Recapitulemos para reconstruír

Recapitulemos para reconstruír

Recapitulemos. En Amio (2012) o BNG sufriu un esgazamento que deu lugar a un sector do nacionalismo que ao pouco de se constituír raxou xa en varios anacos. Ao par, nacían movementos populares que en Galiza deron lugar ás Mareas, reflexo de alternativas estatais que se acabaron estruturando como Podemos. Era a súa filosofía inicial asemblearia, todo pola base e desde a base. Era, segundo eles, un novo xeito de facer política. Anova, a gaia esgazada do BNG, comezou un periplo político de achegamento a forzas estatais, Esquerda Unida e Podemos, como xa fixera o PSG durante o proceso de Reforma Política cando acabou sendo absorbido polo PSOE. Nas eleccións autonómicas de 2012, Anova, EU e outras forzas (xa é un mareo definir a cantidade de grupos que forman cada alianza) teñen un bo resultado electoral, obtendo 9 deputados, fronte aos 7 do BNG que, nas eleccións anteriores sacara 12.

Como as alianzas funcionaran ben nos resultados electorais séguese a tónica da teoría da unión, aínda que esta se conforme con forzas nacionalistas mesturadas coas españolistas. Esnaquízase, pois, o principio básico do nacionalismo, a autoorganización. Desta vez, mesmo co esforzo do BNG por facer unha candidatura conxunta galega e soberana, a coligazón amplíase, de Anova, EU e Mareas, tamén a Podemos. E os resultados son outra vez elevados, con 6 deputados e deputadas que pasan a formar parte no Congreso do grupo de Podemos. O BNG perde os 2 deputados que tiña e entra nunha crise profunda.

Mais, de toda esa festa e dos seus bailadores e bailadoras que queda? AGE comeza axiña con problemas internos (de novo o esgazamento cos mesmos animadores históricos). 3 dos seus compoñentes marchan para o Grupo Mixto, ficando con 6, un menos que o BNG. Destes 6, 2 son nacionalistas, ficando outros 2 no grupo Mixto. Polo tanto, sumarían 4. O BNG, como diciamos, ten 7, e nas eleccións de 2009 contaba on 12. Quen tirou produto da chamada unión da esquerda? O nacionalismo non, baixou, non só pola debilidade do BNG senón polo plantexamento da mestura (esquerda en xeral, sen máis). EU tiña pouca presenza en Galicia cando se forma AGE, e nengunha representación no Parlamento Galego. Quen axudou a introducila nel e darlle impulso? Vigorizou isto o nacionalismo ou a resolución dos graves problemas sociais e económicos do pobo galego? E mentres tanto, Podemos actuando a nível español para esfarelala (á EU), facela desaparecer. E está a piques de conseguilo.

E en que quedou o éxito das eleccións xerais? 6 deputados e deputadas con representación de todas as provincias galegas. Nunca o nacionalismo tivo iso. Aplausos. Un grupo galego propio, sen dependencia, tal como nos cantaron na campaña electoral? Falso. Nen grupo nen galego. Metéronse baixo a ala protectora do grupo real: Podemos. Non foron quen, tampouco, de manter a súa independencia no grupo Mixto. E cantos dos 6 son nacionalistas? Dous. Dous sometidos ao grupo estatal de Podemos. O BNG, seguindo a tónica da baixada vertixinosa perdeu 2. Pero antes eran soberanos e non tiñan que dar explicación das súas alternativas máis que ao pobo galego e á súa organización. De novo os cantos de serea con éxitos ficticios dándonos nos fociños.

Analicemos tamén o fondo ideolóxico, iso dos cambios reais e novas políticas. Filosofía común, tal como comezou o movemento social hai tres, catro anos. Decisións asemblearias. O pobo é quen manda. Todo se discute e todo se vota. As Mareas (que eu aplaudo cando se manifestan e actúan con independencia ) entraron a conformarse como tais nas elección xerais. Pero que papel tiveron nas decisións tanto de programas como de candidatos? Acaso elixiron en primarias a candidatura que presentaron os 3 partidos que se coligaron? Ulos os cidadáns e cidadás libres e partícipes das decisións? E como os partidos poden impoñer candidatos rompendo tamén a propia filosofía de nova política, distintas forzas, somos a hostia... E pola beira, Podemos, despois de estruturarse como partido, impoñendo o de En Marea (Podemos....), como viña na papeleta de votación, ou rompéndose en mil lugares, ou con ese estilo tan democrático de que o secretario se pode desfacer por decreto daqueles do seu círculo executivo quen non lle guste.

