Reforma electoral e reparto provincial

Reforma electoral e reparto provincial

A atención mediática prestada ao longo das últimas semanas sobre o as mobilizacións en prazas e rúas en diversas cidades, situou novamente na escena pública o debate, entre outros temas de interese, encol do sistema de representación electoral, malia a súa incompleta e deficiente formulación, esquemática e simplemente enunciativa, atendendo aos termos en que emanou das asembleas das persoas mobilizadas.

A reivindicación manifestada sobre a reforma da normativa electoral a fin de garantir un sistema autenticamente representativo e proporcional non destaca pola súa novidade, senón porque pon de manifesto, sumándose así ao xa expresado con anterioridade por parte tanto de organizacións políticas como de persoas expertas no estudo de sistemas electorais, unha visión crítica do vixente sistema electoral no Estado español, xa que non asegura unha axeitada conversión da vontade expresada polo conxunto do corpo electoral na designación de electos do xeito máis fidedigno posíbel á representación de dita vontade.

Porén, enfatízase outra volta a importancia que teñen factores relativos á estrutura do voto, para xustificar unha reforma electoral que dea paso a sistemas de listas abertas ou incluso á elección directa de xeito maioritario da representación electoral, obviando que o anómalo resultado que se produce dentro do actual sistema electoral, no que atinxe ao principal proceso electoral que é o de eleccións xerais, ten a súa causa principal na magnitude das circunscricións electorais.

Un estudo realizado en base aos resultados das eleccións xerais no Estado español en 2008 (Las elecciones del 9 de marzo de 2008 y la igualdad de voto, María Garrote de Marcos, Revista para el Análisis del Derecho, Barcelona, 2008) puxo en evidencia as diferenzas de representación entre circunscricións electorais no Estado español. Así, no que atinxe ás circunscricións electorais galegas, mentres n'A Coruña a relación entre habitantes e deputados/a a elixir era de 141.559, en Pontevedra era de 135.377, en Lugo de 88.749, e finalmente, en Ourense de 84.231. Isto é, o coeficiente de representación, que indica o nivel de sobrerepresentación (superior a 1) ou infrarepresentación (inferior a 1), vai desde o 1,68 de Lugo até o 0,91 na Coruña, sendo que ditas diferenzas se agrandan no conxunto do Estado, onde en determinadas provincias o nivel de sobrerepresentación atinxe, por exemplo, o 2,71 en Soria ou o 2,46 en Segovia.

Un dos efectos máis negativos que dito sistema electoral conleva é a restrición da proporcionalidade que, a pesar do xeral consenso inducido polos medios e opinadores que habitan os faladoiros e columnas de opinión, beneficia sobre todo aos partidos máis votados e con maior implantación. Un profuso estudo incluído no Ditame do Consello de Estado en 2009 sobre Propostas de reforma do sistema electoral (Informe sobre la reforma del sistema Electoral, José Ramón Montero e Pedro Riera, Madrid, decembro de 2008), recolleu as diferenzas entre a porcentaxe de escanos e votos dos principais partidos políticos, e apreciou que, abranguendo as tres últimas convocatorias electorais (2000, 2004 e 2008), o PSOE obtivo un saldo positivo de 1.6, 4.2 e 4.6, e o PP de 7.8, 4.6 e 3.6, respectivamente en cadansúa convocatoria.

Tamén a fórmula de escrutinio escollida polo vixente sistema electoral contribúe a agravar a desproporcionalidade, no canto de servir para atenuar os efectos perversos da desigual división de circunscricións electorais. A regra d´Hont, escollida para a atribución proporcional dos resultados de votos en representantes, ten un comportamento similar ao das demais fórmulas proporcionais ao uso nas circunscricións que teñen asignados máis escanos a elixir, no canto acusa unha desviación de proporcionalidade superior ás restantes fórmulas de escrutinio cando a circunscrición é máis reducida, especialmente nas que distribúen 6 ou menos escanos. En Galiza, coa escolla de 4 representantes no caso de Lugo ou Ourense, somos coñecedores deste efecto, onde en ocasións cunha porcentaxe de votos estremeira co 20 por 100 non se ten asignado ningún representante ao nacionalismo galego, asignando no seu lugar 3 representantes (que son o 75 por 100 da representación total) a formacións políticas que obtiveron arredor do 50 por 100 de votos.

Xa que logo, a proposición de acometer unha mudanza no sistema electoral vixente é oportuna, mais aínda se temos en conta que os seus trazos básicos foron deseñados no período inmediatamente anterior á transición, isto é, que vén condicionado nos seus aspectos máis decisivos polos gobernantes dun réxime autoritario en extinción.

Mais o camiño cara atinxir unha maior igualdade do poder de voto non virá da man de afondar nos aspectos que teñen a ver coa conformación da estrutura do voto, pois os desaxustes actuais na representación non veñen provocados polo fórmula de organización e presentación das candidaturas, pois en todo o caso, o sistema é dabondo flexíbel para que calquera grupo ou colectivo con inquedanzas políticas poida concorrer a un proceso electoral. As desviacións no sistema electoral, que seguramente nalgunha medida tamén inciden na desafección da política pola constatación de estarmos instalados nun sistema de representación inxusto, obrigan a unha corrección da distribución de representantes entre circunscricións electorais e mesmo á alteración radical das mesmas, cuxa solución, non sendo simplemente legal senón constitucional, de ningún xeito pode seguir manténdose inmutábel.