Queremos que volten!

Hai que seguir a dicir ben alto que o "Galiza non protesta, emigra" debe mudarse polo "Galeg@s non emigredes, protestade reclamando o que é voso".
Rachar coas dinámicas perversas neste país non é doado. Hai círculos viciosos que unha vez e outra se repiten e se alimentan sen fin. A emigración é unha das consecuencias máis persistentes e negativas da dependencia que padece Galiza dende hai séculos. Ao propio tempo, a emigración é tamén causa que contribúe a esa dependencia no político e no económico continuar.
É indubidábel que a situación económica e as perspectivas de desenvolvemento persoal impulsan á xente a buscar saídas para a realización dos seus proxectos de vida. Sexan estes cumprir unhas expectativas de traballo e de consideración social, desenvolver unha profesión para a cal botaron moitos anos, cartos e esforzo en prepararse ou a mellora das condicións materiais e a simple supervivencia en ocasións, todos eles son determinantes para que a nosa mocidade emigre. Nos últimos tempos a xente moza que abandona o país medrou até acadar valores máis ca preocupantes. 227.028 menores de 34 anos emigraron entre 1992 e 2010, e as cifras son crecentes, pois os últimos catro anos foron os de maior emigración, o triplo cós dados de hai dúas décadas. 28.842 galegos e galegas emigraron o ano pasado. Dentro destas persoas, os que máis marchan son o grupo de idade entre 25 e 34 anos, isto é, as persoas que remataron unha formación, normalmente superior, e que van comezar a súa vida laboral, constituír unidades familiares e ter fillos/as. O colectivo inmigrante non compensa en absoluto a saída de persoas cara fóra de Galiza, debido tamén á falla de oportunidades laborais e déficits de servizos que padecemos e que fai ao noso país un lugar menos atractivo ca outros para se asentar.
O resultado disto é unha influencia negativa na nosa estrutura poboacional, con influencias a medio prazo, que se suman aos efectos da emigración anterior aos anos 70. Por exemplo, no ano 2017 prevese que o número de persoas maiores de 65 anos case dobre o de mozos e mozas entre 15 e 29 anos. En definitiva, unha situación con consecuencias sociais, económicas e de todo tipo que enmagrecen a nación.
Historicamente a contribución da emigración foi relevante en moitos aspectos. As remesas de cartos que contribuíron ao desenvolvemento do país, as iniciativas culturais máis diversas, o propio espazo de acollida que supuxo en tempos de ditadura e exilio. A dualidade da emigración pode ollarse na imaxe dos emigrantes embarcando en lanchas ateigadas para subir aos transatlánticos como moderna versión dos barcos negreiros, pero tamén nas casas de indianos ou as escolas de emigrantes que por todo o país se ergueron como reacción a unha situación discriminatoria que os promotores non desexaban for perpetua. Agora quizais estas imaxes non son tan evidentes, a emigración é máis discreta, tinguida de individualismo e nalgúns casos de cosmopolitismo. Pero a sangría de xente nova segue a ser un fracaso colectivo, para alén dunha saída individual. Moi oportunamente Galiza Nova leva denunciando dende hai varios anos esta situación, que parecía esquecida ou superada, e deulle visibilidade a un problema de fondo da sociedade galega. Hai quen non gusta de convivir con esta realidade molesta. Os gobernos galego e estatal non queren recoñecer o problema: ou ben se oculta a súa dimensión ou se reduce a unha simple opción das persoas. Pero para poder escoller debe existir a posibilidade de ter varias alternativas. E os mozos e mozas galegas non poden en moitos casos desenvolver a súa vida na súa terra, cun posto de traballo con garantías e digno. Así, a emigración é a única saída, non unha escolla.
O capital humano é a base para o desenvolvemento dunha nación. A perda dos sectores máis dinámicos supón polo tanto un lastre para o futuro de Galiza. A "baltarización" de Galiza, isto é, a extensión dun modelo socio-político caciquil, sen perspectivas de futuro no medio dun deserto económico é un feito que se pode comprobar, por exemplo, co brutal recorte do sector naval en Vigo. A expulsión cara a fóra de Galiza de milleiros de persoas en idade de traballar provoca unha sociedade máis dependente, máis susceptíbel de ser presa das redes do paternalismo político, menos dada a protestar e máis a resignarse e procurar saídas individuais a curto prazo.
A falla de dinamismo económico séguelle unha falla de dinamismo social e político, que lastra as posibilidades de trocar as tendencias de fondo deste país. Por iso precisamos o traballo, o esforzo, a loita da xente nova. Necesitámolos para transformar o país, para acadar entre todos/as un futuro que dea oportunidades a cada un dos galegos e galegas. Necesitamos que os mozos e mozas fiquen aquí para loitar por unha Galiza ceibe, para que sexa unha terra que dea opcións aos seus fillos de poderen vivir nela.
Queremos que volten Ana, Elisa, Xabi, Mar, Paula, Verónica, Eduardo, Alberto, María, Merchi, Xulio, Virginia, Pablo, Eva, Irene, Mónica, David, Chus. Non son nomes ficticios. Se pensarmos un pouco todos coñecemos un feixe de compañeiros de estudos, de amigos e coñecidos que tiveron que emigrar estes anos. Por eles propios e por todos nós, necesitámolos. Queremos que volten a casa.