Recuperando a froita do país: a AGFA do Eume.

Recuperando a froita do país: a AGFA do Eume.

Á altura do ano 1937, Castelao, nun dos seus mellores soños recollidos no Sempre en Galiza, en que glosaba as nosas fontes de riqueza material, simbolizadas pola árbore, a vaca e o peixe, imaxinaba o tráfico dun grande porto, o máis importante de Europa, onde se cargaban barcos con peras urracas e mazás tabardillas. Anos despois, xa no exilio bonaerense, suspiraba pola mazá camoesa. Aínda non se chegaron a cumprir os soños de Castelao. Podiamos telo, mais non temos o porto máis importante de Europa. Nin se cargan barcos de mazá tabardilla para exportar nin tan sequera se abastece o mercado interior; recibimos mazá tabardilla do Bierzo, de Francia e doutros países. Malia seren as máis saborosas e as que mellor poden competir en tamaño coas da mesma variedade, ignórase case a existencia e as posibilidades comerciais da tabardilla galega, xa non digamos variedades con nomes que soan exóticos como o repinaldo, a tres en cunca, os codornos, as barburiñas, as rabudas, a mazá de rato..., por certo, nomes ben sonoros. E o mesmo sucede coa urraca lexítima, unha das de maior excelencia entre todas as variedades de peras urracas que existen.

Quen de nós, sendo neno, non participou nalgunha aventura furtiva de profanación de hortas privadas con froiteiras boas e coidadas con celo, non tanto por roubar como por desfrutar e superar unha experiencia compartida! A recreación está feita, con todo o maxisterio da súa escrita, por Eduardo Blanco Amor no relato A arrasadeira de Os biosbardos.

Non pretendo demostrar que esta sexa ninguna alternativa para o noso medio rural en por si. Unicamente, que o abandono que se experimentou neste eido é correlato doutros abandonos que padeceu Galiza. A froita simboliza algo no noso país e chegamos a permitir que se perdesen variedades de especies froiteiras únicas ou que se visen reducidas a variedades en perigo de extinción.

Hai uns catro anos nacía nas terras do Eume a Asociación Galega da Froita Autóctona, unha asociación que conta a día de hoxe con cento cincuenta socios/as e de proxección comarcal (Ares, Cabanas, A Capela, Ferrol, Vilarmaior,...), superando o carácter local con que inicialmente xurdiu. A AGFA do Eume ten como obxectivo prioritario a recuperación e difusión das variedades de froiteiras autóctonas, a través dunha serie de accións e iniciativas que merecen ser coñecidas e apoiadas.

Entre os promotores de tan singular iniciativa cómpre mencionarmos ao seu actual presidente, Carlos Fornos, un home con amplos coñecementos nesta materia e que, aparcando o individualismo que nos caracteriza ás veces, sempre desexou transmitilos ás persoas interesadas e, sobre todo, aos máis novos. Loitando contra tanto abandono, foi el o que, sendo aínda presidente da AVV de Vilar-Breamo de Pontedeume, comezou a organizar cursos no local da asociación en Campolongo sobre poda e outros coidados das árbores froiteiras, a organizar visitas ás hortas para a aplicación dos saberes adquiridos, a realizar intercambios de experiencias, etc. A boa acollida que tiveron os cursos puxo de manifesto que existe un considerábel número de persoas (algúns xubilados de ASTANO) que, malia non viviren da agricultura, pretenden manter coidadas e cultivadas as súas terras, polo menos as máis próximas ás casas. Ademais de co voluntarismo deste grupo de persoas, estes cursos contaron cunha mínima axuda do Concello de Pontedeume, daquela co BNG no goberno. Foi tamén o momento -en boa medida pola insistencia de Carlos Fornos- en que, desde o goberno municipal, se deron pasos para a recuperación do Concurso de froita do país, que anualmente se leva a cabo nas festas patronais da vila de Pontedeume. Este concurso víñase celebrando sen interrupción, case máis por iniciativa dos propios concursantes que polo coidado das autoridades responsabilizadas no goberno. Xusto é mencionar que Carlos Fornos ten o posto máis preeminente no ranking de gañadores deste Certame que premia calidade e presentación de mazás, peras e pexegos. A el tamén se lle debe agradecer o exemplo de agarimo con que coida as árbores ao longo do ano, chegando mesmo a seleccionar a flor para lograr mellores exemplares e elaborando artesanalmente os cestos de vimbio para una lucida presentación.

Como curiosidade, no plano sociocultural, hai que reseñar que as festas patronais de Pontedeume, que se celebran no mes de setembro, corren popularmente co nome de Festas das Peras, denominación indicativa do enxalzamento da tradición froiteira da zona.

No referente aos aspectos económicos e produtivos, ténsenos afirmado e demostrado que, esforzándose un pouco, é posíbel ter froita de colleita propia durante todo o ano ou cando menos na maior parte dos meses do ano, desde que se dan as primeiras ameixas no mes de maio, até as grandes cantidades que se poden producir no outono e chegando ás mazás de inverno e aos froitos secos. Xa non digamos se tivermos en consideración a excelente adaptación do kiwi nesta terra! E todo o dito polo de agora podería valer mesmo para outras zonas de Galiza.

Ténsenos relatado detalladamente o importante apoio económico que supuxo para moitas familias a venda de froita (cereixas, mazás, peras), que levaban as mulleres normalmente á Vila e mesmo en tren a Ferrol. Sabemos, ao igual que sucede coa horticultura, que este é un campo aberto por explorar nalgunhas zonas, que temos potencialidades, bos terreos, contamos cun clima acaído e dispoñemos de auga.

Estas son algunas das circunstancias que axudaron a crear a AGFA do Eume.

Un importante camiño andado

Aínda coas limitacións propias de calquera asociación deste tipo (nomeadamente, xente disposta a traballar e responsabilizarse e apoio institucional) a AGFA do Eume xa ten un importante camiño andado. O proxecto que considero máis ambicioso -hoxe xa realidade- é a Horta de Conservación de Variedades, con varios centos de froiteiras, ubicada en San Sadurniño, grazas á boa disposición do Concello co que se asinou un convenio, e ao apoio de Medio Rural cando o bipartito (non hai tanta sensibilidade actualmente). A AGFA tamén levou a cabo plantacións de cerdeiras nos Campos de Ensaio de Ombre (Pontedeume) e de mazá de mesa (príncipe grande, tres en cunca, tabardilla, de cera...) e pera (urraca lexítima e manteiga do país) no de Doroña en Vilarmaior. Igualmente realizou pequenas plantacións, acompañadas de obradoiros e degustacións nos colexios rurais da zona.

Mais non é menos importante o labor de información e sensibilización promovido pola Directiva da Asociación. Non podería citar os nomes de todos os expertos que impartiron charlas en Pontedeume, San Sadurniño, Redes... A visualización do traballo da AGFA e do que isto pode dar de si ficou patente nas exposicións de froitas das variedades autóctonas, como as levadas a cabo nas Festas das Peras de hai dous anos ou na I Feira Rural de San Sadurniño do verán pasado. En relación cos Centros de ensino, son tamén iniciativas consolidadas os encontros de exaltación da froita de outono no CEIP de Andrade e no IES Fraga do Eume. En fin, séguese a traballar no inventario de variedades existentes na zona, nas posibilidades gastronómicas da froita a través de novas receitas e aplicacións, hai intención de recuperar a tradición de agasallar cun cesto de froita do país no Nadal e, como non, pénsase tamén en abordar o problema máis complicado que é a comercialización.