Ramón Vilar Ponte, un exemplo, cen anos despois

Ramón Vilar Ponte, un exemplo, cen anos despois

A Teresa Vilar Chao, in memoriam

A José-María Monterroso Devesa, amigo e xeneroso


No pasado día 13 iniciáronse as Xornadas dedicadas ás Irmandades da Fala organizadas pola Agrupación Cultural ‘O Galo’ e mais a Mesa pola Normalización Lingüística; abranxen un moi completo programa de intervencións e alongaranse até o mes próximo. Na miña exposición do día citado comecei por sinalar unha carencia significativa. Levamos meses a falar das Irmandades da Fala mais non dispomos das fontes primarias de leitura dos seus fundadores, os irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte. As edicións que no seu día recolleron parte da súa obra están esgotadas ou foron publicadas por editoras que xa non existen. Poucos días antes recebera na casa, por xentileza do seu autor, José-Mª Monterroso Devesa, un opúsculo dedicado a Ramón Vilar Ponte (A longa pos-guerra (1936-1953) de Ramón Villar Ponte), editado pola Asociación Cultural ‘Irmáns Suárez Picallo’, de Sada. O autor incorpora facsímiles documentais de textos de Ramón, que acompañan unha síntese da súa vida e obra. É de agradecer a actualización dun contributo coma este, vista a ausencia de edicións asequíbeis que comentamos, por parte dun estudioso da nosa cultura que con tanto mérito como constancia a incrementou en variadas facetas (toponimia e antroponimia; historia da Coruña; literatura…). Parabéns e agradecemento pola nosa parte!

Continuamos a viver, en troca, por parte da cultura oficial, un hábito de conmemoración e efemérides que fica oco tantas veces por falta de interese no básico, a posibilidade de coñecemento directo do que se homenaxea.

En 2007 puidemos editar, a cargo da Deputación de Lugo, o primeiro volume do que quer ser a edición completa das obras de Ramón Vilar Ponte. Titulámolo Textos filosófico-políticos de Ramón Vilar Ponte e inclúe catro obras principais: Doutrina nacionalista (1921); Breviario da autonomía (1933); “O sentimento nacionalista e o internacionalismo” (1926-27) e A xeración do 16 (1977 [1951]). A primeira das citadas foi editada en Ferrol, na imprensa de El Correo Gallego, que o escritor dirixiu por breve tempo, antes de se ver obrigado a demitir, por se negar a facer campaña a favor das ‘Juntas Militares de Defensa’. No ano 1922 ábrese a crise no seo das Irmandades e talvez este feito determinou que non fose valorado como merece. O segundo libro ten a ver directamente coa campaña a prol da consecución do Estatuto de Autonomía para a Galiza, unha vez aprobado por decreto (como afirmaría Castelao) o de Cataluña, xa no novo rexime, na II República. A terceira das publicacións incluídas correspóndese co discurso que Ramón preparou para o seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos. O cuarto, en fin, é un bon exemplo da desidia ou do desprezo institucional para cos seus proprios membros. En 1977 -ano que a Real Academia Galega dedicou, no Día das Letras Galegas, a seu irmán, Antón- Xaime (o primoxénito de Ramón) e Teresa (a segundoxénita; o máis novo, o pintor Xosé Ramón Vilar Chao, chamado “o pintor dos nenos” falecera prematuramente, en 1965: ¿¡para cando unha exposición da súa obra pictórica, que nunca puido ser contemplada de forma integral?!), Xaime e Teresa, dicemos, imprimen e pagan a edición do discurso que seu pai proferira no seu ingreso na Academia 26 anos antes, en 1951. A condición que impuxera fora a de que había ser en galego e así foi, nunha valente evocación-historia dos seus compañeiros de combate nacionalista, con especial recordación de Castelao, falecido un ano antes. Monterroso Devesa vincula este feito coa malleira que recebeu de elementos falangistas e que aceleraría a súa morte, en 1953. Todas as obras que citamos son base imprescindíbel para a comprensión do nacionalismo histórico galego, unha especie de abecé de leitura obrigada para toda aquela persoa que pense e sinta en galego e queira saber de onde vimos.

