Reflexión despois da xornada

Reflexión despois da xornada

A lei chámalle "xornada de reflexión" á véspera dunhas eleccións, coma se o votante non tivese definidas as súas preferencias políticas. Un simple rito, tan absurdo como a maioría dos que van regulando a vida social. Un paradoxo é o costume das celebracións e parabéns dos aniversarios, xa que cando facemos anos estamos perdendo días de vida. Outro tanto é o período marcado para a campaña electoral. Quince días de partido, en linguaxe deportiva, e doce meses de quentamento previo, exercicio ao que os intransitivos locutores da televisión galega chaman de "quecemento". Claro que, obxectivamente mirado, hai organizacións que reducen a súa actividade política a facer campaña. Son as que naceron ou saíron do letargo despois da Ditadura. Antes, as preocupacións das que agora presumen deixábanllas para os catro arroutados que pasaban o tempo nas comisarías franquistas, aqueles que foron quentando os mulidos escanos nos que os catecúmenos da democracia pousan agora o seu traseiro.

Pero hai outra xornada de reflexión non recollida pola lei. A que fan os partidos despois de ler a mensaxe que os cidadáns lle deixaron nas urnas. Esta non ten nada a ver coas interpretacións trunfalistas ou edulcoradas transmitidas nas declaracións públicas. Alá cadaquén coas súas conclusións. Non vou meter a miña pluma en papel alleo. Quero, non obstante, aportar algúns comentarios particulares sobre as recentes eleccións locais. Comezarei polo máis rechamante. A crise bipolarizou a dialéctica, coma case sempre, entre os dous partidos que comparten idénticos criterios económicos. Desgraciadamente, os que defenden sistemas alternativos non souberon levar á sociedade as súas análises, revolucionarias na teoría e timoratas nas mensaxes. Quizais fose por non cabrear as urnas, conseguindo deste xeito que os cabreados desertasen delas e fosen votar nas prazas públicas.

Os manipuladores de opinión lograron crear a imaxe de antagonismo entre os dous partidos que comparten a alternancia no poder do Estado. Alternancia que garante a estabilidade do sistema, aliviando así as tensións que orixina. O funcionamento dos mecanismos periga se carecen de resortes para eliminar a electricidade estática que producen. Este mundo, chamado de occidente, xa hai tempo que trocou os principios éticos polas leis da física. Ambos partidos son as dúas versións dunha única ideoloxía. A mesma melodía, que cantaba Luís Cilia, interpretada unhas veces en rondó e outras en scherzo. Os acampados na Porta do Sol madrileña tomaron as palabras de orde que coreabamos antes nas manifestacións nacionalistas. Dúas ou unha, tan mal cheira o excremento da gaivota coma o fedor dunha rosa corrompida pola economía de mercado, polas corporacións transnacionais, polo poder do capital. Unha columnista dun xornal galego -López Silva- laiábase de termos sucumbido "o día que crimos que palabras coma socialismo, revolución ou xustiza social estaban demodés". Maxistral lección para os que andan á procura de linguaxes menos estridentes para dirixirse ás masas, e que se consideran guieiros para conducir o pobo.

Non sei se en rondó ou en scherzo vai a sinfonía interpretada polo partido gobernante, pronto a deixarlle o proscenio á batuta Popular. Unha execución diferente parece existir entre as dúas orquestras, aínda que só perceptíbel por ouvidos sensíbeis. Quizais sexan máis agudos os acordes do PSOE e menos dilatados os arpexos. Ben é verdade que as dúas últimas lexislaturas vannos deixar para a posteridade varios logros positivos. Por exemplo, a confluencia fisiolóxica de ambos sexos. Leire Pajín afirmou que á señora ministra non lle saía "de los cojones" (sic) admitir certas suxerencias que lle facían. Así se fala, machiña, con autoridade. Mentres, por outra banda, avanzouse no proceso de introducir na linguaxe a bifurcación das palabras: membro/membra, xuíz/xuiza, feliz/feliza. A gramática científica foi substituída pola parda. Os "socialistas" andaluces descontaminaron a historia de machismos dándonos unha nova versión da frase lapidaria da nai de Boabdil. Iso si, entregando á reacción os votos dos braceiros que traballan nos cortixos.

Non esquezamos a campaña de investigación anatómica do clítoris promovida polo Ministerio de Igualdade. Xa sei por onde me van caer as labazadas. Cúrome en saúde. A ironía, se é que a hai, tomeina emprestada da escritora citada unhas liñas máis arriba. ¿E como non encomiar a solución acordada para ordenar os apelidos dos meniños, outrora fonte de tantos conflitos nas familias? Baixan os salarios, soben os parados, pero fartámonos de rir, pois o Boletín Oficial do Estado estase a converter na Codorniz. Confeso que algunha vez me entrou a tentación de coller o país, o que nace na ladeira oriental do Padornelo, tirar da cadea e botalo polo sumidoiro do inidoro.

