Recentralización e ditatura dos mercados

Recentralización e ditatura dos mercados

O goberno central, dende o pasado mes de xullo, ten aprobado no Consello de Ministros, e listo para ser debatido no Congreso do Estado, un Anteproxecto de Lei para a Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local. Menuda teima ten o dereita que nos goberna en utilizar termos rimbombantes e pomposos; termos que significan cousas distintas do que aparentan significar. Que pretenden achantar con ese linguaxe bizantino, cando do que se trata é dunha reforma salvaxe da Administración Local. Dunha reforma que é antigalega e antidemocrática.

Usar termos politicamente correctos, con múltiples significados e mesmo palabras de carácter medioambientalista como son racionalización e sustentabilidade, non poden ocultar que realmente pretende o goberno central do Partido Popular, coa reforma da Administración Local. Porque o que pretende con esta reforma lexislativa é unha recentralización, arrincándolle competencias a Galiza e dándolle prevalencia aos intereses dos mercados, fronte á democracia da cidadanía.

O Anteproxecto de Lei para a Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, que plantea o goberno central define aos concellos como a entidade local máis pequena. Disolve as entidades locais menores (na Galiza hai 8), pasándolle os seus bens, seus dereitos e súas obrigas aos concellos. Entre estes bens, atópanse os montes. Cómpre lembrar que estes montes, aínda que veciñais na súa orixe, a día de hoxe, están considerados como montes comunais. Como tamén cómpre lembrar que se os montes das entidades locais menores, fosen considerados como veciñais, aínda que se aprobase esta reforma da Administración Local, os montes seguirían a ser titularidades comunitarias. E aínda que contempla a posibilidade de volver crear entidades locais menores, estas ao contrario do hoxe, non terán personalidade xurídica e dependerán dos concellos.

O Anteproxecto de Lei de Reforma de Administración Local que plantea o goberno central potencia a función e as competencias das deputacións en detrimento das comunidades autónomas e dos concellos. Así, permitirá que as deputacións asuman as competencias e as funcións dos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Potencia as deputacións que son entidades anacrónicas, de carácter centralista, caciquís e as entidades menos representativas do voto popular xa que os seus deputados e deputadas non derivan do voto directo senón do voto representado.

O Anteproxecto de Lei de Reforma da Administración Local é recentralizador xa que invade competencias exclusivas de Galiza como son: a de regular a ordenación territorial propia de Galiza e a de organización e réxime xurídico das comarcas e das parroquias rurais de Galiza como entidades locais propias de Galiza. De aprobarse esta Reforma da Administración Local, Galiza non poderá levar adiante unha ordenación do territorio galego, que teña por base a parroquia rural galega e que contemple as comarcas e a supresión das deputacións.

,Ademais de recentralizador xa que invade competencias exclusivas de Galiza, o Anteproxecto da Lei de Reforma da Administración Local é antidemocrático. Se logo da súa aprobación se a alguén se lle ocorre crear algunha entidade local menor (que será sen personalidade xurídica e dependente do concello), non poderá facelo argumentando criterios racionais e democráticos como poden ser: proximidade da administración a veciñanza, acadar unha maior participación veciñal, potenciar iniciativas económicas de carácter público. Non, soamente poderán crearse por razóns de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira. É dicir, soamentes poderán crearse se o permite a ditadura dos mercados.

Non acabo de comprender como un Anteproxecto de Lei Recentralizador e Antidemocrático, que vai ser aprobado mais pronto que tarde nas Cortes Xerais do Estado, pase sen xerar debate en Galiza. Semella que en vez de vivir no ano 2012, estamos a vivir nos anos escuros escoitando o "parte" de Radio Nacional de España. Semella que estamos a vivir noutra longa noite de pedra.