Queremos ser Problema de Estado

Queremos ser Problema de Estado

No que vai de 2014, 41 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas no Estado Español, 5 máis que na mesma data do ano pasado. Se reparamos na orixe das asasinadas, os dados en Galiza son de total emerxencia. Andalucia (8,5 millóns de habitantes) encabeza a macabra listaxe con 10 mortas no que vai de ano. A segunda sería Cataluña (7,5 millóns de habitantes) con 8 mortas e en terceiro lugar Galiza (2,7 millóns de habitantes) con 6 mortas. Os números non precisan comentarios se queremos entender cal é o nivel de violencia que existe no noso País. E este sería só o nivel máis grave de violencia, máis hai moitos outros: precariedade laboral, pobreza, acceso ao crédito, no que tamén as mulleres saimos mal paradas.

O tratamento que destas mortes da a sociedade é terríbel. Minutos de silencio e consensos que non van máis alá de declaracións lacrimóxenas por parte dos mesmos que recortan en recursos para rematar con esta lacra ou aplican políticas económitas que levan a miles de mulleres deste país a miseria e a dependencia, unha das principais orixes da violencia.

Estes días, vivimos un episodio máis de como se pode trivializar, aínda máis, o asasinato de mulleres. O recente escollido secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, dentro da súa campaña de marketing político, para aumentar o seu nivel de popularidade, tanto pode chamar en directo a un programa de máxima audiencia adicado á crónica do corazón como propoñer que as asasinadas teñan un funeral de Estado.

Os funerais de Estado son unha boa oportunidade para conseguir a foto fácil coa que demostrarlle a opinión pública o moito que che importan @s cidadáns. Os manuais que utiliza Pedro Sánchez din que humanizan ao dirixente e achégano “al pueblo”. A carreira pola popularidade deste señor levao a ser capaz de facer ou dicir calquera cousa con tal de que os focos das cámaras se dirixan cara el. E tod@s sabemos os vos resultados electorais que se poden conseguir saindo moito na tele ou con unha boa presenza nas redes sociais.

Os novos medios de comunicación poden ser unha ferramenta útil para organizarnos e traballar na transformacións da realidade, pero na maioría das veces non se utilízan con este fin. Hai moit@ revolucionari@ apolític@ de Apple. O despotismo ilustrado do século XXI, no que a algúns/algunhas se consideran élite dunha cidadanía que din representar, pero que prefiren ter non demasiado perto, porque iso de convencer “al pueblo” require traballo real e agora o traballo que está de moda non é o de organizar a traballadores/as, desempregad@s ou veciñ@s . O que está de moda é o marketing político, como o que practica Pedro Sánchez.