Recapitulemos, si. En toda esta historia non foi o BNG quen perdeu, foi o nacionalismo en xeral, o que hai, con nomes propios. Foi Galiza e o seu futuro. Os perdedores cóntanse como tais porque non acadan unha representación parlamentaria de peso, como se iso fose o único e exclusivo obxectivo nun proxecto de cambio real para asegurar os dereitos que perseguimos. E a loita social, diaria, para que todo o mundo, un a un, unha a unha, sabia o que custa conseguir un dereito, eliminar unha inxustiza, que? Díganme de Anova, EU, Podemos... que hai disto, onde están, que estrutura e afiliación ten cada un, onde se proxecta. E díganme os nacionalistas convencidos de que o camiño da mestura é o do éxito onde está este despois dos datos analizados. Non superamos nen sequera o que O BNG tiña conseguido até 2012.

No cruzamento dos camiños estamos agora para mirar por onde tiramos. Teño claro que para existir hai que ser. O conto da cachucha tamén vale, si. Se o nacionalismo perde perfil e estratexia gañará o outro perfil e estratexia ao estilo da España de sempre, que segue sometendo e negando até a expresión propia. O BNG perdeu por desfigurar o perfil, conto que vén, con forza, do bipartito na Xunta. E enferruxouse, deshumanizouse, burocratizouse, perdeu a frescura de renovarse cada día. Mecanizarse é despegarse da persoa. Pero foi sempre, na historia de Galiza a forza máis democrática, asemblearia e rebelde que houbo e construíu unha estrutura organizativa que ninguén do campo da esquerda ten hoxe aquí, e sen esta autoorganización será imposíbel, trátese de quen se trate, de conquistar espazos populares vivos. Sábeo ben o PP, e mesmo o PSOE. Non quen coida que con pasar o día nos platós televisivos ou votando desde a casa xa se arranxa o país.

Atinar coa reconstrución máis axeitada é o dilema. Todas as alternativas son necesarias, mais todas se teñen que someter ao que diga a maioría, pois a vaidade e os personalismos foron parte importante da desfeita. Por algo o nacionalismo ten tantas parcelas e continúa cultivándoas. Coido que a unión de todo el, sen exclusións, sería neste momento o garante maior de futuro para Galiza. Créese inmediatamente a Mesa que nos una no debate co obxectivo de reconstruír todo o que dun xeito ou outro anda desorientado por perder, realmente, a confianza e firmeza en nós mesmos, neste pais tan castigado. Díganme que impedimento hai a que podamos compartir todos e todas a mesma mesa. E se ten unhas botellas de Ribeira Sacra moito mellor.

E feita a unión, reconstruamos o bloque forte para enfrontar todos os problemas do país e tamén, obviamente o éxito das próximas eleccións autonómicas. O mesmo fará o outro bloque con organización estatal. Despois, aclaradas as representacións parlamentarias que o pobo galego outorgue, con claridade e contraste de programas políticos, estarase en condicións de gobernar a nación, a Galiza. Esta é a verdadeira unión da esquerda porque terá máis futuro que a mestura non só de organizacións políticas diverxentes, senón tamén de milleiros de persoas sen unificación ideolóxica. Coido que só así se temperará o conflito que o grupo e a diverxencia posúen por natureza. Fagamos o esforzo para alimentar a ilusión e non fiquemos co contento e o éxito momentáneo, mais que en si mesmo, por débil e contraditorio, leva a bomba do seguinte capítulo destrutivo. E daquela, quen estará fortalecido de novo, será o PP, será outra vez o bipartidismo.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.