Redución de fondos, recortes sociais, clientelismo e incompetencia

Redución de fondos, recortes sociais, clientelismo e incompetencia

A piques de chegar ao ecuador do seu mandato a Xunta de Galiza que preside Núñez Feijoo tense significado na súa relación cos concellos de xeito claramente negativo para os intereses municipais nun claro retroceso en moitos ámbitos sobre os avances que os concellos tiñan acadado co goberno nacionalista e socialista na Xunta.

As prácticas de clientelismo e instrumentalización partidista da Xunta de Galiza son autenticamente escandalosas.

Non é de recibo a eliminación de criterios obxectivos no reparto de fondos públicos de xeito que, por exemplo, obradoiros de emprego ou programas de cooperación para o fomento do emprego son repartidos pola Consellería de Traballo e Benestar atendendo aos intereses electorais do PP nos concellos. Non é de recibo que se elabore e se execute o denominado Plan URBE pola Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestructuras sen publicidade e posibilidade algunha de concorrencia outorgando obras a concellos con alcaldía do PP.

Resulta escandaloso e dunha falla de sentido institucional e democrático grave que se reciba polos Conselleiros da Xunta, como interlocutores municipais en representación dos concellos respectivos, a líderes do PP na oposición para avanzar propostas de proxectos ou anunciar posibles programas suplantando aos alcaldes, lexítimos representantes dos veciños elixidos en cada Corporación Municipal.

A política de recortes sociais ten inumerabeis exemplos na redución de fondos públicos aos programas asistenciais en materia de igualdade e benestar que executamos os concellos.

O expoente máis claro desta política de recortes sociais e privatizacións podémolo ver na disolución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Co claro obxectivo de eliminar o proxecto dunha rede pública de servizos sociais procedeuse a eliminar un instrumento de cooperación entre a Administración Local e a Xunta de Galiza que tiña demostrado a súa utilidade e o seu funcionamento con criterios obxectivos para todos os Concellos favorecendo deste xeito a extensión desta rede de equipamentos aos pequenos concellos.

Esta urxencia e contundencia na disolución do Consorcio non foi acompañada dun mínimo esforzo para abrir as novas residencias, centros de día e galescolas que xa rematadas, aínda hoxe están pendentes da súa apertura e servizo as amplas demandas sociais existentes nos concellos que ademais teñen feito esforzos importantes de cesión de terreos e financiamento das inversións rematadas e pendentes de abrir.

A financiación municipal tamén se ten visto afectada pola actuación do Goberno de Núñez Feijoo. Dende o ano 2009 está pendente de aprobarse un novo cuatriénio para seguir impulsando o Fondo de Cooperación Local como instrumento de participación dos concellos galegos nos tributos da Comunidade Autónoma.

A petición da Fegamp que o BNG sempre defendeu, de que se efectuase este incremento sen que significase custe adicional para a Xunta de Galiza reducindo outras partidas finalistas adicadas aos concellos, non foi aceptada dificultando deste xeito a mellora da financiación local.

Así mesmo os orzamentos da Xunta de Galiza para o 2011 reducen as transferencias previstas aos concellos en máis dun 21% respecto do orzamento 2010.

Supoñen unha redución de máis de 64 millóns de euros sobre as previsións do 2010.

A asunción de gastos, pola Xunta de Galiza, en materia de mantemento de centros de saúde sufragados polos concellos ou de mantemento de centros educativos está paralizada a pesares das previsións contempladas no Pacto Local asinado que obrigaba a Xunta a facerse cargo dos mesmos.

O goberno de Núñez Feijoo ten establecido a modificación de normas esenciais para a protección do territorio favorecendo de novo a política do caos urbanístico e medioambiental.

As reformas sucesivas da Lei do Solo, do Plan de Ordenación do Litoral e Directrices de Ordenación do Territorio impulsadas polo PP teñen esa inspiración e botan por terra o traballo realizado anteriormente e mesmo veñen premiar en moitos casos as condutas dos que construíron facendo caso omiso da normativa urbanística.

Co pretexto dun uso racional da auga e de supostos criterios medioambientais e nova Lei de Augas aprobada polo PP sen consenso algún cos concellos, persegue fundamentalmente un afán recadatorio que formalmente van ter que aplicar os concellos nos recibos municipais correspondentes a taxa de abastecemento de auga e saneamento e que van supor subas aos usuarios superiores ao 100% dos recibos actuais en moitos casos e mesmo a obrigatoriedade de pagamento a traídas veciñais ou abastecementos privados.

Por último, temos varios exemplos que poñen de manifesto a falla de capacidade, parálise e incompetencia na xestión da actual Xunta de Galiza.

A execución do PEIM pola Consellería de Medio Rural sufre retrasos e recortes pola falla de interlocución co goberno central.

Programas de obras mediante subvencións -Fondo de Compensación Ambiental-, mellora e soterramento de liñas en parques empresariais, adecuación e modernización de equipamentos comerciais, entre outros, resólvense tarde, mal e arrastro sen tempo material para a súa contratación e execución polos concellos. Esta práctica está presente nunha boa parte das ordes de subvencións da Xunta.

En definitiva, nestes case 2 anos de goberno popular e a vista dunhas novas eleccións municipais o balance que Xunta de Galiza pode presentar non dá razóns para a esperanza e fai que a xestión municipal non encontre no goberno galego non só o apoio necesario senón máis ben atrancos e dificultades para avanzar na transformación positiva dos nosos concellos.