Razóns de máis para irmos á folga
Outra volta chega setembro, a piques de cumprirse a efeméride da quebra do banco de investimento "Lehman Brothers", sinalada como o percusor dunha nova crise financeira, mais que, co paso do tempo, ao ir deitando efectos devastadores na destrución de emprego e na queda da economía real, ven de revelarse máis como un epifenómeno dunha doenza maior: o fracaso do paradigma neoliberal sobre o que se cimentou o desenvolvemento económico ao longo das últimas décadas.
A falta de emprego, particularmente significativo na Galiza e no conxunto do Estado español, supón unha ameaza para a seguranza económica e social de moitas persoas. Unha parte importante da sociedade está a ver gravemente danada a súa estabilidade ao verse abocada xa á perda da súa ocupación laboral, e outra parte avista dita ameaza como real e verificábel nun futuro inmediato, o que tamén os sitúa sob unha sensación na que se mesturan o medo e a desconfianza. Obviamente, estase a reflectir a percepción das persoas traballadoras, e non só daquelas que desempeñan un traballo por conta allea, senón de todas as que non detentan ou partillan poder de dirección nos medios de produción, aínda non sendo a acepción usual do termo.
Malia que a maioría da sociedade se atopa nesa situación, o discurso e as receitas dirixidas a superar a crise económica, impulsados polos grandes poderes económico-financeiros, e adoptadas de xeito submiso polos gobernos dos estados con maior desenvolvemento económico, non se dirixen a restaurar o emprego, a fornecer unha ocupación laboral digna, que permita un desenvolvemento acaído ás capacidades de cada persoa e que lle asegure as súas necesidades económicas.
Ben ao contrario, destínanse inxentes cantidades de recursos económicos para repor os maltreitos balances das entidades financeiras que propulsaron un crecemento económico baseado na especulación, na ganancia máis inmediata. Outra volta, aséntanse os alicerces para propiciar a reprodución dun modelo baseado no "mercado" -o que val dicir, na anarquía económica-, na fuxida dun control público dos medios de produción, en afondar nun sistema produtivo orientado ao beneficio e non ao uso; en suma, en seguir asumindo un patrón de acumulación e utilización dos recursos económicos dispoñíbeis guiado exclusivamente polo afán de obter máis beneficios en volumes masivos, agora ben, para distribuílos e amasalos entre un segmento minoritario da sociedade. Para entendérmonos vulgarmente: de continuarmos aceitando un uso irresponsábel dos recursos económicos e conducírmonos -de superarmos a presente crise- incluso a depresións máis severas.
Ese paradoxo descrito -desde logo nada orixinal, mesmo redundante despois de moitas análises sobre as causas e efectos da crise ao longo destes dous últimos anos-, que subxace entre quen está a padecer as consecuencias reais da crise e a quen realmente benefician as medidas paliativas con recursos públicos, malia ser percibido dun xeito palpábel pola maioría social, non está axudar a unha clarificación que incremente a conciencia social orientada á necesidade avanzar cara un sistema económico ben diferente ao que nos rexe na actualidade.
En calquera conversa é habitual retratar a difícil situación que están a atravesar persoas coas que temos relación de amizade, veciñanza ou parentesco pola perda de emprego e as dificultades para voltar a desenvolver a súa profesión ou oficio, ao tempo que se resaltan os privilexios que manteñen os executivos e directivos das entidades financeiras e das grandes corporacións económicas, aos que lles foi subministrado apoio público para manter ese status. Isto é, a maioría das persoas, sen ser plenamente conscientes, asumen a existencia da "consciencia de clase", de recoñecérense pertencentes a un grupo social con atributos determinados pola súa posición económica (en relación cos medios de produción) e a influencia que iso lles outorga. A mágoa é que, ao tempo de asumir ese sentir colectivo, lexitiman o mantemento do actual status con resignación, amosándose indiferentes e mesmo hostís cara as persoas da súa clase social que sofren análogos padecementos, e sendo comprensivos coa presión que exercen, "lobbies" mediante, os sectores máis opulentos da sociedade.
