Reflexións encol da sociedade galega

Reflexións encol da sociedade galega

Cando un tenta aproximarse á sociedade galega como simple observador encóntrase de súpeto, entre outras cousas, cun amplo segmento da nosa sociedade moi marcada, non só por actitudes claramente conservadoras senón tamén, por unha autoxenreira cara a propia cultura sorprendente se non foramos coñecedores das causas históricas que o xeraron. Estas características foron a cotío instrumentalizadas polo poder político dominante en beneficio de intereses alleos aos do propio país para mantelo historicamente dominado e dependente.

Loxicamente, este proceder do poder político dominante dificultou en grao máximo un desenvolvemento autocentrado, que ademais de benestar, fornecera á nosa sociedade da razoable autoestima cara os valores propios e confianza no futuro do país.

Este tipo de sociedade, historicamente dominante en Galiza, aínda que hoxe máis debilitada, aínda conserva un peso sustancial e segue a condicionar dunha maneira importante o devir da realidade galega. Trátase na súa maioría de xentes guiadas por unha moral heterónoma que remata sendo a configuradora do seu ser sen case ningunha intervención propia, agás a de deixarse levar pola forza dun pasado ateigado de eivas e xa moi vacio de sentido. No fondo son almas febles nas que aniñan moitas das eivas que condicionaron o noso atraso e a nosa dependencia e nas que salienta a súa baixa autoestima e, xa que logo, o tan reiterado complexo de inferioridade, que por converterse case que en tópico do noso carácter, coido merecente de adicarlle algunha reflexión.

A psicoloxía individual de Alfred Adler estima que a forza principal do psiquismo está na tendencia que todo individuo ten á "realización de si mesmo". Pero na consecución deste obxectivo existencial, tropeza coas súas propias limitacións, desenvolvendo deste xeito un sentimento de inferioridade, que lonxe de frustralo, constitúe unha motivación para superarse a se mesmo mediante o mecanismo psicolóxico da "compensación". Do mesmo modo que un cego fai fronte á súa cegueira desenvolvendo unha maior sensibilidade auditiva ou táctil, así tamén a humanidade foi compensando as súas limitacións orgánicas coas súas capacidades psíquicas. Deste xeito é como o sentimento de inferioridade se converte na causa dos grandes éxitos culturais do desenvolvemento humano.

Sen embargo, como consecuencia dunha negativa experiencia histórica imposta e amargamente sufrida polo noso pobo, moitas das nosas xentes instaláronse nas súas propias limitacións. Situación que se foi consolidando ao longo do tampo por causa do que Seligmann e os seus colaboradores chaman "indefensión aprendida", que non é máis co sentimento da propia incapacidade para facer fronte ás situacións problemáticas que presenta a propia vida e que se foi proxectando de xeración en xeración. Desta forma, o que nun principio sería un sentimento normal de inferioridade, trocouse por imposición externa nun complexo de inferioridade, ao tempo que se foi consolidando por medio do devandito mecanismo da "indefensión aprendida". Convén subliñar, pois, que este tipo de sentimento apréndese, para logo irse herdando ata transformarse en característica de todo un pobo.

Como consecuencia deste complexo de inferioridade imposto desde fóra e abonado no interior mediante o mecanismo devandito, foi xermolando na maioría das nosas xentes un fondo autoodio (sentimento de vergoña por ter as características do grupo ao que se pertence) que tanto distorsionou a imaxe que os galegos/as temos de nós mesmos e do noso país, e xa que logo, das súas posibilidades de futuro.

Estas eivas, que nos impediron camiñar ergueitos pola historia e decidir o noso propio destino, farán xurdir outra das características salientables e definidoras de grande parte da nosa sociedade, estoume a referir á desvertebración social, alimentada logo desde a estructura caciquil que anegou a nosa vida social dunha forma predominante durante tanto tempo. Esta eiva condicionou a cotío a nosa relación co poder e potenciou a nosa insolidaridade, que remataría cristalizando nunha vida civil moi desvertebrada, e polo tanto, carente de intermediarios vigorosos na relación co poder político. Eis como os individuos fican solos perante o devandito poder, e este, aproveitándose da desigual forza e das normais necesidades vitais destas xentes, fainas abdicar dos lexítimos dereitos que teñen como cidadáns para transformalos en meros súbditos.

Nesta situación, a submisión semella converterse na forma axeitada para transcender a forte debilidade na que cada individuo se atopa á hora de lle tentar buscar unha solución a moitos dos seus problemas.

Desta maneira é como se lle fai agromar á terceira das características definidoras desta sociedade da que estamos a falar: a dependencia compulsiva perante o poder político, xa que é a forma , nestas circunstancias, máis axeitada para darlle solución ás necesidades nacidas dunha extrema situación de debilidade. Ao tempo que esta situación de dependencia se consolida, vaise afondando tamén na endémica insolidaridade colectiva que tendeo sempre a manifestarse neste segmento social.

Pero estas xentes, tan marcadas por un pasado alienante, vive hoxe sen proxecto e presa duns prexuízos xa superados polo tempo. Xa que logo, só son instrumento político de forzas foráneas que nada ofrecen a este país, polo que non poden ser a base social de ningún proxecto que teña como obxectivo a transformación de Galiza en base as súas singularidades e potencialidades, por moito galego que aínda segan a falar.

Coido, pola contra, que parello a este segmento social que tentei describir está a agromar un novo mundo social, esencialmente progresistas e plural, vencellado aos novos procesos económicos e profesións liberais sustancialmente, que falan ou non o galego pero que valoran a nosa singularidade como un elemento positivo na que asentar un novo país razoablemente moderno e disposto a competir en pé de igualdade para abrirse un oco no mundo. Estas son as novas xentes nas que o nacionalismo transformador debe asentar o seu futuro se quere participar na construción dun país novo e dono do seu futuro para, xuntos, nacionalismo e novas clases emerxentes, unir sinerxías para pór en marcha proxectos transformadores e realistas, á altura do que Galiza necesita.