Quo Vadis, Galiza?
Seguramente non é por acaso que nos últimos tempos tense producido unha escalada de deterioro da credibilidade política. Precisamente no momento histórico que hai que definir modelos alternativos no plano económico, precisamente no momento en que sería necesario cambiar paradigmas na estruturación institucional, precisamente no momento en que fai augas por todas partes o modelo capitalista neoliberal, precisamente, en fin, no momento en que a política tiña que ter o protagonismo principal para definir o horizonte, os novos espazos de convivencia, e os modelos económicos; non é casual que existan fortes correntes de poder destinadas a presentar á política, toda, como totalmente desacreditada. É un paso máis para tentar lexitimar definitivamente a subversión das normas máis elementais do sistema democrático: os marcos de convivencia, os modelos económicos, os horizontes de futuro, as relacións sociais teñen que ser "orientadas" e "decididas" polos "gurus", a "gran materia gris" do sistema: o fondo monetario, as grandes corporacións financeiras e mediáticas e as grandes corporacións transnacionais. Os parlamentos, os gobernos, as organizacións políticas e sociais, teñen que converterse en meras executoras, "correa de transmisión" daquelas decisións. Para iso é moi importante que haxa un deterioro da política, e sobre todo deteriorar unha concepción transformadora da política tentando equiparala con aquela outra que defende o "status quo", para que sexa moito máis difícil a acumulación de forzas para modificar de raíz o actual modelo.
Estamos en tempos de encrucillada en moitos ámbitos e onde a política, con maiúsculas, tiña que ser a actividade principal, a política que define marcos institucionais, que define modelos económicos e sociais, que define relacións entre pobos, que define horizontes de igualdade social e benestar para todos, que crea proxectos. Tería que ser así porque a reflexión, consecuencia e actuación lóxicas que se deberían derivar da crise económica tería que ser rescatar para o primeiro plano as MAIÚSCULAS da política.
É certo que hai que darlle solución ás situacións de conxuntura graves, pero o gran asunto en cuestión é ser capaces de ir ás causas do fracaso do modelo e ter a valentía de levantar outro. Esa é hoxe unha das maiúsculas da política, esa debería ser a prioridade principal. E temos que ter presente que esa tarefa de definición do escenario a onde debemos ir, ten hoxe poderosos inimigos que xa teñen decidido que de transformación do modelo nada de nada, e para iso foi necesario tamén producir un deterioro da actividade política transformadora, mesmo ridiculizándoa.
Estamos, pois, en tempos de definición de modelos de futuro, de camiños para recorrer, de definición de marcos económicos e políticos. Esas son, entre outras, as maiúsculas da política actual.
No caso de Galiza, entre esas maiúsculas, está a articulación e definición dun novo marco político e de relación institucional co Estado. O Estatuto da Nación é tamén unha das maiúsculas da política galega. Cando o señor Feixóo pretende utilizar como coartada a oportunidade, para non afrontar a elaboración dun novo Estatuto, porque o que toca atender agora é a crise, está descubrindo a súa servidume á estratexia profundamente españolista do PP.
Os grandes saltos adiante na historia dos pobos téñense vinculado, case sempre, á definición de modelos estruturais, á definición das columnas vertebrais do sistema. O novo Estatuto de nación debería ser a ocasión, non só para definir un novo marco de relación de Galiza co Estado, senón tamén para sentar as bases para desenvolver un modelo económico e de benestar que permita mitigar e saír mellor da crise para que non se repita no futuro.
Nun contexto no que cada vez está máis claro que o Estado español ou é plurinacional ou non será, o debate e elaboración do novo Estatuto de Nación pasa a ser unha prioridade para ir colocando no futuro o carácter de Galiza e o seu pobo como suxeito político de soberanía. Para todo, mesmo para orientar o modelo económico para saír da crise. ¿A onde imos?, ou mellor dito, ¿a onde queremos ir?. É pois hoxe unha cuestión política de primeiro orde. No nacionalismo galego hai respostas ás maiúsculas da política galega.