está tan interesado en modificar a actual situación do sistema de prazos? En primeiro lugar, para impedirlle á muller o libre exercicio da súa liberdade procreativa. Mais tamén, por motivos de hipocrisía social e para seguir permitindo e alentando durante máis anos a fraude e a violación da lei coa práctica do mesmo número de abortos, algúns deles realizados en períodos de avanzada xestación, situación impensábel en calquera dos países con sistemas de prazos. O Partido Popular prefire, pois, que se siga violando sistematicamente o Código Penal, ao regresar á situación anterior dos tres supostos da despenalización do aborto, a que a muller decida libremente dentro dun sistema de prazos como o actualmente en vigor en case todos os Estados avanzados do mundo.

Os argumentos que ofrece este partido político desde Madrid a través do ministro Ruiz Gallardón para a modificación lexislativa residen en que o cambio do modelo da actual regulación sobre o aborto ten como finalidade reforzar a protección do dereito á vida, así como das menores. Para o Partido Popular galego, sen embargo, a xustificación da derrogación da lei de prazos obedece, segundo a deputada autonómica Ángeles Díaz Pardo, a que contribúe ao incremento das infeccións de transmisión sexual.

¿Protexer a vida presupón regresar á despenalización, sistema que permite de feito o aborto libre en todo o período de xestación simplemente con xustificar risco para a saúde psíquica da nai? ¿Cómo se pode explicar coherentemente que o incremento das infeccións de transmisión sexual garde relación directa co exercicio da liberdade á procreación por parte da muller? Argumentos de tanta contundencia racional, claro está, agradan tan só a quen adoita comungar con rodas de muíño.