Querer, poder
Certas frases, aseveracións ou reflexións véñense inserindo incisivamente no decorrer do tempo, non sen certa saudade dun tempo, no que non sei se fomos mellores ou peores. En todo caso un pasado que non fomos quen de repetir.
Isto non é o que lle interesa á xente ou non sabemos estar coa xente, son desde hai uns meses comentarios que con dubidoso fundamento se expresan con abondosa insistencia, xusto cando o nacionalismo está máis na rúa, ao pé da xente, en pé coa xente.
Quero crer que esas afirmacións que afondan nun suposto afastamento, tiveron en conta na elaboración do pensamento as cousas e causas que levan a ser o que somos como sociedade. Non sendo así, a barreira entre necesidade social e populismo pode, perigosa e enganosamente, tornarse difusa.
Prefiro, diante destes posicionamentos, aproveitar o xogo da linguaxe e procurar combinacións verbais que nos animen a un compromiso onde habite, cada vez, máis pobo. Quédome co verbo querer, porque a forza do noso amor precisa conxugar en presente os verbos desiderativos que fagan realidade os versos do poeta.
Tendo claro o obxectivo, só fica falar do xeito de acadalo: A dignidade da nosa lingua proxéctase en manifestacións como a do 17 do mes pasado. Falar, convencer, explicar o porque desta mobilización pode e debe facerse recollendo sinaturas para a Iniciativa popular pola garantía dos dereitos lingüísticos. En definitiva, estar coa xente.
Os e as que están detrás das bambolinas poucas veces son foto da portada no xornal de quenda. Mais, para que haxa representación é imprescindíbel a súa existencia na sombra.
En Valdeorras, década tras década soa un mesmo titular: o recorte dos servizos sanitarios. Década tras década un contratitular fai esmorecer os anhelo da Xunta: Unha plataforma convoca a milleiros de veciños e veciñas na defensa da súa área sanitaria.
O constante desmantelamento de servizos e a diminución da calidade asistencial que se presta no oriente ourensán, a intención de eliminar as áreas periféricas para conformar áreas provinciais colidiu directamente contra a vontade popular representada na Plataforma en defensa da sanidade pública da área do Barco, porque tal e como se leu no manifesto: A sanidade é un servizo que deriva dunha necesidade.
O guión da obra seguiu o esquema doutras moitas obras: anuncio de posíbeis recortes, activación inmediata de mecanismos para frealo e achegamento ao pobo para facelo actor principal da representación a favor da súa propia dignidade.
En Valdeorras, ao igual que noutras comarcas do noso País, o asentamento do nacionalismo é moi escaso. O que non escasea é a vontade de estar coa xente e querer...