Como correlato, interiorízase así a imposibilidade de transformar, a partir da acumulación colectiva de forzas e sinerxías das maiorías sociais, da clase traballadora, de quen máis se pode sentir ameazado no seu equilibrio económico e social, alomenos o deseño do actual modelo económico -xa non digamos a arquitectura da estrutura económica e social-, e no seu lugar, afiánzase a procura de solucións individuais, de centrar as demandas precisamente en obter unha saída á carta de cada individuo.
A sensación de inestabilidade que xera a crise, tradúcese nunha ameaza pola probábel variabilidade da situación individual. Nun contexto caracterizado pola proliferación de mensaxes irracionais e contraditorias emitidas desde as principais fontes de información -sobre todo das máis accesíbeis para a maioría da poboación-, e a non menos decisiva claudicación na formulación de alternativas políticas, as pulsións egoístas acentúanse mentres que as pulsións colectivas esváense, e así, a vindeira transformación será a do desvarío.
Esa fase comeza a albiscarse, constatada polo remonte na iniciativa á hora de aplicar receitas como alternativa fronte á crise baseadas no dogmatismo económico que nos trasladou a esta situación. Xa non abonda con manter as políticas levadas a termo nas últimas dúas décadas e cuxas nefastas consecuencias á vista están, senón que hai que insistir -xa sen disimulo- en darlles alento, en infrinxir malestar e división social, en escarvar na crecente fractura social para, en definitiva, que perdure a actual orde xerarquizante e oligárquica. Agora xa hai que ir a por todas:
- na relegación do papel dos poderes públicos á hora da redistribución da riqueza, co abandono das políticas fiscais progresivas;
- na regulación da economía ao servizo dos intereses xerais, avanzando na liberalización de todos os sectores económicos;
- na desaparición do sistema de protección social e na eliminación da provisión de servizos públicos de benestar que permitan o achegamento de todas as capas sociais á educación, sanidade e servizos sociais;
- na desregulación (e con iso precarización) laboral;
- no traslado ao sector privado da xestión de servizos e prestacións públicas, sinaladamente das pensións cuxa reforma xa teñen ao alcance.
A evolución reflectida non ten ánimo de inducir ao desánimo, senón para pór de manifesto que na súa xénese existe unha contradición entre a situación que padecen os principais afectados pola crise e a xenerosa saída para os axentes (financeiros, si!) da mesma, que é apreciada sen maior dificultade pola maioría das nosas xentes. Non perdamos de vista, xa que logo, que existe unha consciencia social que, malia a belixerante intensidade -expresada por medio de potentes altofalantes mediáticos- coa que se pretende amputar desde a dereita económica coa colaboración tamén da socialdemocracia, agroma día a día.
Sigamos a alimentar esa consciencia, a evitar que se dilúa no abafante clima creado polo neoliberalismo económico, a impedir que apareza un baleiro ideolóxico que favoreza xa non só a expansión do dogmatismo económico imperante senón o afloramento dunha expresión máis burda e autoritaria do mesmo, o fascismo.
A participación na vindeira folga xeral (deixemos á marxe os erros da convocatoria, aínda hoxe tivemos noticia da contratación dun coñecido cómico por parte da UGT para animar á súa participación, nin feito adrede se pode devaluar máis a convocatoria!) é unha oportunidade inmellorábel para contribuírmos a sustentar e avivar máis a consciencia social, a estimular a solidariedade fraternal colectiva fronte á exacerbación dun individualismo desintegrador que descompón os lazos sociais; e que, no tempo que nos toca vivir, materialízase en exixir unha mudanza profunda dos vieiros trazados nas políticas económicas e sociais para, por unha banda, defender a implantación dun modelo económico que garanta prioritariamente o benestar das persoas a través da súa estabilidade no emprego, e por outra, deter o avance do liberalismo económico furibundo que acarrea máis desocupación laboral e inxustiza social.