REFORMA CONTITUCIONAL: OLIGARQUÍA E IMPERIO

REFORMA CONTITUCIONAL: OLIGARQUÍA E IMPERIO

A modificación do artigo 135 da Constitución española, impulsada polo PSOE-PP, con présa e sen sometela a referendo, indica cal é o modelo económico, social e político que sustenta á Unión Europea, o neoliberal, ou, en palabras máis palmares, o dominio do capital financeiro-industrial transnacionalizado. Este modelo provoca graves desigualdades sociais dentro de cada Estado e afonda as diferenzas económicas entre eles, neste espazo económico global que é a Unión Europea (UE). A unidade non está fundamentada na igualdade, no interese das maiorías sociais, nin no respecto pola capacidade de decisión dos povos ou nacións.

O PSOE e o PP actúan ao unísono, como obedientes correas de transmisión do que lles ditan desde fóra. O primeiro que os une é a obediencia debida a Alemaña como estado principal á hora de ditar as normas e os criterios a seguir, co pretexto da actual crise económica, no espazo global que é a UE. Como criados obedientes rivalizan por demostraren cal é máis disciplinado e servil, chegando a proporen obxectivos en relación coa débeda pública, máis aló do que formalmente lles esixen. Ningún outro Estado da UE introduce na súa lexislación -e menos na súa constitución- que o endebedamento teña que estar por debaixo do 60% do PIB. Evidencian así, de forma obscena, o seu servilismo mental, sendo máis papistas que o papa. Para eles, nunha situación de crise como a actual, por enriba de calquera outro obxectivo e deber, o goberno debe orientarse a pagar créditos e xuros da débeda. O urxente e premente non é como crear emprego ou manter os servizos públicos básicos, senón satisfaceren aos prestamistas e especuladores.

A forma de proceder do goberno español, sempre acompañado polo PP, malia os seus demagóxicos discursos descualificadores, consiste no recorte do gasto público, as reformas laborais involutivas, a eliminación de protección social, a total inacción para impulsar a economía produtiva. Por certo, o artigo 133 da Constitución española daría unha ampla cobertura a que as administracións públicas tivesen un papel fundamental, neste momento, na dinamización económica a través dos investimentos oportunos. Desde que ingresamos na Comunidade Europea, agora UE, deixouse de recorrer a esta cobertura constitucional. Nesta situación crítica o Goberno está demostrando con feitos e con reformas legais que o desemprego non é o principal problema que debe solucionar, contrariando a preocupación e as demandas da maioría da sociedade.

O goberno está sometido con entusiasmo ao control global do capital financeiro-industrial. Esta subordinación a unha "gobernanza" da UE, politicamente dirixida por Alemaña, coa lóxica entrega de soberanía, pretende compensarse coa redución ou eliminación das xa cativas competencias autonómicas. PSOE-PP viven a súa españolidade como entreguismo total aos designios da UE e intolerancia e prepotencia respecto das nacións que integran o Estado. Só reaxen, como excitados patriotas perante os povos que dentro do Estado español necesitan autogoberno e expresan algún tipo de vontade política na defensa dos seus intereses. Mesmo chegan ao extremo de culparen ás comunidades autónomas de excedérense no gasto e seren responsábeis do déficit das administracións públicas. Cómpre lembrar que son elas as que se encargan de ofrecer aos cidadáns os servizos fundamentais como o ensino, a sanidade ou a asistencia social, alén de que o endebedamento das administracións públicas está entre os máis baixos de toda a UE.

PSOE-PP, agora máis coa súa reforma constitucional, en nome de daren fiabilidade aos "mercados" (eufemismo para referirse ao capitalismo financeiro-industrial), están fraxilizando aínda máis a situación económica e social e agudizando a indefensión política do Estado español. Así, só poderá medrar o desemprego e entrar nunha recesión clara. A prepotencia e intromisión da UE e dos "mercados" será aínda maior, facendo da dependencia política e económica unha marca xenuína do Estado español. Realmente, coa súa forma de comportárense, agora con esta reforma constitucional, pretenden tranquilizar ao grande capital cun sinal de que todo está atado e ben atado, que ninguén vai romper a obediencia debida, pondo en perigo os seus intereses especulativos nin a xerarquía dentro da UE. A modificación do artigo 135 da Constitución española persegue render vasalaxe aos especuladores. Están modelando un Estado como anel ao dedo para incardinarse nun mercado global cheo de desigualdades, xerárquico, onde non existe vontade nin capacidade política propia.

O Estado español está a vivir unha situación de emerxencia con máis de 4 millóns de desempregados (máis do 20% da poboación activa e sobre o 40% da poboación moza). Na orientación contraria ao que se necesita, impoñen unhas teses sobre a débeda pública que impiden ás administracións manteren os servizos básicos, as coberturas sociais, e a participaren activamente na reactivación económica. Necesitábase reformar a Constitución española para facer esta política? Evidentemente non. Fano para tranquilizar aínda máis aos que adoran o becerro de ouro, consolidando así a idea de que a globalización económica non ten marcha atrás, facendo profesión de fe neoliberal e abxurando de toda heterodoxia hipotética que puidese rexeitar tanta loucura, inxustiza e agresión contra as clases populares e os dereitos dos povos a decidiren. É un acto de fe que vai acompañado da pauliña contra os discrepantes e da ameaza de que nada poderán facer a non ser vulnerando os textos sagrados, e contra os compromisos que nos atan á UE dos grandes capitalistas. Fixeron unha representación teatral para o engano e a fraude ser máis monumental e a ditadura do capital aínda máis extrema, antidemocrática e prepotente, reflectíndose na propia Constitución. É a constatación palmar de que o Estado español está máis que intervido na práctica. Tanto que se ve obrigado a ritos que expresan indignidade, chapuza e servilismo. A reacción do nacionalismo galego non pode ser outra que a da confrontación con estas formas de proceder, defendendo os intereses das clases populares e o dereito dos povos a decidiren, en particular o dereito do povo galego.