A dedicataria deste artigo foi celosa conservadora da memoria e do legado do seu pai, de quen sempre ponderou o seu nacionalismo sen fendas; afiliouse ao Bloque Nacionalista Galego; dicíase reviver en todos os actos en que participou na cidade da Coruña; repetía unha e outra vez que seu pai se alegraría inmenso de ver de novo o nacionalismo galego vivo e actuante e tivo a satisfacción de poder entregar a biblioteca que tan amorosamente conservara ao Parlamento Galego e de ver publicada, ano e medio antes do seu falecemento, o primeiro volume da obra completa de Ramón, que ten pendente a súa completude e que tentaremos abordar o antes posíbel. Foi a nosa amiga, sempre xenerosa e entusiasta, sempre pronta para reivindicar a memoria de seu pai e de seu tío Antón, como mostrou na entrevista que para Terra e Tempo lle realizaron Lois Diéguez e Xoán Carlos Garrido Couceiro.

Ben me decato de que estas liñas son pobres e escuálidas para compor o retrato dunha das personalidades, no intelectual e no político, máis traballadoras e firmes do movemento das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista a que se afiliou inmediatamente despois de este se constituír en Pontevedra. Un esquecido inxustamente, cando toda a súa vida adulta a dedicou á significación e ao engrandecemento da súa patria, a Galiza. Desposuído de todos os seus bens e impedido de calquer emprego na función pública, instalado na Coruña desde 1942, gaña a vida como profesor dunha academia nesta cidade, mais nunca deixou de traballar pola Galiza, nas emisións radiais galegas da BBC ou a través de múltiplos artigos publicados na diáspora americana con pseudónimo. No Viveiro da inmediata posguerra, lembraba Teresiña -como a coñecía todo o mundo na Coruña- como, de nenos, indo ela e o seu irmán menor á escola, aínda tiñan que aturar a ignominia de elementos fascistas a berrarlles: “¡Hay que arrancar la simiente!”. A semente non só se conservou senón que na súa persoa medrou vizosa, na recordación de seu pai e no seu proprio compromiso.

Ramón Vilar Ponte non é un autor de Viveiro ou da Coruña. É da Galiza toda, ou debera selo, por mellor dicer. Estas liñas non son máis que un convite para apropriármonos da nosa historia e para caírmos na conta de canto e bon fixeron por nós antepasados coma el; para sabermos como a modernidade con maiúsculas ligárona sempre á máis rotunda, clara e desacomplexada defensa teórica e práctica da Galiza. O prologuista da Doutrina nacionalista, o catalán Josep Puig i Cadafalch (presidente na altura da Mancomunidade de Municipios Cataláns), así o recoñece nun prefacio na súa lingua que figura no pórtico desta obra e así o proclama o proprio autor nas “palabras limiares”. Con el, coa súa prosa, coa primeira definición desta obra, concluímos, non sen antes enviar o noso sentido pésame aos aspirantes a enterradores do nacionalismo galego e, en concreto do BNG, filofunerarios merecentes de mellor causa, que durante os últimos meses acumularon teimudamente, cunha prodixiosa capacidade de videntes, todo tipo de R.I.P. (“declive imparábel”; “caída libre”; “práctico desaparecemento” do BNG... e por aí fóra). Merecen o pésame: o BNG non finou; finaron as súas teses-desexos-prognósticos. Laus Deo!:

Que se entende por nacionalismo?

Nacionalismo é unha doutrina ou, mellor aínda, un corpo de doutrinas que fan referencia ao restabelecemento de todos os dereitos e prerrogativas que a un pobo libre e soberano de si mesmo lle corresponden, así como tamén ao desenvolvemento de todas as manifestacións da súa vitalidade e ao desenvolvemento de todas as súas actividades.

Noutros termos: o nacionalismo é o berro que un pobo que se sente capacitado para gobernarse a si mesmo, sen tutorías alleas, ceiba, co fin de que o Estado que lle vén servindo de tutor e sen guía o recoñeza como maior de idade e, por tanto, en disposición de rexerse a si mesmo.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.