Realmente lles importa se Xibraltar é español?

O Partido Popular argumenta que o conflito con Xibraltar ven dado pola actuación do goberno deste territorio, din que o problema é que se trata dun paraíso fiscal, que é un feudo do contrabando e do xogo, no que se vulnera a cotío a lexislación medio ambiental e que coas súas actuacións deixa en terra aos mariñeiros andaluces.
A serpe deste verano, destinada a tapar o cheiro do caso PP (mal chamado caso Bárcenas) é o conflito artificial provocado a conta de Xibraltar. Os insultos por parte dos tertulianos aos “llanitos” medran conforme subimos na grella televisiva da TV1 ata 13 TV, pasando por Intereconomía. No fondo o que lles manca é que os “llanitos” non queren ser españois e así o expresaron libremente votando e si hai algo que leva mal a caverna é que algúns non queiramos ser coma eles.
Di o Partido Popular que estamos ante un paraíso fiscal as porta de “España”. Resulta difícil mercarlle o argumento a quen mantén unha fiscalidade do 1% para as grandes fortunas (a través das SICAV), que maten unha fiscalidade do 12% para as grandes empresas do IBEX-35 (desgravan incluso as adquisicións de empresas no estranxeiro, é dicir a expansión de Telefónica, o Santander ou Repsol pagámola todos a escote); por certo 33 das 35 empresas do IBEX operan en paraísos fiscais co Banco Santander á cabeza; na súa España tivo contas en xuíza dende a familia Real, ata a familia Botín, pasando polo propio Tesoureiro do PP e foi o propio Goberno do PP o que aprobou a amnistía fiscal. Por certo as Facendas doutros países europeos están chegando a acordos coa Facenda de Gibraltar, a española non.
E si falando de contrabando despois de ver as fotos de Alberto Nuñez Feijoo que documentan a relación con Marcial Dorado; as de Mariano Rajoy no Moropa (a publicación levou aos cese do Director dun xornal) e os casos dos numerosos militantes do PP vinculados ao tráfico de tabaco, que digan que o problema de que Gibraltar non resulta crible.
O de que é un paraíso do xogo é algo parecido, Adelson é un dos máximos doadores ao Partido Republicano, cecais alguén poda pensar ao abeiro do caso Bárcenas, que a modificación das lexislacións estatais, autonómica e municipais para favorecer a implantación de Eurovegas teña coma obxectivo convertelo nun dos máximos doadores do Partido Popular, non?. Non se preocupe Sr. Adelson pode estar tranquilo, Gibraltar non lle fará nin sombra a Eurovegas como “antro de xogo e perdición”.
E “Para mariñeiros nos”, como se titula unha serie televisiva galega, pois iso, que magoa que o Partido Popular non tivera a mesma preocupación polos mariñeiros galegos, por exemplo os da flota de Mauritania, que polos da Linea.
Despois de todo isto só podería crerme os motivos medio ambientais dado ademais os coñecementos nesta materia do “curman de Rajoy” todo un “experto” en negar o cambio climático. Agardo con impaciencia que apareza ouro no Peñon para que ambas partes autoricen unha explotación mineira coma a de Corcoesto, facendo que desapareza unha das iconas mais antigas do españolismo.
Por último non se pode chegar a entender tanto insulto verquido contra a “Perfida Albión” e que fondos especulativos británicos opten na poxa do espolio das antigas Caixas, tratando de quedarse tanto con EVO coma con NCG enteira, iso si despois de inxectarlle 9.000 millóns de diñeiro público. Será pois que o capital non ten patria e os do PP, firmes servidores e adoradores daquel, tampouco. O seu españolismo rancio é unha andrómena para consumo de incautos e incapaces.