Reboiras. A película

Coñecer a nosa realidade, a nosa historia resulta máis difícil ca de fóra. Cando moito, os feitos contemporáneos son unhas pinceladas para situarnos, para non sentirse desprazados nunha xeografía política estraña de imperios opresores. Así se entende como descoñecemos o noso quedando orfos de referentes claros e máxime cando tratan de proezas e persoas que defenden unha cultura rica como a nosa con territorio, historia, leis, tradicións, lingua,...política. Sen pretender frivolizar, por suposto, acordeime de por o mesmo título que empregaría o alumnado dun centro educativo cando lle din de ler un libro determinado: -Xa saberei de Memorias dun neno labrego -poñamos por caso- cando saquen a película! Pois ben, agora xa nin vai a haber desculpas enriba do xa publicado, para coñecer tampouco a Moncho Reboiras coa iniciativa desta fita imprescindible para achegar a verdadeira figura do veciño de Dodro asasinado no Ferrol en 1975.

Reboiras. Acción e corazón nace desde a Fundación Terra e Tempo como unha necesidade de actualizar e facerlle chegar a todo tipo de público, sobre todo galego, a figura aínda ignorada dun veciño da aldea de Imo asasinado polo franquismo. Será a primeira longametraxe documental sobre a súa vida e pensamento para amosar un anaco da nosa historia máis recente. O proxecto en marcha conta con subvención da Deputación da Coruña estando abertas achegas de micro mecenado de 10, 20, 50, 200 ou 500 euros que avanzan con bo ritmo. Baixo a dirección de Alberte Mera, a Fundación Terra e Tempo e Nós Produtora Cinematográfica Galega entre o importante elenco do proxecto, planean máis de 15 entrevistas con testemuñas e recorrer os espazos por onde el andou con recreacións e outra documentación.

Desde o seu concello natal ata o resto da Galiza existe aínda hoxe un descoñecemento intencionado ou mesmo terxiversado da súa vida e da súa loita. Quen sabe que foi Enxeñeiro técnico industrial en centrais e redes eléctricas, ou cantas saben da perda dunha bolsa nos estaleiros Barreras -acabados os estudos- por promover unha folga co seu incipiente traballo sindical, xerme do que hoxe é a CIG xunto con movementos culturais e políticos.... Só callou na sociedade que o fillo de Generosa e José fora un terrorista mesmo con posterioridade ao recoñecemento e reparación persoal do estado en 2009 impulsado, e tramitado baixo o amparo da Lei 52/2007, polo daquela parlamentario do BNG Francisco Rodríguez e tamén, como Reboiras, militante da UPG.

As homenaxes nacionalistas no camposanto de san Xoán Bautista de Laíño, na Lavandeira de Imo, Dodro e por suposto o acto central da UPG no Ferrol fanlle recordar a todas persoas a un dos imprescindibles na confección do nacionalismo galego. Pero Pepe (dos Loureiro de Imo, que dicía miña avoa que aínda tocábamos na familia!) era unha persoa que quen a tratou non a recorda con ese aspecto de mexicano sen sombreiro. Así, e grazas a súa casa coñecemos outra foto del paseando, cunha chaqueta ao ombreiro por un camiño entre o millo de Buxán, Rois -parroquia de seu pai,- que o MGS tivo que estampar varias veces pois alguén a borraba do piar da vía do tren no Padronelo, no entorno da parroquial onde está enterrado. E a min esa imaxe e, a casa de onde vin saír o seu cadaleito nun estraño silencio, hai xa 44 anos, non me deixa nunca indiferente, de aí que necesitemos luces, cámaras e acción!