Quérennos submisas, bravas nos terán!

Quérennos submisas, bravas nos terán!

Non hai día que non espertemos cunha nova ofensiva do patriarcado contra os dereitos das mulleres. Pode ser desde unha iniciativa do goberno do Partido Popular dirixida a incapacitarnos como suxeitos activos e impedir o noso dereito a decidir, a imposibilitar o noso dereito a prestacións e pensións dignas; un anuncio publicitario sexista e estereotipado, ou mesmo alegórico da violencia de xénero; a publicación da ultima enquisa que amosa que seguemos tendo salarios inferiores e máis precarios, ou dun artigo de opinión de calquera columnista machista. Pero esta semana toucounos aturar citas dun libro que ensina á muller a ser submisa. Falo do libro publicado pola Editorial Nuevo Inicio, a iniciativa do Arcebispado de Granada, “Cásate y sé sumisa”, da italiana Costanza Miriano. Un libro que agardo non sexa espallado polas librarías de Galiza. O cal non sería de estranar.

O feito de que o libro sexa o inicio dunha colección sobre “a vida experimentada aos ollos da muller e desde a fe” tal e como recolleu o Arcebispado de Granada, non debe sorprendernos. Javier Martínez é o arcebispo que nunha homilía afirmou “que si unha muller aborta da aos varóns a licenza absoluta, sen límites, de abusar do seu corpo”, ou que comparou a Lei do Aborto e o réxime de Hitler, dicindo que “os crimes nazis non eran tan repugnantes coma os que permite cometer a norma”, que “o home está feito para o altar e as mulleres para parir”.

Ante estas verbas, vou facer un exercizo de autocontrol, e empregarei unha reflexión do teólogo Juan José Tamayo nas Xornadas de debate “A muller nas relixións”: “No século XX as relixións perderon á clase obreira porque colocáronse do lado da patronal e condenaron as revolucións que loitaban por unha sociedade máis xusta; no século XX perderon á mocidade e á intelectualidade por posicionamentos filosóficos e culturais integristas e antimodernas, e se continúan pola senda patriarcal, neste século XXI perderán ás mulleres” (a aquelas, que aínda non a teñan abandonado, engado eu).

O preocupante é que, pese a atrocidade destas afirmacións, o poder político e xudicial non actuou contra el. Son quen de sancionar económica e xudicialmente ás mulleres que participamos o 9 de marzo na mobilización convocada pola Plataforma Galega Polo Dereito ao Aborto, ou na manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego do pasado 17 de maio, mais non actúa, ampara e mesmo acompasa a un home, representante público, e superior xerárquico dunha institución, que fai apoloxía da violencia contra as mulleres.

A este goberno que tanto se lle enche a boca en falar de combater o terrorismo, porque non fai o mesmo por protexer e loitar contra o terrorismo machista? O outro día vin unha foto en internet dunha pintada na parede que dicía “os machistas matan máis ca ETA”. Esta afirmación non só é certa, senón que debe facernos reflexionar sobre cal é o motivo polo cal as nosas tripas remóvense cando falamos dunhas vítimas, e a total normalidade coa que reaccionan ante as outras.

Que se pode esperar do goberno do Partido Popular, que emprega como lema para fomentar o comercio local na súa campaña “WAPA Coruña” –por iso de fuxir do topónimo-, “Antes muerta que sencilla”, que nin sequera interesouse pola situación dun grupo de vítimas da Asociación Ve-laluz, que fican nun local da cidade desde hai preto de catro semanas en folga de fame demandando protección real para elas e as súas crianzas, un goberno que aplica recortes orzamentarios aos programas das vítimas do terrorismo machista, no canto de incrementar as axudas ás mulleres, e de prestarlles atención psicolóxica e xurídica e mesmo a crear xulgados específicos de violencia de xénero.

Xa hai tempo que determinados sectores da Igrexa pretenden recuperar o rol tradicional da muller casada, heterosexual, submisa ao marido, obediente e servil. E están a facelo empregando tamén ao Partido Popular para que lexisle en contra dos dereitos das mulleres, ben sexa en Galiza (velaí está a Lei da familia e convivencia, as axudas a Red Madre e outras organizacións relixiosas), ou no estado español (presionando para que modifiquen a Lei do aborto, a Lei do matrimonio homosexual, e mesmo a Lei de igualdade). O perigoso é que este libro (líder en vendas en Italia), poida chegar de Granada ás librarías do noso país coa mesma boa acollida. Que sexan as propias mulleres as que acepten colocarse nun nível de inferioridade respecto dos homes, porque entón estarán aceptando e fomentando unha das causas polas que existe e perdura a violencia machista.

A explotación da muller é vital para o capitalismo, e como tal, non pode impoñerse nin manterse sen violencia. Somos coñecedoras de que as mulleres somos explotadas neste sistema capitalista a través dunha política salarial discriminatoria, a través das categorizacións en postos inferiores e peor remunerados, e por suposto, mediante a apropiación gratuíta do traballo no fogar e dos coidados. Esta dobre explotación aséntase sobre estruturas represivas que reprimen, violentan e coaccionan ás mulleres desde que son crianzas.

O sistema educativo segregador, as ultimas reformas laborais e das pensións, os propios medios de comunicación e a familia manifestan esta represión. A violencia contra as mulleres prodúcese e aliméntase dentro da familia, no modelo patriarcal desta, onde a submisión, o medio, o silencio a amparan e a reproducen, xeración tras xeración. Coa imaxe de muller submisa e obediente, perdura a servidume e a escravitude que o capitalismo pretende espallar a costa das nosas vidas.

As institucións relixiosas veñen desenvolvendo unha labor de adoutrinamento patriarcal, manipulando ao home para que se crea e actúe seguindo un papel de dominador (outorgado por orde divina), reprimindo e condenando os actos da muller que non sexan a obediencia e submisión ao mesmo home, que á súa vez, debe obediencia a unha instancia superior.

Pero na sociedade patriarcal sae mal parado tamén o home, xa que o poder o engaiola nun rol incuestionábel que debe acatar e perpetuar, impedindo que nin o home nin a muller (ben sexa nunha relación heterosexual ou homosexual) poidan desenvolver relacións de amor e solidariedade, destruíndo a sexualidade da muller e condicionando a do home, para organizar a súa reprodución e construíndo unha sociedade autoritaria, xerárquica, discriminatoria e hostil. A autoridade é o principio reitor que serve para adoutrinar aos fillos e fillas, e tamén na escola. E cando alguén decide denunciar ese modelo autoritario, ben sexa no ámbito da familia, da xustiza, ou do poder estabelecido, cando rompe o patrón da submisión obtén o castigo, que non é outra cousa que unha manifestación máis da violencia.

Por iso, tanto as mulleres coma os homes deben –debemos- rachar co modelo estabelecido. Non chega con manifestarse os 25 de novembro contra a violencia machista, poñerse unha fita negra ou lila na chaqueta, ou con manter uns minutos de silencio cando asasinan a unha muller. É preciso rebelarse contra este sistema podrecido e enfermo desde dentro.

Para revolucionar estas estruturas precisamos de todo un exército de mulleres bravas que sexan quen de plantarlle cara ao patriarcado e construír un novo modelo de vida, de sociedade e un novo sistema.

Quérennos submisas, bravas nos terán!