Reactivar a política, entender a política

Reactivar a política, entender a política

Estes días estou lendo un ensaio [1] sobre as claves básicas na interpretación política de Lenin e chamoume a atención o tratamento que lle dan os autores do libro ás consecuencias da acción política. Coido que moitas veces non valoramos correctamente as consecuencias da nosa praxe ou, se cadra, facemos demasiados esforzos por tratar de minimizar o impacto nunha sociedade, supostamente non preparada, das consecuencias de ser nacionalistas.

A acción política moitas veces é complexa e esta complexidade deriva vén dada ao non ser capaces de asumir a concreción das ideas na praxe.

Tratarei de explicalo servíndome de fragmentos do libro que expresan, dalgún xeito, o que trato de expor.

Un dos autores do ensaio Zizek escribe claramente, ao meu xeito de entendelo, sobre esta cuestión. El di: "os verdadeiros políticos de esquerdas rexeitan a irresponsabilidade do esquerdista liberal, que evita pagar o prezo de pasar por medidas políticas a miúdo crueis. Un verdadeiro político de esquerdas non teme pasar á acción e responsabilizarse de todas as consecuencias, por desagradábeis que poidan ser, para desenvolver o seu proxecto. Os verdadeiros políticos de esquerdas rexeitan os medios compromisos xa que non entenden que se poida pasar por una auténtica revolución eludindo o prezo real que hai que pagar por ela, os demais prefiren recorrer á alma bela e as mans limpas. Polo contrario hai xente que asume as consecuencias das súas decisións e son plenamente conscientes do que implica tomar o poder e exercelo."

Na súa obra Zizek [2], diferenza dous tipos de política. A política da responsabilidade e a política da vocación (tal como a entende Max Weber) "A actividade eticamente orientada pode seguir dúas máximas diferentes, a ética da convicción ou a ética da responsabilidade, e non se trata por suposto, de que a ética da convicción sexa sinónimo de irresponsabilidade, nin que a ética da responsabilidade signifique a ausencia de convicións. Pero hai unha profunda oposición entre actuar seguindo a máxima da ética da convicción (en termos relixiosos, o cristiá fai o que está ben e deixa o resultado en mans de Deus) e actuar baixo a máxima da ética da responsabilidade que significa que un debe responder das previsíbeis consecuencias das súas accións xa que moitas veces fuxir das sucias consecuencias prácticas de realizar a súa convicción ética deixa o mundo tal como está".

Con este texto non pretendo dicir, por si alguén entende iso, que na acción política quede fóra a ideoloxía senón todo o contrario, xa que para asumir as consecuencias é preciso sustentar a nosa praxe en principios ideolóxicos sólidos.

O problema é que moitas veces empregamos a ideoloxía como pretexto para non asumir as obrigas. Poñemos por exemplo a lingua. Nós entendemos que é básico un posicionamento claro fronte todos aqueles que entenden que atacan a nosa postura, uns de xeito frontal impondo o seu criterio españolizador e outros en forma de compresión e converténdose en altofalante dunha sociedade civil que asume a invasión castelán falante (os que entenden, si, pero tamén se resignan a unha Galiza sen galego falantes en nome da asunción da modernidade).

Os nacionalistas, neste ponto, debemos ter clara cales serán as consecuencias de manter a postura ríxida e clara na defensa da lingua, cecais algúns nos poidan chamar (...), o que nos chaman habitualmente, pero poderemos dicir que estamos asumindo as consecuencias de actuar con responsabilidade.

A cuestión da lingua é só un exemplo o que debemos ter en conta é a dirección que queremos tomar como organización e non titubear ante cuestións que nos definen. E non me gustaría que o dito xustifícase que alguén pensa que somentes somos unha panda de intransixentes ninguén dixo que asumir consecuencias fose sinónimo de ausencia de diálogo, pero si de compromiso. Eu milito, por tanto, nunha organización responsábel (espero).


[1] Sebastian Budgen, Satathis Kouvelakis e Slavoj Zizek eds. "Lenin reactivado. Hacia un apolítica de la verdad" Ed. Akal.2010.

[2] Slavoj Zizek, "El espinoso sujeto" Ed. Paidós. 2000.