Recortes, desreformas… alternativa, mobilizacións

Recortes, desreformas… alternativa, mobilizacións

É ben certo que as sociedades supostamente avanzadas, as cualificadas "modernas", nos inocularon o virus da resignación, do "laissez faire, laissez passer", porque nada se pode cambiar. E a sociedade galega, máis alá da porfía de considerarmos acaídos para ela tais cualificativos, é especialmente permeábel a este virus. Pero non é de agora, non é cuestión recente. Levamos décadas aturando situacións absolutamente inxustas, impostas desde as distintas administracións e desde os mercados financeiros, que nos negan o noso dereito a producir e a vivirmos na nosa terra, e que se asumen co estoicismo da resignación cristiá. Circunstancias que as mulleres padecemos aínda máis cos homes, inseridas nunha liña educativa que segue estando encamiñada a que nos resignemos, a que aceptemos a realidade creada sen queixa e con tesón, todo polo ben da "familia".

Nese contexto, neste terreo do conformismo e da submisión, é cando aproveita o PP, despois de aplicar unha ampla restra de recortes en todos os servizos públicos, para aprobar unha nova lexislación laboral que fulmina a máis mínima protección dos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras e que é o golpe de graza para unha sociedade empobrecida pola cobiza insaciábel do capital.

Unha sociedade, a galega, que aínda mantén certos escudos comunitarios e que sobreviven malia a dinámica absorbente da globalización. Velaí a recuperación, con máis forza este inverno, en moitas casas do rural da actividade da matanza. Unha tarefa que reducira intensidade, pero que en épocas de crise representa unha opción máis económica e asumíbel para poder garantir o aceso a determinados alimentos. Recupéranse tamén determinadas producións de hortas, con produtos de estación que até fai ben pouco adoitabamos adquirir no supermercado. E non tanto como consecuencia desa manipulada doutrina que proclama que viviamos por riba das nosas posibilidades, como polo aumento das diferenzas sociais, entre a xente que cada vez é máis pobre e aquela que cada día é máis rica. Velaí os datos da última memoria de Cáritas, con cifras históricas nas solicitudes de atención de emerxencia, e que revela que o Estado español é, entre os europeos, un dos que ten maior taxa de pobreza, unicamente por detrás de Romanía e Letonia. Ou que evidencia que un 17% dos fogares galegos está por debaixo do límite da pobreza, porcentaxe atenuada pola cobertura do colchón que aínda seguen representando os/as nosos pensionistas, malia recibiren as pensións máis baixas de todo o Estado.

Vemos como cada nova actuación do goberno, tanto do Estado como da Xunta, vai encamiñada nunha única dirección: beneficiar os que máis teñen para que non perdan nada do que posúen, empobrecendo aínda máis a quen máis pobres son, ao mesmo tempo que eliminan a protección e o abrigo colectivo dos servizos públicos. Son as leis do seu mercado, esas leis que parecen ser divinas e de obrigado cumprimento, concretadas en decisións políticas e executadas coa nova regulación das relacións sociais e laborais. A nova lexislación laboral, por exemplo, retrotráenos a cincuenta anos atrás en dereitos laborais, dereitos que se conseguiron con loitas obreiras, con batallas sociais, e que non nos concederon por ningunha graza superior. Dereitos laborais e sociais que estamos perdendo de golpe, e parece que non queremos ou non conseguimos ser conscientes do que iso significa realmente, resignados como estamos ante a fatalidade e o infortunio da crise económica "mundial?".

Cantas mentiras se ocultan detrás da crise, cantas actuacións encubertas para converternos en cidadáns aínda máis submisos ao poder! Coa nova lexislación laboral, esa mal chamada reforma, e a pequena escala, o poder público aposta polo "laissez faire, laissez passer", por pousar a xustiza laboral na arbitrariedade dos empresarios, para despedir, reducir salarios, desprazar os traballadores, cambiar as quendas de traballo, sen máis limitacións que as que dite a súa conciencia. En poucas horas, nunha mesma mañá, os donos de Barreras anuncian o despedimento de 50 traballadores e unha rebaixa salarial de até o 80%; a dirección da Factoría Naval de Marín notifícalle o despedimento a 35 traballadores e Povisa comunícalle a 148 traballadores/as que lles vai reducir o salario un 12%. A barra libre da nova lexislación laboral.

Camiñamos cara a unha sociedade máis precarizada, máis pobre a todos os niveis. Os indicadores de renda non menten, e as fileiras do paro e dos bancos de alimentos tampouco. E a quen non se resigne e non asuma o novo status quo, que saiba que recibirá a lapidación pública por parte do sistema. As directrices políticas do PP que definiron as actuacións policiais de Valencia non foron máis que un exemplo do que nos espera. Para os "instrutores" do caso, o "inimigo" das forzas de seguridade somos nós, o pobo que se quere defender das agresións aos seus dereitos. Agresións que sufrimos cada día. Os recortes na sanidade, na educación, na atención aos nosos maiores son agresións, a demolición do sistema de relacións laborais mediante unha falsa reforma é unha agresión, a modificación da lei do aborto é unha agresión, as baixadas de salarios, os EREs, os desafiuzamentos, a usura bancaria... E así poderíamos seguir liñas e liñas.

Nese xogo maquiavélico, o obxectivo é que permanezamos calados, nunha manobra pola que parecen querer apostar os sindicatos estatais, que consideran que aínda non é o momento para a convocatoria dunha folga xeral. Pois se agora, co nivel de ataque do sistema aos dereitos sociais executado por medio dos gobernos do PP, se agora non é momento dunha folga xeral, cando o vai ser? A CIG, na súa páxina web, ten un documento de análise da nova lexislación laboral que todos os traballadores e traballadoras debemos ler. Con brevidade e con clareza explica o que significa esta nova "desreforma", continuidade das aprobadas polo goberno socialista anterior. Xeneralización do despedimento obxectivo con indemnizacións de 20 días por ano traballado e un máximo de 12 mensualidades, extensión de EREs sen autorización previa e tamén no sector público, flexibilidade total na contratación en período de proba, con despido sen indemnización durante un ano, contrato de aprendizaxe até os 30 anos, liberdade para as empresas para cambiaren horarios, quendas e postos de traballo, etc., desaparición práctica dos convenios colectivos sectoriais,...

Malia o medo que nos queren meter no corpo, debemos mobilizarnos e debémolo facer agora. É necesario reaccionar ante o que está pasando. Non podemos deixar que nos vendan a panacea alemá coma se fose o exemplo a seguir. Estas actuacións só benefician aos poderosos, aos mercados e aos máis ricos, destruíndo o sistema de cobertura social para todos e todas. Decisións que nin aquí nin en Alemaña favorecen as clases populares, esas clases populares da sociedade galega que son o motor da acción política e social do BNG e as que temos que dirixir as nosas actuacións, na defensa dos seus dereitos individuais e colectivos. Coma antes, coma agora e coma sempre.