Radiografía dun país empobrecido

O 2013 vaise, mais quedan todos os recortes. Galiza rematará o ano con perto de 30.000 mozas e mozos emigrados máis, que se suman aos 60.000 que tiveron que deixar o país desde o inicio da crise; rematará, tamén, con máis de 90.000 familias que teñen a todos os membros no paro; con 20.000 fogares en que non entra ningún tipo de ingreso económico e con 660.000 galegos e galegas que viven no limiar da pobreza, isto é, 1 de cada 4 persoas. Así deixa o noso país, en 2013, o presidente que prometeu acabar co desemprego en 45 días. Este presidente, Alberto Núñez Feijóo, leva ás súas costas o peche de máis de 10.000 comercios; a destrución de 2.000 postos de traballo no mar e máis de 10.000 en terra; un sector gandeiro desamparado cun prezo do leite que non cobre os custes de produción e a multiplicación da débeda pública por 3, unha débeda maior que a de todos os gobernos anteriores.
O Partido Popular condena Galiza a unha fractura social entre a xente rica e a pobre, que somos a inmensa maioría do pobo. En recortar está o conto, tanto desde a Xunta de Galiza como desde o Goberno central. Non hai sector produtivo nin servizo social que se salve. Poderiamos dicir que o 2013 foi o ano do bocata no comedor escolar; dos e das doentes que non poden pagar as próteses; dos mariñeiros que non poden pescar en Mauritania; dos estaleiros que non poden producir; dos autónomos e autónomas afogadas pola falta de crédito; da quita ás preferentes e das e dos emigrantes retornados aos que se lles trata de defraudadores cando se promulga unha amnistía fiscal para os ladróns. O 2013 tamén foi o ano dos desafiuzamentos; das taxas xudiciais; dos incendios que acabaron coa nosa riqueza natural, como aconteceu no Monte Pinto; do abandono das nosas rías contaminadas; do “non” do PP e do PSOE á comisión de investigación do accidente do Alvia en Angrois; da privatización de Renfe e da persecución dos movementos sociais. E tamén, como non, o 2013 será lembrado pola corrupción do Partido Popular e das fotografías do presidente que ía rematar co paro en 45 días co narcotraficante Marcial Dorado.
Ademais, o 2013 déixanos cunha das peores noticias para o noso país: a venda, a prezo de outlet da entidade que xestionaba o 40% dos nosos aforros. Esta crónica dunha venda anunciada, impulsada tanto polos gobernos do PSOE como do Partido Popular, acaba co noso sistema financeiro. Mentres o Goberno central declaraba sistémica Bankia para evitar a súa venda, promoveu que Novagalicia Banco fora adquirida pola venezolana Banesco por só 1.000 millóns de euros. Trátase dun suculento negocio para o grupo venezolano e dunha auténtica estafa para o conxunto do país, pois Novagalicia Banco recibiu 9.000 millóns de euros en axudas públicas para o seu saneamento. O noso país queda sen a entidade que fornecía o 60% do crédito total en Galiza e o presidente do Partido Popular que ía rematar co paro en 45 di estar “tranquilo”.
O 2014 non se presenta mellor. Amais das tradicionais noticias sobre o encarecemento da electricidade ou das peaxes, o 2014 vén marcado pola inmimente reforma do aborto de Gallardón; pola mal chamada Lei de Seguridade Cidadá; pola reforma da Lei da Administración Local; pola aplicación da LOMCE; pola suba do canon de Sogama e pola reforma das pensións, unha reforma que impactará especialmente en Galiza, na medida en que temos a porcentaxe máis alta de pensionistas en todo o Estado, pensionistas que, por certo, cobran as pensións máis baixas.
A alternativa, a soberanía
O futuro en Galiza ten faciana de preocupación se atendemos á estatística. O noso país perderá 130.000 habitantes nos vindeiros dez anos. En 2023 seremos un país en que só 4 de cada 10 persoas estarán en idade de traballar. E por que este futuro? Por que Galiza padece esta ruína e está condenada á irrelevancia? Pois porque Galiza carece de capacidade de decisión. A única alternativa ao empobrecemento ao que o Partido Popular someteu o noso país pasa pola soberanía nacional, que non é máis que decidir por nós mesmas, fóra de todas as directrices da troika.
De ser soberana, Galiza podería protexer e impulsar os servizos públicos e a política social, fundamentais para o benestar do pobo. De ser soberana, Galiza tería unha banca de seu que fornecería de crédito os seus sectores produtivos, os e as autónomas do país e as familias. De ser soberana, Galiza podería construír un futuro con base económica propia. De ser soberana, Galiza tería unha autonomía fiscal plena e remataría o inxusto reparto que leva o Estado a recadar máis no noso país do que lle transfire. De ser soberana, Galiza decidiría sobre a cota pesqueira, a cota láctea ou sobre o naval... E así en todos os eidos, porque somos un país rico en recursos, somos un país que pode crear riqueza e postos de traballo de apostarmos polo noso e de poñermos a producir os nosos sectores estratéxicos. A saída da crise só será posíbel cando camiñemos cara á soberanía.