,Agora en serio, resulta triste observar como a crise do capitalismo se utiliza como arma contra os rivais políticos, e todo para desviar os tiros que debían dirixirse ao corazón dos sistema que a produce. A economía portuguesa está na UVI. A grega no quirófano. A inglesa (a do señor Cameron) e a alemá (da señora Merkel) van tirando coa respiración asistida. Obama tivo que rescatar con diñeiro público a empresa pioneira da industria do automóbil, cando nos tempos de Roosvelt os patróns arruinados solucionaban o problema cunha corda no pescozo. Pero estamos na era do Estado benefactor. Benefactor dos empresarios. ¿Onde está o matador da economía? As balas zoan a destra e a sinistra. O denominador común hai que buscalo, xa que logo, no modo de produción que regula os ciclos económicos, contaminado agora polo virus xerador da crise. Empecemos atacando por aquí para podermos censurar despois as institucións e ideoloxías que reproducen o sistema. Os acampados nas prazas públicas din que carecen de programas e alternativas políticas. Estou de acordo. Pero souberon erguer unha bandeira, a da rebeldía. E non é pouco. E puxeron a venda onde está a ferida. Apuntaron co tiro certeiro ao misterio da Santísima Trindade: ao sistema económico, político e social. Tres sistemas distintos e un só deus verdadeiro: o poder do capital. Ben que entenderon a mensaxe os pregoeiros do modelo burgués, apresurados a retrucar que os fallos son das persoas e dos gobernos e non do sistema. Deron os acampados no centro da diana, exemplo que debían tomar as esquerdas que andan polos arredores.

Pero deixemos os partidos que comparten responsabilidades a nivel do Estado. Gato branco (PSOE) ou gato negro (PP), para nós todos pardos, veñen a Galiza para comernos a sardiña e deixarnos o rato dos caciques na despensa roéndonos o queixo. Esta España de touros e felinos puxo a garda de dous leóns á porta do Congreso. Como estes animais dormen polo día e cazan pola noite, colleunos traspostos a irrupción de Tejero que aproveitou o empardecer dunha tarde de febreiro para asaltar as Cortes. Veñamos agora ao noso campo, e busquemos nel os fallos, se é que os hai. O que é a antítese na ideoloxía debe selo nos discursos e tamén nas formas. Para distinguir os carteis exhibidos na campaña electoral había que acercarse á letra pequena se queriamos saber quen era o dono. Retrato de medio corpo e chaqueta negra foi o modelo vendido esta temporada. Que teñamos que identificar os candidatos polo corte de pelo axuda pouco a marcar as liñas divisorias entre as diferentes alternativas. Os uniformes agrupan. Fan do individuo o membro dunha grea. A letra impresa recolleu xa a avaliación do Catch-all Party que fixen no último congreso da UPG. Non vou reiterala. Máis nociva que a mundialización económica sexa quizais a globalización cultural. Globalización que arrinconou nos museos os traxes rexionais. A cultura morre cando se unifica. Se a pintura se reducise ás "Meninas" de Velázquez nas pinacotecas non entraría a "Zora na terraza" de Matisse. Fai pouco aínda as blusas curtas destapaban o ventre das raparigas, e tanto as mociñas suecas como as galegas miraban o mundo polo ollo do embigo. Os rapaces pasaron do peiteado lambido de teixugo ás melenas crechas. Agora rebeláronse, copiando os cabelos hirsutos do ourizo cacho. ¡Ollo, confiados imperialistas, que a mocidade estase armando!

Perdoádeme as digresións. Son as mesmas que se lle permitiron a Cervantes no Quixote. A onde quero chegar é que non sería tan grave a coincidencia nas modas e nas formas se non se reflectise en idénticos discursos. Falar de emprego, de benestar social, de servizos públicos é repinicar e gardar o santo. Son os aliños da ensalada. O quid non está no que senón en como. O emprego créano os operadores económicos, os que participan nas eleccións a través de intermediarios. ¿Estamos dispostos a substituír a iniciativa privada pola pública? Suavizar a crítica con eufemismos de "modelos" (outra vez a moda), palabra ambigua que cadaquén interpreta como quere, é andar polos arrabaldes e non dirixirse ao centro do sistema capitalista. ¿Dará resultados electorais enfeitar o léxico para cortexar as urnas? Non o sei. Os resultados dan pé para lecturas diferentes. Mesmo así, no mellor dos casos, constitúe unha grave desviación ideolóxica subordinar os nosos obxectivos políticos -transformación social, liberación nacional- aos instrumentos utilizados para acadalos. Ou sexa, a presenza institucional. O perigo empeza a incubarse cando unha organización se mobiliza para encher os mitins e deserta dos actos públicos de esclarecemento ideolóxico, político e cultural de carácter nacionalista. Fagamos nosos os consellos de Marta Harnecker. Se creamos masa social os resultados electorais virán despois. E, tamén á inversa, por interacción dialéctica, a participación nas institucións xustifícase sempre que sirva para facermos avanzar a sociedade na dirección que marcan os principios que defendemos. Se non deixamos pegada nacionalista, se traballamos co único obxectivo de reproducir a presenza nelas, só conseguiremos a reprodución do sistema que as creou, porque, convenzámonos, as institucións non son neutrais. Teñen un dono que as ata en curto.

Devolvámoslle ás xeracións serodias de militantes o espírito combativo dos anos nos que falar era xogar a liberdade. Trabúcase de sitio quen vista o uniforme nacionalista para participar nun desfile da vitoria. Estas son as reflexións que debemos levar ás citas asemblearias e congresuais. Redundar en análises que van alén dos principios que escollemos como punto de partida -por moitos ignorados- é substituír os ideais pola retórica ideoloxista.