Reflectir, manipular e participar

Reflectir, manipular e participar

As moitas horas de Asembleas que se viñeron realizando dende o 15 de maio por parte dun grande número de mozos e mozas, tanto en Madrid e Barcelona (onde se produciron as mais numerosas), coma en moitas outras cidades do estado, fannos pensar que moitas persoas pertencentes á chamada xeración ni-ni poida que non teñan traballo nin continúen seus estudos, pero tampouco teñen a cabeza baleira como algúns pensaban, aínda que algúns deles non teñan nada que dicir.

De feito, moitos dos cartaces que se miraron, e das proclamas que se escoitaron, na porta do sol madrileña, falan de verdades coma puños que, noutras partes do estado se viñan berrando ben alto dende hai ben tempo: Psoe-PP a mesma merda é bérrase nas manifestacións do BNG dende hai moitos anos....

Nos mean y dicen que llueve, rezaba un cartaz colgado do famoso urso no érvedo...

Dormíamos...Despertamos
Por qué mandan los mercados si no les he votado
No confundais bondad con mansedumbre
La democracia es nuestra, no de los políticos y los periodistas
Si quieres gobernar, al pueblo debes escuchar
No somos mercancía
No es una crisis, es una estafa
Eis algunhas frases colgadas das paredes do metro da Porta do Sol durante a acampada 15m que, os chamados polos medios de comunicación, grandes partidos (Psoe e IU) comezaron por ignorar e remataron dicindo que asumen moitas das súas proclamas igual que o candidato do Psoe di que ten a solución para a crise e o do PP sabe cómo crear emprego, porque falar é gratis e o papel terma de todo... pero a realidade é que moitas das persoas que están nese movemento e asistiron aos grupos de traballo, asembleas e reunións pasaron moitas horas escoitando frases brillantes e tamén frases baleiras. Nesas asembleas había moita xente que ten moito que dicir e tamén moita outra desa caste a que, o que lle gusta por riba de todo, é escoitarse a si mesma por moito que non teñan nada que aportar. É o que ten a espontaneidade.

Outra frase moi repetida foi: lo queremos todo, y lo queremos ya! E aí é onde non entendo moi ben a razón que ten a "spanish revolution", a que vén esa presa? Se levabamos durmindo tanto tempo, porque lles entra agora tanta marcha? Nas moitas horas de socioloxía barata suscitada por este movemento, a xente nova tende a levar o acelerador pisado e querer resultados xa, a dicir que se non se logran resultados visíbeis deseguida a xente se desencantará, había quen quería resultados nas eleccións do 22 de maio e hai agora moitos mais que opinan que o 15M debe ser visíbel nas eleccións xerais convocadas para o 20N, hai quen quere facer unha agrupación política que recolla o espírito 15M e quen pensa que hai que facer unha grande campaña polo voto nulo...

En Galiza temos no concello da vila de Redondela un concelleiro dunha agrupación de electores (AER), que responde bastante axeitadamente aos principios do 15M, froito desas asembleas con xente que foxe da militancia política coma alma que leva o demo, aducindo que os partidos políticos rouban a voz do individuo. O tempo dirá até onde chega esta iniciativa pero, polo de agora, o que xa é visíbel dela é que, en pago da novatada, pódelle facer o xogo ao PP en bastantes ocasións, e que, o que pode funcionar a nivel de concello (os concellos abertos non son unha novidade na nosa terra), non funciona do mesmo xeito a un nivel de máis complexidade e moita máis povoación.

Os que vivimos o "desencanto" de finais dos anos 70 sabemos que as revolucións como esta poden ser "mistos nun apagón" pero non serán verdadeiras labaradas de lume máis que con constancia e organización atrás. E a xente do 15M non quere oír falar de organización políticas. A maioría dos e das participantes neste movemento pensa que os partidos políticos manipulan as ideas da xente e non queren ningún partido a súa beira.

,Ao reflectir sobre o tema penso na grande diferenza que hai entre as organizacións políticas no estado e en como os medios de comunicación teñen empeño en facernos pensar que todos os políticos son iguais, e como esa idea calla fondamente na xente: cando falan da clase política refírense a todos os políticos/as e así semella igual Camps que Davila, e cae sobre as organizacións "minoritarias" o peso de facer entender que non señor, non somos todos iguais!!! E a diferenza non radica en que uns teñen moitos deputados e outros poucos. A diferenza é tanta que Galiza ten voz no Parlamento español polo moito traballo de 2 deputados do BNG e non polo pouco dos tantos outros. Pero iso non é noticia.

Nestes días de agosto a grande maioría da xente desfruta das vacacións do verán e non segue en profundidade as noticias. A lectura da prensa faise aínda máis relaxada e a sociedade fica sedada agardando as solucións milagreiras que resolvan a situación, e a prensa navega á busca da serpente de verán que lles encha as páxinas. E así, entre entregas de novelas lixeiras a un euro, van metendo tamén grandes fotos de Rajoy e Feijóo nas touradas pontevedresas, pero non de Jorquera lembrando a Moncho Reboiras en Ferrol, porque claro, hai cousas que son noticias e outras que son "política", e a prensa niso non se mete.

E deste xeito as persoas van conformando seu xeito de pensar, crendo que somos libres ao non deixarnos "manipular" polas organizacións políticas, e tragando os sapos dos xornais e da televisión porque as noticias son noticias e punto. Sempre me chamou a atención a xente que fala da manipulación das organizacións políticas, porque, se ti es tan listo que non te deixas manipular, por qué pensas que eu son tan parvo que si me deixo?

Curiosamente a palabra militancia está desprestixiada e son os simpatizantes os que cobran valor e os que, para algúns, teñen as solucións á falta de participación nas organizacións. No BNG os afiliados/as son militantes e cada un e cada unha teñen voz e voto de seu, dende o máis recente até o máis antigo, e do último de todo até o portavoz, dende a asemblea local até a nacional, e por iso, os afiliados ao BNG non só non se senten manipulados, senón algo moi importante, saben que non son manipulados, porque participan da vida organizativa

E mentres esperamos lanzar a grande campaña do 20 de novembro e temos aos homes R facendo actuacións de Guadiana: uns días multiplicados en todos os xornais e outros desaparecidos da vista mentres preparan o lanzamento dun en Rodiezmo e o do outro en Soutomaior (Ai castelo da miña nenez, en que te converteron!), no BNG hai unha grande labor por diante: convencer ao pobo de algo que todos nós sabemos moi ben, que nin todos os políticos nin todas as organizacións políticas son iguais!!